No 40 aniversario da Marcha antinuclear de Xove

Marcha antinuclear de Xove
photo_camera Un momento da marcha

O mes de novembro de 1973, un consorcio conformado por Fenosa, Electra del Viesgo e Hidroeléctrica do Cantábrico fai pública a súa decisión de instalar na Regodela (Xove) unha centra nuclear. O proxecto, asociado a un investimento de 68.000 millóns de pesetas da época, tentaba poñer en marcha catro reactores que ían producir 3.600 megavatios, nun momento que Galiza destinaba 60% da súa produción enerxética á exportación. As razóns que desaconsellaban a posta en marcha da central nuclear eran de diversa índole, destacando as de carácter ambiental, vinculadas aos problemas deste tipo de enerxía; as de seguridade, ao emprazamento da planta situase enriba dunha falla, e as económicas, na medida que se apostaba por un modelo de desenvolvemento de enclave e propio das realidades coloniais.

A oposición do nacionalismo ao proxecto non tardou en facerse patente. O propio mes de novembro de 1973, o Clube Cultural Valle Inclán, na altura orientado por cadros da UPG como Lois Diéguez ou Carlos Varela, organiza un mesa redonda en Lugo coa presenza de Xosé Manuel Beiras. Ao pouco, a Agrupación Cultural Sementeira, celebra en Viveiro un novo acto público, cun importante participación dos veciños das zonas afectadas, tomando a palabra de novo Xosé Manuel Beiras e Mario Iglesias, enxeñeiro do Concello de Lugo e amigo persoal de militantes nacionalistas como Manuel María, Saleta Goi ou Lois Diéguez. O papel das asociacións culturais sería determinante no proceso de sensibilización e clarificación social sobre esta problemática ao longo e ancho do País, destacando dentro destas Sementeira de Viveiro, que  convocará no mes de Novembro de 1974 unhas palestras coa participación de Ramón López Suevos, Francisco Bermejo e Pedro Costa Morata, publicadas máis tarde, canda un texto de Nemesio Barxa, no volume  A contaminación en Galicia.

Os militantes nacionalistas presentes na zona, desenvolven, ao tempo, unha intensa campaña de axitación diante dos sectores directamente afectados. A feble organización da UPG na Mariña, formada maiormente por estudantes e traballadores, ve favorecida a súa actuación por que parte dos seus cadros, como Pencha Santamaría ou África Leira, eran funcionarios de extensión agraria e desenvolvían a súa actividade profesional cos labregos de Xove. Aínda coas dificultades que impoñía a clandestinidade, celebráronse centos de xuntanzas e asembleas en distintas parroquias e lugares da contorna de Xove, a fin de clarificar á poboación. Ao tempo, tentábase de contrarestar a campaña de información desenvolta pola empresa, chegando a desprazarse algúns cadros nacionais, como López Suevos ou Ramón Múñiz, a actos convocados pola propia Fenosa, rematando algúns deles, como o celebrado no “Cine Orfeo” de Viveiro nunha manifestación de protesta ao proxecto. O intento de Fenosa por iniciar as obras, foi respostado con sabotaxes, protestas e enfrontamentos, destacando o vivido en Vilacha (Xove), onde as mulleres da parroquia remataron por paralizar os traballos durante catro días no marco dun duro enfrontamento coa Garda Civil.

Marcha antinuclear de XoveO 10 de Abril de 1977, 8.000 persoas convocadas polas Comisións Labregas recorreron os trece quilómetros que separan Viveiro de Xove, para opoñerse á construción da central nuclear. Á altura de Xaneiro o nacionalismo xa tentara convocar unha manifestación contra o proxecto de central nuclear, na dupla perspectiva de expresar a súa oposición á mesma e de socializar o conflito a nivel nacional; porén, a mobilización foi prohibida. A fin de sortear os impedimentos gobernativos, acórdase entón organizar unha marcha polo beira da estrada, marcha que non contou cos permisos legais pero que tampouco foi reprimida e que remataría despois de tres horas en Lago(Xove). Alí no adro da parroquia tomaron a palabra Manuel Barbeito, veciño das Encrobas que expresou a solidariedade desta localidade coa loita de Xove, Antonio Pernas, membro das Comisións Labregas de Xove, Emilio López Pérez “Milucho”, dirixente das Comisións Labregas, e Ramón Valcarce Vega, o crego das Encrobas. Ao remate da marcha, unha delegación da dirección da UPG mantivo unha reunión cos afectados nos terreos onde estaba previsto instalar a central, dirixíndolles a palabra Ramón Múñiz, responsábel do sector agrario deste partido.

A Marcha de Xove rematou cun auténtico éxito. A participación na convocatoria superou de longo as expectativas que se tiñan marcado as organizacións do movemento nacional popular galego, entidades organizadoras da marcha e que desde 1973 viñan impulsando a oposición á central nuclear. Mesmo o intento de boicotaxe por parte das organizacións da esquerda española -que, despois de manterse á marxe da campaña de mobilización, tentaron instrumentalizala- non conseguiu os seus obxectivos. A resposta popular significaba un espaldarazo á alternativa nacionalista e, en certo xeito, certifícaa a súa legalización polo pobo, nun momento en que o sistema se empeñaba a manter fóra da lei a alternativa rupturista fronte á legalización da esquerda reformista. E o que é máis importante, a mobilización popular mostrouse decisiva para a paralización definitiva do proxecto da central nuclear, acordada en 1982 tras outra manifestación celebrada en 1979.

A fotografía en que se ve un grupo de veciños a axitaren bandeiras no campanario da igrexa pertence á fundación A Nosa Terra

Comentarios