O Concello de Marín resucita como fillos adoptivos dous fascistas ministros de Franco

As honras fóronlles retiradas polo Goberno anterior, de BNG e PSOE, en cumprimento coa Lei de memoria histórica. A nova alcaldesa, que posúe maioría absoluta, volveu incluír os seus nomes na páxina web do municipio, tratándoos de ''ilustres militares''

De "ilustres militares" trata na súa páxina web o Concello de Marín a Salvador Moreno Fernández e Pedro Nieto Antúnez, dous fascistas que fixeron parte do levantamento do 18 de xullo de 1936 contra a república e que posteriormente ocuparon o cargo de ministros de Marina baixo o mando de Franco. En cumprimento da Lei de Memoria Histórica, as honras fóranlles retiradas a ambos nun pleno do Goberno anterior, unha coalición entre PSOE e BNG encabezada por Francisco Veiga (PSOE). Mais a nova corporación municipal, liderada con maioría absoluta por María Ramallo (PP), volveu colocar a Moreno e Nieto na listaxe de fillos adoptivos do municipio.

"Rexistraremos unha reclamación por escrito para que os nomes destas dúas persoas sexan retirados de inmediato", informou a voceira nacionalista en Marín, Pilar Blanco, após coñecer os feitos, que cualificou de "flagante incumprimento da lei".

Entende Blanco que a colocación deses dous nomes na web municipal "é intencionada", xa que a páxina foi creada recentemente e pola equipa conservadora. Sinalan os textos que acompañan os nomes dos dous fascistas que foron nomeados fillos adoptivos "por decisión plenaria", se ben non se inclúe ningunha data. Foi en 1944 cando a corporación lles outorgou tal distinción, aínda na ditadura.

Segundo informa o BNG de Marín, "hai que lembrar que Pedro Nieto é culpábel, entre outros feitos abominábeis, de tomar o Concello de Marín o 20 de xullo de 1936, e de deter entre outros, o alcalde da corporación democrática, Antonio Blanco Solla, mentres Francisco Bastarreche ocupaba as rúas de Marín coas tropas golpistas. Pola súa parte Salvador Moreno, atopábase en Ferrol durante a sublevación fascista contra o réxime democrático da República, na cal participou e onde foron asasinados moitos militares leais a legalidade vixente. Entre os moitos feitos delituosos nos que participou, destaca o asedio á cidade de Xixón, á cal someteu a intensos bombardeos".

Comentarios