A nova tumba de Franco noutro espazo público

Ademais de Carmen Polo, en Mingorrubio están enterrados Carrero Blanco, Arias Navarro e Rafael Trujillo. A ARMH advirte que seguirá pedindo que o Estado deixe de financiar “calquera outro mausoleo do ditador” porque os terreos do cemiterio de destino tamén pertencen a Patrimonio Nacional e están xestionados por unha empresa do Concello de Madrid.
Mingorrubio (2)
photo_camera [Imaxes: ARMH] O cemiterio de Mingorrubio (Madrid). Panteón da familia Franco.

Emilio Silva Barrera é o presidente da Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH), unha das pioneiras no Estado e das máis activas e influentes na presión aos distintos gobernos desde hai dúas décadas.

Silva envía a Sermos Galiza unha pequena mostra do novo destino dos restos de Franco: Mingorrubio, “un cemiterio para xente VIP”, ironiza o activista, neto de represaliado no Bierzo, que relata a lista de personaxe cuxos restos descansan alí: Carrero Blanco, Arias Navarro, Rafael Trujillo (ditador dominicano moi admirado en sectores franquistas), José Banús (construtor de Puerto Banús, entre outras), Nemesio Fernández de la Cuesta, Juan José Rosón (político galego que foi alto funcionario nos estertores do franquismo e despois ministro do Interior).

Mingorrubio (1)“Franco vai seguir recibindo tratamento VIP. Negámonos a que con cartos dos nosos impostos se lle pague, mesmo que sexa unha cantidade ínfima nos orzamento do Estado, nada a Franco. A ARMH vai seguir esixindo ao goberno, como fixemos con todos os anteriores, que retiren a Franco dos espazos públicos”, di Silva.

Mingorrubio, segundo informa hoxe La Vanguardia, está xestionado polo Concello de Madrid a través dunha empresa que recibiu a cesión dos terreos de Patrimonio Nacional. A solución do goberno non convence á ARMH.

“Era lóxico que o Supremo acordara o que acordou, porque, entre outras cousas, non lle pode negar a un goberno decidir que hai dentro dos espazos que del dependen”, opina Silva. E engade: “Agora estamos esperando o escrito do tribunal, porque no anterior lexitimaban o golpe de Estado do 36, esperemos que teña rectificado”.

Mingorrubio (3)A ARMH presentara no 2002 un proxecto para converter o Val dos Caídos, desacralizado, nun museo que contara a súa propia historia. Mentres, hai cuestións urxentes que abordar, detalla Silva: “como o desa sentenza que concede a posibilidade de exhumar dous corpos e que non se executa porque nestes quince meses o Executivo socialista non se preocupou diso, fóronse pasando a pelota uns a outros cando no 2017 llo botaban en cara ao goberno do PP. Calquera familia, sexa da ideoloxía que sexa, ten dereito a retirar de aí aos seus”.

Comentarios