A fuxida frustrada da motora Sisargas

No 80 aniversario do fusilamento de 12 antifascistas na Coruña

Hai 80 anos, isto é, en 11 de xullo de 1937, fusilaban unha ducia de demócratas na cidade de A Coruña. Eran un tras doutro: Luís Rufilanchas Salcedo, Manuel Fernández López, Xenaro Ruano Sanxurxo, Francisco Meizoso Veiga, Xosé Santiago García, Domingo Rei Lago, Rotilio Naia Rodríguez, Francisco González Agilde, Arximiro Aradas Leiro, Manuel Rúa Losada, Delfino Liñeira Fraga e Nicolás Veiga Núñez.

Ruano.
photo_camera Xenaro Ruano, o primeiro pola esquerda, canda outros compañeiros da “Escolas de Insiño Primario” das Irmandades da Fala.

Os máis facían parte do poderoso movemento libertario coruñés, outros militaban no PSOE e no PCE e Manuel Fernández López, medico da Pasaxe e cuñado de Luís Seoane, e Xenaro Rúano Sanxurxo, delineante e dramaturgo, no Partido Galeguista. A súa detención e o seu posterior asasinato representará un duro golpe para o conxunto do conglomerado clandestino que operaba na Galiza, moi particularmente nas cidades de Vigo e A Coruña, en apoio aos antifascistas perseguidos.

A delicada situación na que ficaron na Galiza desde xullo de 1936 milleiros de demócratas vai provocar as evasións por mar desde a práctica totalidade da costa galega a aquelas zonas do estado, particularmente Asturias, que seguían controladas polo goberno legal, favorecendo a aparición de redes clandestinas dedicadas a favorecer e organizar estas fugas. A constatación por parte das autoridades franquistas da existencia das mesmas vai provocar a creación na Coruña dunha unidade especial encargada de as perseguir, a Brigada de Servicios Especiales de la Guardia Civil que obterá o seu primeiro éxito en febreiro de 1937, detendo arredor de 30 persoas que agocharan na cidade o deputado socialista Luís Rufilanchas Salcedo e preparaban unha fuxida cara Xixón na motora Sisargas.

A constatación por parte das autoridades franquistas da existencia das redes de fugas, vai provocar a creación n´A Coruña da tristemente celebra “Brigada de Servicios Especiales de la Guardia Civil

A fuga, prevista para o 23 de febreiro, non puido levarse ao cabo ao ser detido ese mesmo día Eliseo Freire Vilas quen gardaba o diñeiro para a compra do combustíbel da embarcación, procedéndose o día seguinte á detención de varios dos implicados no operativo. Segundo se recolle na Causa 291/37, a embarcación foi mercada a un sobriño do propietario da Fonda Picón na Rúa Real por Arximiro Aradas, fixándose como punto de embarque para as perto das 20 persoas comprometidas un lugar nas inmediacións do Club Naútico e a Dársena, onde se atoparía o Sisargas. Así as cousas, na xornada do 24 son detidos entre outros o militante libertario Francisco Meizoso -nas semanas previas mercara vales para 150 litros de gasolina-, o ferroviario da CNT Manuel Rúa -a súa casa serviu de base para as xuntanzas preparatorias-, o dirixente de Acción Nacionalista Vasca Emilio Zufia Moreno e Manuel Fernández López, cuxa vivenda servía de refuxio a fuxidos, entre eles a Luís Rufilanchas Salcedo.

Rufilanchas_Salcedox_LuisLuís Rufilanchas, discípulo de Jiménez de Asúa, profesor de dereito e deputado socialista por Madrid, atopábase en Cangas o 18 de xullo tras ser advertido do risco que corría na capital do estado. Após unha fuxida polo Morrazo, O Salnés e Compostela, chegou A Coruña o 3 de Agosto, poñéndoo en contacto algún militante do PSOE coa rede de evasións que coordinaba Manuel Fernández López. Unha das pezas chaves neste operativo era o tamén militante nacionalista Xenaro Ruano Sanxurxo, alumno de Anxo Casal nas Escolas de Insiño Primario das Irmandades da Fala e que remataría correndo a mesma sorte que os seus compañeiros de escola e irmáns de militancia Pedro Galán Calvete e Leandro Carré Brandariz “Fausto Brand”. Ruano, afiliado desde moi novo á Irmandade da Fala da Coruña e secretario de organización do Partido Galeguista n´A Coruña en 1936, destacou como dramaturgo e facía parte do faladoiro da xastrería de Luís Huici, canda Seoane, Francisco Miguel e o seu amigo e compañeiro de traballo nas obras dos camiños de ferro Xosé Villaverde.

O fusilamento de 12 persoas tiña un carácter exemplificador co obxectivo de desmantelar o aparello clandestino que operaba n´A Coruña

Foi unha das execucións colectivas con máis vítimas mortais da Galiza franquista. A carón dos asasinados, foron condenados tamén a morte Emilio Zufia Moreno, Xosé Méndez Serantes, Manuel Martínez Piño, porén a súa pena sería conmutada por reclusión perpetua, ascendo a cifra de detidos a perto de 30. Sen dúbida algunha tratouse dunha sentenza exemplificador co obxectivo posto en desmantelar o aparello clandestino que operaba n´A Coruña sementando o terror e o medo entre todas aquelas persoas que colaboraban na protección das mulleres e homes perseguidos polo fascismo.

Leonardo e Manuel.

A memoria das persoas asasinadas con motivo da fuxida frustrada da motora Sisargas non correu mellor sorte do que a da grande maioría das vítimas do franquismo, significándose neste caso que a pesar de tratarse dun grupo moi numeroso a súa lembranza se cinxiu fundamentalmente aos nomes de máis relevo social, caso de Luís Rufilanchas ou máis recentemente ao de Xenaro Ruano. Ao fin é necesario lembrar para que os nosos mortos non sexan asasinados por dúas veces.

Nota: a foto interior é de Luís Rufilanchas, en tanto que o retrato representa Manuel Fernández López

Comentarios