Alumnas de Vila de Cruces recollen historias sobre guerrilleiro

O que se conta do Foucellas na casa

Lidia Torres, estudante do instituto Marco do Camballón, en Vila de Cruces, nunca sentira falar de Benigno Andrade García, o Foucellas. Até que o Clube da Lingua do centro lle propuxo que preguntase na casa. Torres e outras 36 alumnas regresaron con 37 historias de vida, anécdotas de aire lendario e testemuños referidas ao paso do mítico guerrilleiro antifascista por esa comarca do interior galego.

foucelllas
photo_camera O libro 'O Foucellas en Vila de Cruces'. Foto: cedida.

“Cando lle preguntamos as familias, apareceu por todas partes”, conta Torres a Sermos Galiza, “a min foi a miña avoa a que me contou”. A señora escoitara do Foucellas a un veciño, non quixo dicir a quen. E o retrato non era nin amábel nin axustado de todo á realidade: “Era moi coñecido e dicían que roubaba. Tamén dicían que un veciño lle axudaba. A este parouno un día a policía e ameazouno para saber onde estaba”.

foucellas

A narración da avoa de Lidia Torres, canda as outras 36, foi dar ao libro O Foucellas en Vila de Cruces, coordinado polos profesores Séchu Sende e Diego Rodríguez e que se presenta este 30 de maio, ás 11.30 horas, no propio centro. Nas súas páxinas, “o que lle contou a xente maior aos rapaces e rapazas do instituto”. “Hai de todo, claro”, explica Sende, “da lenda negra e a propaganda fascista a outra visións, moi interesantes do punto de vista humano”.

Contén ademais unha parte historicamente documentada que achegan o historiador Manuel Igrexas e os escritores Carlos Reigosa e Ramiro Vidal. “As mozas e mozos tamén recolleron feitos históricos. Como a de aquel falanxista que se suicidou despois dun aviso da guerrilla”, di Sende, el mesmo escritor.

Alexandra Torres é outra das rapazas investigadoras sobre o Foucellas en Cruces. A súa fonte é anónima. “Contoume quen era o Foucellas e que había outros grupos de persoas que roubaban e que usaban o seu nome”, di. Eis o carácter case de mito, atravesado pola desinformación franquista, que chegou a adquirir o maquis. E é que o combate contra a distorsión da verdade histórica atópase ao fondo do proxecto do Marco do Camballón.

“Decatámonos de que había unha enorme falta de memoria histórica”, considera Séchu Sende, quen, a partir das teses do libro Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na sociedade galega do século XXI (2.0 Editora, 2012) de Xurxo Ayán e Manuel Gago sobre a implicación da veciñanza no desenvolvemento social, iniciou o proceso. “Dixemos, imos preguntar na casa polo Foucellas”, sinala.

“Unha das razóns polas que publicamos este libriño é para contrastar a rumoroloxía coa Historia”, afirma o limiar de O Foucellas en Vila de Cruces, “porque sabemos que o personaxe do Foucellas está construído tamén con invencións e difamacións promovidas polo réxime de Franco, e aquí confiamos na historia como ciencia e porta de coñecementos contrastados”.

Nado en Mesía en 1908, Foucellas foi un militante da CNT que se botou ao monte para pelexar contra o levantamento fascista de Franco en 1936. A súa figura tomou dimensións lendarias. En 1952 foi agorratado na prisión da Coruña, tres meses despois de ser atrapado. “Estas páxinas intentan coñecer algunhas das historias do paso de Benigno López Andrade polas terras de Vila de Cruces para completar a imaxe sobre este personaxe histórico”, resume o prólogo.

Comentarios