Os nomes do silencio recuperan a memoria en Verín 

Un pleno extraordinario e un acto público que se desenvolverá o vindeiro 6 de agosto restaurará a memoria das vítimas do franquismo da comarca de Monterrei. 

verin
photo_camera verin

A memoria volverá oficialmente ao concello de Verín cando o vindeiro día 6 de agosto se desenvolva un pleno extraordinario da corporación municipal para honrar ás vítimas da represión da comarca de Monterrei. Será ás 20.30 horas e, unha hora despois, terá lugar o acto público de homenaxe na praza do Concello con entrega das distincións aos familiares. 

A iniciativa é unha proposta da unión Local da CIG de Verín, presentada xa en xullo de 2014 e repetida neste mesmo ano na que se inclúe o recoñecemento de 22 persoas como fillos predilectos e adoptivos ademais da colocación dunha placa no concello e a imposición de nomes de represaliados en rúas e prazas. 

A homenaxe esténdese a todas as persoas que participaron na resistencia na defensa da democracia e a liberdade e foron represaliadas na Comarca de Monterrei, segundo se contabiliza, máis de 500 en total. A CIG quere facer un chamamento a toda a veciñanza para que participe neste acto de homenaxe e recoñecemento. 

Nomes ao descuberto

Solicitouse a declaración de fillos predilectos da vila de Verín aos condenados pola Senteza Sentenza Militar de 22/05/1937 (Causa 1021/1936) que son Juan Antonio Álvarez Diéguez, Ernesto Ramos Méndez,  Sixto Salgado Fariñas, Manuel Cadavi García, Luís Álvarez Losada, Manuel Sola Pareja, Enrique J. Cardoso Purificación, Adolfo Iglesias Rodríguez, Constantino Gago Gago, Ramón Quintas González, Francisco Vaz Álvarez, Celso Blanco Castro, Manuel Cabido Rodríguez, Gregorio Barreiras Martínez, José Sola Pareja e Fernando Suárez Álvarez. Como adoptivos sinálase a Carlos Reino Caamaño, Lino García Vázquez, Ricardo González González, Gerardo Rodríguez Barja, José Pérez Delgado e Pedro Justo Castro. 
         
"O concelho e o povo de Verín en lembranza dos fusilados o día 17 de Xunho de 1937: Carlos Reino Caamanho (Alcalde de Verín), Xoán Antonio Álvarez Diéguez (Tenente Alcalde), Ernesto Ramos Méndez (Concelheiro), Sixto Salgado Farinhas (Sindicalista) e Lino García Vázquez (Director do xornal -El Nuevo Támega-), así como de todos os homes e mulheres executados/as, paseados/as, asasinados/as, fuxidos/as, aldraxados/as, violadas, humilhadas e represaliados/as polo réxime franquista", é o texto que se propón para a placa conmemorativa que se instalaría na fachada do concello, sinalización visíbel como o sería os nomes do Alcalde Carlos Reino Caamanho que daría nome a unha praza ou o de Lino García Vázquez e Ernesto Ramos Méndez que serían novas denominacións de rúas de Verín. 

En lugar visíbel queren que se coloquen as insignias de ouro que o concello concedería ás persoas executadas, asasinadas, fuxidas e represaliadas durante o franquismo naturais da comarca de Monterrei, na mesma vontade de homenaxear e traer á memoria a súa loita pola democracia, a liberdade e o país.

Comentarios