Nas librarías xa a segunda

'Os nomes do terror' esgota a súa primeira edición en menos de dous meses

No lento, asediado e militante proceso de recuperación da memoria histórica de Galiza había unha significativa zona de sombra, a dos nomes dos represores. A primeira tentativa global de deitar luz sobre o particular, Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron (Sermos Galiza), vén de esgotar en apenas dous meses a súa primeira edición de 1.800 exemplares.

os nomes do terror presentacion
photo_camera Presentación de 'Os nomes do terror'.

"Demóstrase a inmensa necesidade que existía de dar a coñecer nomes e feitos latentes, que estaban na memoria colectiva, pero que nunca se puxeran por escrito", explica Xoán Costa, presidente de Sermos Galiza, editora do libro. Trece autoras e autores debrúzanse sobre o quen, "as causas e as metodoloxías" que os franquistas empregaron para impoñer 40 anos de fascismo.

Os nomes do terror abre a que talvez sexa a última fenda no pacto de silencio co que se selou a, en palabras de Costa, "transición do franquismo ao chamado réxime democrático derivado da Constitución do 78". O editor lembra que recoñecidos participantes na represión da guerra do 36 e os anos posteriores chegaron mesmo a sentar no primeiro Parlamento galego e que esa circunstancia adiou os labores historiográficos arredor dos verdugos.

O historiador Eliseo Fernández, coordinador do volume canda Dioniso Pereira, Xosé Ramón Ermida e Xoán Carlos Garrido Couceiro, menciona a maiores os "avisos a navegantes". Refírese ás dificultades coas que foron batendo nas últimas décadas aqueles que quixeron iluminar o escuro. "O secuestro de Interviú cando informou dos irmáns Rosón e o seu papel represor, as denuncias que sufriu Dionisio Pereira, ou a censura do documental Rocío [dirixido en 1980 por Fernando Ruiz Vergara, crítico co catolicismo andaluz e coa relación das hermandades rocieras coa represión no 36] coartaron moitas vontades de investigación", di.

Pero o movemento social pola memoria histórica e o traballo miúdo e paciente de historiadores demócratas, adoito nin sequera profesionais, conseguiron forzar o campo do que se podía dicir. "Este libro ten éxito porque existe unha demanda", considera Fernández, quen lembra as numerosas ocasións en que, despois dunha conferencia ou unha mesa de debate, a audiencia preguntaba "por que non se fala dos verdugos?". "Hai un interese popular", conclúe.

Este interese social espertado por Os nomes do terror levou, segundo Xoán Costa, a máis dun milleiro de persoas ás presentacións. Esta sexta feira, ás 20.30 horas no Museo do Traxe de Ordes, Costa, Fernández e o historiador ordense Manuel Pazos volverán expoñer a proposta dun libro xa na segunda edición.

Comentarios