O naufraxio do 'Santa Isabel': máis de 200 vítimas

Noite de temporal. Novelar o real

Screen Shot 2018-11-23 at 10.38.19
photo_camera O buque Santa Isabel era xemelgo do San Carlos que vemos na imaxe

Corre a noite do dous de xaneiro de mil novecentos vinte e un. A néboa é densa perto da Illa de Sálvora. O vapor correo Santa Isabel embarranca, posibelmente por confundir a posición do faro vello da illa co novo. A bordo estaban duascentas setenta e unha, entre pasaxeiros e tripulantes. Morreron ou desapareceron duascentas quince, salvándose só vinte e nove pasaxeiros e vinte e sete tripulantes.

O barco, procedente de Santander, Bilbao e A Coruña tiña como destino Cádiz onde faría transbordo para o Reina Victoria Eugenia que levaría os pasaxeiros a Buenos Aires e outros portos de América.

Só se salvaron cincuenta e seis persoas das embarcadas facendo fincapé a prensa nos casos dos salvados “por milagre” como o caso dun casal da Coruña que en vez de embarcar neste porto decidiu facelo en Vilagarcía, salvando así a vida. Pola contra, unha moza de Ribeira “impaciente por embarcar” non esperou o barco en Vilagarcía e marchou embarcar á Coruña, morrendo no naufraxio. O seu corpo foi o primeiro que se recolleu en Ribeira, sendo a propia nai quen identificou o cadáver. De heroico é cualificado o comportamento do capelán que “cumprindo a súa relixiosa misión” permaneceu na ponte até ser sepultado polas augas.

Non coñecemos hoxe os informes oficiais do accidente. Pode que desaparecesen nun incendio na sede da compañía propietaria do barco, a Transatlántica. Tampouco sabemos o que aconteceu co capitán. 

Estes feitos reais, con personaxes que lembran persoas reais, novelounos Manuel Núñez Singala na obra Noite de temporal, fechada cun documentado epílogo.


 

Comentarios