Remata o coleccionábel ‘Os nomes do terror’

Novas perspectivas para a memoria dos vitimarios

O coleccionábel Os nomes do terror chega ao seu final tras ocupar durante os dous últimos meses as páxinas centrais de Nós Diario. A investigación da escritora Susana Sánches Aríns sobre Manuel García Sampayo, o falanxista protagonista de Seique, o seu celebrado romance sobre os vitimarios, serve de feche a esta serie. Aproveitando a publicación desta última entrega da colección, recollemos a valoración e as análises dos coordinadores do traballo, Dionísio Pereira, Eliseo Fernández, Xoán Carlos Garrido e Xosé Ramón Ermida
Membros da Garda Cívica de Pontevedra. (Foto: Cedida)
photo_camera Membros da Garda Cívica de Pontevedra. (Foto: Cedida)

O coleccionábel Os nomes do terror é a segunda das iniciativas que acolle a sociedade editora de Nós Diario para promover a recuperación e o estudo dos vitimarios. Á volta de 2017, Sermos Galiza S.A. publicaba un volume coordinado por Dionísio Pereira, Eliseo Fernández, Xoán Carlos Garrido e Xosé Ramón Ermida, titulado Os nomes do terror, con preto dunha ducia de traballos sobre os vitimarios, co obxectivo de pór remate ao ermo editorial neste ámbito. A obra, impulsada e definida polo grupo coordinador, que xa un ano antes tiña elaborado un “A Fondo” en Sermos Galiza sobre o tema, remata por converterse nun auténtico éxito editorial, favorecido polas ducias de presentacións concorridas e cun vivo debate social.

Os coordinadores do traballo fan unha valoración globalmente positiva da serie Os nomes do terror, mais prefiren pór o foco nas conclusións e nas novas vías de investigación que se abren a raíz das investigacións publicadas. A este respecto, o historiador Dionísio Pereira apunta como “liñas que van ficando claras” que “a represión paralegal pouco tivo de aleatoria ou de espontánea: son accións regradas e formalizadas, controladas de principio a fin polas delegacións de Orden Pública ou as Comandancias Militares ou da Garda Civil, único corpo capaz pola súa organización e actitude de estendela territorialmente”.

“A actividade da Falanxe e das distintas milicias civís estivo supeditada ao mando militar, malia que aquelas gozaron de certa autonomía en territorios onde o despregue da Garda Civil era insuficiente”, continua Pereira, quen considera que “en todo caso, o “mito” da Falanxe como protagonista principal da represión, “fica en revisión”. Na mesma liña identifica “a Igrexa como viveiro faccioso, lexitimadora dos verdugos, que desenvolveu un plus de crueldade nun país que percibiron distinto, malia que o clero parroquial se mantivo nun lusco e fusco, nunha actitude ás veces pouco delimitada entre apoiar / atenuar a represión”.

Os diversos niveis dos vitimarios

O filósofo e ensaísta Xoán Carlos Garrido diferencia diversos niveis á hora de achegarse aos vitimarios. “Chámanme a atención os casos por abaixo dos vitimarios, son persoas que se benefician do terror e cuxa actuación está marcada pola busca do lucro persoal”, sinala Garrido, quen alude á “existencia dun negocio arredor da represión”. “Nesta lóxica hai que estabelecer outro nivel para outro grupo que busca os beneficios de clase e outro nivel de estudo para o papel das potencias estranxeiras”, continúa Garrido, para quen “están claras as inxerencias das potencias fascistas de Alemaña e Italia”.

“O que está claro é que nos substratos superiores hai unha elite moi ideoloxizada con apelidos que veñen de moi atrás e que participan con criterios de clase, e cuxos vínculos están por estudar máis afondo”, afirma Garrido, quen exemplifica en figuras como Rivero de Aguilar, de quen di, “hai que investigalo; formouse en Italia, cunha familia corrupta, unha persoa decisiva nos consellos de guerra”. “O acontecido en 1936 é unha nova restauración, moi ligada ás características específicas do capitalismo español, que precisa do Estado e que se aproveita del para desenvolver os negocios”, conclúe Garrido, quen considera urxente “investigar as conexións internacionais dos vitimarios”.

O investigador Xosé Ramón Ermida sinala que “os traballos deixaron claro que o papel director do proceso represivo correspondeu aos militares” e que “o terror estivo planificado”. “Os militares foron a peza central no conglomerado represivo posto en marcha após o golpe de Estado de xullo de 1936. A un tempo participaron da represión legal, ditando e inspirando as disposicións normativas do novo réxime, presidindo os consellos de guerra nas diversas xurisdicións, asinando as sentenzas de morte ou impondo as sancións administrativas.

Por outra banda, dirixiron a represión paralegal, determinando os obxectivos das milicias de dereita, autorizando as sacas dos cárceres e ordenando a execución dos demócratas”, afirma Ermida.

Gostarías de seguir coa lectura? Non tes máis que acudir mañá ao teu quiosque ou procurar o Nós Diario na nosa tenda online. Para non perder futuros coleccionábeis, é mellor que fagas a subscrición agora!

Comentarios