In memóriam

O noso Ramón Muñiz

Personifica o esforzo dunha xeración por dotar a Galiza dun movemento nacionalista que voltase a situala na historia. Nado en Ourense por volta de 1942, Ramón Muñiz de las Cuevas ficará sempre presente a carón das grandes loitas do pobo galego e dos esforzos da nosa sociedade por autorganizarse. 

ramon muñiz
photo_camera Ramón Muñiz

Rexurdiu galego consciente en Madrid. Estudante de socioloxía na capital do Estado, non tardou en incorporase ao Seminario de Cultura Galega do Club de Amigos da Unesco, iniciando un compromiso coa loita nacionalista que xa non abandonaría. Afiliado á UPG en 1967, fixo parte da autodenominada célula “Che Guevara”, a carón doutros mozos como Xosé Torres, Henrique Harguindey, Carlos de Escairón, Xosé María Álvarez ou Xosé Ramón Nores, participando activamente na loita antifascista dos patriotas galegos no movemento estudantil madrileño. O propio Muñiz, nun artigo publicado en Sermos Galiza, lembraría este capitulo da loita galega en Madrid sinalando que "un día do curso do 68 un grupo de estudantes galegos en Madrid puxemos unha pancarta na facultade de Políticas en solidariedade coa rebelión democrática nas aulas da universidade compostelá. O carácter nacionalista do texto e o rechamante para os estudantes de Madrid que estivese escrito en galego, chamou asombrosamente a atención que ata fixo que viñese a vela Bautista Álvarez e por riba se conseguise realizar unha asemblea dedicada exclusivamente a tratar o problemas das nacións históricas estatais”.

É unha das biografías que fixo posíbel a conversión do nacionalismo galego nun amplo movemento de masas ao longo da década dos setenta. Sociólogo de extensión agraria en localidades como Ribadeo, Monforte ou Compostela xogaría un papel chave na creación e posta en marcha do sindicalismo agrario galego. Na súa condición de responsábel agrario do comité executivo da UPG impulsou o nacemento dos Comités de apoio á loita labrega e das Comisións Labregas, colaborando de xeito decisivo na orientación da loita contra a cota empresarial agraria e na dirección das grandes mobilizacións de Xove e As Encrobas. Marcelo, ese era o nome de guerra co que coñeciamos a Muñiz na clandestinidade, sufriu en diversas ocasións de xeito directo a represión franquista, véndose obrigado a exiliarse en Portugal a raíz da caída da UPG de agosto de 1975 que rematou coa vida de Xosé Ramón Reboiras Noia.

Sociólogo de extensión agraria en localidades como Ribadeo, Monforte ou Compostela xogaría un papel chave na creación e posta en marcha do sindicalismo agrario galego

Nunca desfaleceu no seu compromiso patriótico. A importante participación na reformulación da fronte patriótica en 1982, o labor como representante dos colectivos independentes na xestora e na primeira dirección do BNG, o impulso e dinamización a iniciativas sociais como a “Irmandade Moncho Valcarce”, a presenza nas grandes citas do nacionalismo ou as súas colaboracións periódicas no Sermos Galiza son un exemplo disto. Os que tivemos a sorte de coñecelo e compartir conversas con el nos últimos tempos sabemos da esperanza e dos folgos cos que seguía o proceso catalán, da preocupación co que observaba a reacción conservadora no Estado ou da mágoa que sentía pola debilidade da base material obxectiva da nación galega. Sabíase un corredor de fondo, sentíase parte dun proxecto que vai alén das propias biografías persoais e non tiña dúbidas do futuro.

Comentarios