A Galiza ignorada

O Pardo de Cela vivo

Non hai outro personaxe histórico máis vivo entre as xentes do común da comarca da Mariña. Mentres é albo das críticas máis duras por parte da historiografía españolista e académica, a tradición popular das terras nas que un día morou segue a recoñecelo como un heroe. Transcorridos máis de cincocentos anos da súa morte, as lendas e contos sobre Pardo de Cela transmítense de xeración en xeración, mantendo presente a lembranza do mariscal rebelde. Eis un estrato da peza publicada no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza.
f_9_PardoCela

a tradición oral é a auténtica crónica histórica das nacións colonizadas. A tese formulada por Frantz Fanon en Socioloxía da revolución, que serviu de base para a reconstrución do pasado das nacións emancipadas na década dos sesenta e que actualmente guía os estudos historiográficos da corrente poscolonial, non gozou de seguidores no noso país.

Os traballos nesa dirección dunha parte dos historiadores galegos, cortada de pleno polo alzamento fascista que impuxo un novo canon historiográfico, non terán continuidade após 1936, sometendo a Pardo de Cela e a outros fitos da nosa Idade Media a unha revisión que a fixera integrábel no relato xeral español. A este respecto, Francisco Rodríguez, nun traballo pioneiro sobre o mariscal rebelde, sinalou como “o episodio de Pardo de Cela foi un síntoma que acadou a categoría de símbolo, a través da lenda, da literatura popular, non a través dunha tradición histórica inexistente para os países colonizados no “mundo da cultura”.

mini_9_PardoCela

Pardo de Cela, un símbolo vivo na memoria popular

A memoria popular arredor de Pardo de Cela non escapou dos embates do cambio social nin das mudanzas na formación social galega. Malia a todo, unha parte importante da mesma mantense presente na tradición oral, na xeografía e na literatura popular, conservándose outra, nos traballos de recolleita etnográfica levados adiante desde as décadas finais do século XIX.

Sinálanse, entre estes últimos, as achegas de determinados autores da área mariñá, como o historiador Xosé Villamil e Castro, o poeta Manuel Leiras Pulpeiro, o escritor Antón Vilar Ponte ou o cronista de Mondoñedo Eduardo Lence Santar, pero tamén do resto de Galiza como Xosé Filgueira Valverde e sobre todo Xosé María Álvarez Blázquez. Máis recentemente, outros autores da mesma zona como Antonio Reigosa, Manuel Lourenzo, Xesús Pisón ou Isaac Ferreira, teñen continuado este labor de recolleita, non merecendo atención debida por parte da disciplina histórica.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]  

Máis en Información do Reino
Comentarios