O estatuto do 36

28 de xuño de 1936 relízase o plebiscito do Estatuto. Segundo o escrutinio oficial, dun censo de 1.343.135 votou 74,56%. Dos 1.000.963 votos emitidos, 993.351 foron a favor, un 99,24%,
Votacion estatuto galiza
photo_camera Colas de votación o dia do referendo nun colexio electoral de Compostela (Ahora)

Foi unha carreira de obstáculos. A demanda dun estatuto para Galiza vai estar presente na proposta programática das plataformas políticas articuladas en 1930 co obxectivo de definir unha alternativa de ruptura co réxime monárquico, formalmente concretadas no Pacto de Lestrove, onde era patente a influencia da Irmandade da Fala da Coruña, e no Pacto de Barrantes, impulsado polos antigos núcleos da ING. A existencia destes compromisos explicará a activación do proceso nas primeiros semanas da etapa republicana, do que é exemplo a asemblea celebrada na Coruña o 4 de xuño de 1931. Porén, o entusiasmo inicial daría paso a unha parálise do proxecto, vinculado á definición do modelo territorial recollido no texto constitucional, moi por baixo das expectativas do nacionalismo, a oposición a dereita e a esquerda dunha parte importante das forzas políticas de obediencia española e a resistencia do sector maioritario da ORGA, ao incumprir  Casares Quiroga os compromisos aos que tiña chegado no momento da constitución da formación cos nacionalistas coruñeses.

Non estivo exento de complicacións. Arrombada a demanda estatutaria do centro do taboleiro político após a euforia inicial, o Partido Galeguista, fundado en Pontevedra en decembro de 1931, veuse obrigado a despregar todos os esforzos para facer efectiva a reivindicación. A comezos de 1932, no marco dunha campaña de axitación dos nacionalistas na prensa, Henrique Raxoi Leloup, respondendo a unha xestión directa realizada diante del por Castelao, propón ao pleno de Compostela a convocatoria dunha asemblea de concellos, celebrada o 3 de xullo, onde se acordará a constitución dunha comisión redactora do texto estatutario. O documento aprobado polo grupo redactor, sometido a exposición pública e proceso de emendas das entidades locais, corporacións públicas, forzas políticas e particulares, será referendado  en decembro  de 1932, fixándose, despois dun ano de forte debate entre os promotores, o 17 de decembro de 1933 como data para a súa votación. As novas circunstancias abertas co trunfo electoral das dereitas en 1933 e o proceso involutivo que o segue, retrasará o seu sometemento a referendo ao 28 de xuño de 1936.

O Partido Galeguista foi o motor da reivindicación estatutaria. Só a organización política do nacionalismo mantivo unha posición inequívoca e compacta en defensa do dun marco político que non enchía as súas reivindicacións pero que entendían como un punto de partida no camiño da liberación de Galiza. Uns mantiveron un rexeitamento frontal ao estatuto, sinalándose particularmente as forzas de confesión fascista, cuxo nacemento e desenvolvemento en Galiza están ligadas ao combate ao texto autonómico. Outros expresaron a súa oposición pola vía do abstencionismo orgánico e a deslexitimación do proceso, caso de Renovación Española ou as seccións galegas da CEDA, virando o Partido Comunista e o Partido Socialista do seu rexeitamento inicial, no caso deste último por un ferreño centralismo que convertía posturas  como as de Xaime Quintanilla en anecdóticas, ao apoio, como  consecuencia dos seus compromisos na Fronte Popular. Ao tempo as forzas republicanas da esquerda burguesa, formalmente favorábeis á autonomía, amosaron a súa contradición na práctica, significándose nesta labor Santiago Casares Quiroga.

O nacionalismo nunha foi autonomista. O papel desenvolto na loita pola consecución do estatuto levou a algúns sectores a cifrar na autonomía os obxectivos estratéxicos do Partido Galeguista e en consecuencia do seu núcleo dirixente. A este respecto Daniel Castelao nas páxinas do Sempre en Galiza deixou claro que o estatuto era un punto de partida para os nacionalistas e que non recollía as súas aspiracións programáticas. A opinión do de Rianxo recolle as posicións mantidas polo nacionalismo , expresado de xeito claro na súa declaración de principios e no propio debate do texto, onde o Partido Galeguista fixo constar un voto particular ao seu artigo primeiro definindo Galiza como nación. Na mesma liña expresaran con anterioridade a súa posición sobre o autonomismo dirixentes como Alexandre Bóveda, Víctor Casas, Anxel Casal, ou Otero Pedraio, sinalando dous días antes do referendo que “o nacionalismo non é autonomista, porque autonomía é descentralización administrativa, é o nacionalismo aspira a volver a nación galega a soberanía roubada”. 

A variábel que explica os termos e o alcance da conformación da Fronte Popular en Galiza é a consecución do estatuto. A política practicada polos gobernos do bienio representou unha volta atrás na concepción do modelo do estado, exemplificado na paralización dos procesos estatutarios vasco e galego e na suspensión da autonomía catalá, e evidenciando que nunha república virada á dereita non había espazo para as reivindicacións dos pobos. A certificación desta situación levaría ao Partido Galeguista a explorar novos acordos que ensancharan a base autonomista, negociando primeiramente un pacto electoral de amplo espectro con Manuel Azaña a mediados de 1935, alongándoo  posteriormente en xaneiro de 1936 aos partidos de clase, sobre o compromiso programático central da aprobación do estatuto nese mesmo ano.A comezos de xullo, unha vez aprobado o estatuto, os nacionalistas comezarían a abandonar a coalición unitaria, exemplificado nas renuncias as súas responsabilidades institucionais por parte dos seus cargos locais, como acontece en Compostela coa dimisión de Anxel Casal e do resto dos concelleiros do Partido galeguista.

Os resultados electorais do 28 de xuño de 1936 son a consecuencia dun grande movemento de mobilización social. Ao pouco da súa aprobación comezaron as dúbidas sobre a limpeza do proceso e das supostas irregularidades no escrutinio, labor no que se sinalaron os dirixentes da dereita, o primeiro en denuncialo foi Calvo Sotelo, e os seus medios de comunicación, vexase El Ideal Gallego, co obxectivo de cuestionar a vontade de autogoberno expresado de xeito tan rotundo polo pobo galego. A legalidade, as formalidades e a transparencia das votacións, non diferiron doutros comicios celebrados en Galiza e no Estado español durante o período republicano, cuxos resultados non foron postos en cuestión, sendo semellantes os argumentos utilizados no país, aos empregados para o referendo catalán e vasco, cualificados tamén pola reacción como “pucheirazos”. Abonda un repaso ás imaxes que nos deixou as xornadas, con longas colas de persoas agardando para votar, ou a intensa campaña de axitación previa para medir o apoio da sociedade a esta demanda.

A vitoria chegou tarde. Os sucesivos retrasos que viviu o proceso estatutario impediu institucionalizar un poder galego, con todas as limitacións do modelo territorial galego, que posibilitase verificar unha política nunha chave propia, fixar unha idea de goberno propio que se mantivese no noso imaxinario social ou facer fronte en mellores condicións ao propio golpe de estado fascista. As palabras de Daniel Castelao ao respecto, a propia comparativa cos outras dúas nacións que contaban con estruturas de autogoberno ou o propio papel dos representantes do goberno central en Galiza, simbolizado na ineficacia e falta de iniciativa dos gobernadores das catro provincias, son significativos ao respecto. Aínda así, a perseveranza dos nacionalistas por dotalo de personalidade xurídica, ben nas cortes de Monserrat ou nas súas xuntanzas no exilio, o que lle valeu duras criticas a Castelao por parte de sectores da oposición, acusándoo de derivar a atención sobre o fundamental, serviu  para sentar as bases para o recoñecemento do país como nacionalidade histórica no texto constitucional de 1978.

Comentarios