Carlos Babío, historiador demandado polos Franco

“Non é unha denuncia contra min, é contra a cidadanía deste Estado”

A familia Franco resístese a perder os privilexios derivados da Guerra Civil e os 40 anos de ditadura. A última das súas accións, unha vaga de denuncias contra participantes e produtoras do programa de Mediaset En el punto de mira sobre o patrimonio dos descendentes do ditador. Entre eles atópase o historiador Carlos Babío, coautor de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio.
 

carlos babío - foto BNG
photo_camera O historiador Carlos Babío. Foto: BNG.

“Non considero que sexa unha denuncia contra min”, explica Babío a Sermos Galiza, “é unha denuncia contra a cidadanía deste Estado e contra aqueles que loitan pola memoria, a xustiza e a liberdade”. A intervención do investigador no programa -titulado A fortuna dos Franco e emitido o pasado verán- foi no apartado dedicado ao Pazo de Meirás, duns oito minutos de duración.

“É o mundo ao revés”, esténdese, “os Franco non só negan os abusos dun réxime, senón que pretenden tapar a boca daqueles que o denuncian ou defenden a memoria, a verdade e a non impunidade. Fano a forza de insultos, ameazas, coaccións e denuncias”.  Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio (Fundación Galiza Sempre, 2017), obra de Babío e Manuel Pérez Lorenzo, está a servir de base documental para as iniciativas públicas pola recuperación de Meirás.

O 25 de marzo, no Xulgado de Primeira Instancia nº44 de Madrid, está programado un acto de conciliación. Isto indigna ao demandado. “Era o que faltaba. Os Franco queren seguir facendo caixa co xenocidio”, conclúe.

Comentarios