30 de agosto: Día internacional d@s desaparecid@s. Camboia. A Mariña

O 30 de agosto conmemórase o Día Internacional das Vítimas de Desaparicións Forzadas. Máis de 88.000 vítimas do franquismo seguen soterradas en gabias, foxos ou foxas comúns no estado español. Só Camboia supera esta cifra de número de desaparecid@s
Bandeira da CNT no lugar onde se atoparon restos de anarquistas asasinados
photo_camera Bandeira da CNT nun lugar onde se atoparon restos de anarquistas asasinados

Borralleiros. Pequena aldea na parroquia de Vieiro (Viveiro). O vello sinala a contorna que rodea o pequeno val, entre o río Landro e o monte O Penido e máis ao lonxe O Cadramón, e afirma: "Fartáronse de gatillar xente todo por aí. Fartáronse". Despois chama polo can, que o acompañaba no paseo e aproveitara a conversa para ir fedellar a uns prados, e prosegue o seu percorrido. Vieiro. La Rusia Chica. As minas da Silvarosa fixeran na década dos trinta daquela zona un niño de afiliados á CNT e á UGT. E, por riba, con algún que outro mestre do Partido Galeguista a dar aulas na contorna. Mineiros e escolantes (que se dicía daquela). Roxos e separatistas. Chegou o 18 de xullo do 36 e nesta pequena aldea da Mariña coñeceron o que era o horror. Non o poético discurso de Marlon Brando en Apocalypsis Now, non. O horror, o terror de verdade: Tiros na caluga, testículos cortados, dentes arrincados e mulleres violadas. Malleiras, malleiras e malleiras. Rapaces de 15 anos (Pepe de Pardo) que acaban nun campo de concentración en Rianxo por ter carné socialista. Terror protagonizado, tamén, por algúns dos seus propios veciños. Vieiro. Joder, Vieiro, hoxe en día unha parroquia do máis tranquila, apacíbel e fermosa. Un pequeno paraíso a 5 minutos de Viveiro ideal para criar aos fillos.

Esta quinta, 30 de agosto, conmemórase o Día Internacional das Vítimas de Desaparicións Forzadas. Na Galiza tamén as houbo. E non poucas. Desde a Federación de Foros pola Memoria lembran que o estado español é o segundo país do mundo, despois de Camboia, con máis mortos nas gabias. Aínda por desenterrar. 88.000, afirman. A democracia española aínda non investigou o terror de estado que desde o 36 (ou 39 segundo o territorio) ao 75 anegou o estado español.O xornal  Público inclúe hoxe unha reportaxe sobre esta data e o seu significado.

Sinálase que no conxunto do estado español hai 2.246 foxas comúns. Das cales, medio cento estarían na Galiza. Mais quen sabe. Neses mapas non se contemplan as rías, cuxos fondos foron destino (como ben ilustrou Castelao en No fondo do mar) en non poucas ocasións de corpos (de mortos e de aínda vivos) que pasaron polas mans de falanxistas e garda civís.

Comentarios