O ensino no Campo dos Mártires en Sobredo

Cándida Rodríguez González, Xaquín Estévez Besada e Venancio González Romero son os nomes dos mártires de Sobredo, na parroquia de Guillarei en Tui, que o alumnado da comarca homenaxea desde hai máis de dez anos. 

O 28 de novembro hai 90 anos que se produciron en Sobredo na parroquia de Guillarei en Tui, un dos sucesos máis significativos e simbólicos da loita agraria galega. O xulgado de Tui, acompañado pola garda civil trasládase a Sobredo para embargar os bens do veciño Ignacio Gómez, máis de 2000 persoas, veciñanza das parroquias da contorna, concéntranse ao toque dos sinos das igrexas para mostraren a súa oposición, a forza pública dispara contra os agrarios, tal e como lembra, o xornal Galicia, ocasionando as mortes de Cándida Rodríguez González, Xaquín Estévez Besada e Venancio González Romero ademais de varios persoas feridas. Desde hai máis dunha década o alumnado do CEP Altamira de Salceda de Cas

elas, O IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, o IES San Paio de Tui e o IES Indalecio Pérez Tizón (antigo IES Francisco Sánchez), desprázanse ao Campo dos Mártires para realizar unha homenaxe aos Mártires de Sobredo en que lembran os sucesos alí ocorridos, a loita agraria e recitan uns poemas da literatura galega escollidos pola súa temática histórica e pola reivindicación das liberdades. O acto acompañado por música, interpretada polo alumnado, remata cunha ofrenda floral con cravos vermellos e brancos, e co himno galego.

Esta celebración permite a convivencia e o traballo en equipo e organizado entre todos os centros de ensino e o gozo dun día de convivencia en que non falta un anaco de rosca para rematar a festa. Nesta ocasión para celebrar o 90 cabodano houbo sorte e luciu o sol.

 

 

 

Comentarios