Francisco Rodríguez

"Neste país o que hai é moita desmemoria histórica"

Ensaísta, político, Francisco Rodríguez (Ferrol, 1945) é un dos participantes na ‘Rebeldía galega contra a inxustiza: Salcedo, Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán e Sobredo’, o primeiro dos monográficos da colección de cadernos que edita Sermos Galiza e que esta segunda feira vai presentarse en Ferrol.

FranciscoRodriguez-por-EduardoCastroBal-2015-04-2

O salón de actos da Escola Oficial de Idiomas(EOI) acolle esta segunda feira, día 12, ás 20:00 horas a presentación do libro Rebeldía galega contra a inxustiza: Salcedo, Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán e Sobredo, editado por Sermos Galiza. Falamos con Francisco Rodríguez, un dos autores deste monográfico e que estará presente no acto da cidade departamental, canda Eliseo Fernández, Xoán Costa e Leandro Lamas. Rodríguez escribe o capítulo ‘A revolta de Trasancos de 1918’, uns feitos aínda descoñecidos en grande medida, embora a súa importancia. “Nas revoltas pola carestía de 1918 en Barcelona participaron 500 mulleres. En Ferrol, con moita menos poboación, foron máis de 500. E con cortes de accesos e asaltos a trens, o que non se deu en ningún outro sitio”.

-Como explica que uns feitos desta gravidade, cun número tan importante de mortes, puideran estar practicamente 80 anos agochados tanto na historia de Galiza como na memoria popular da comarca?

-Dáse pouca importancia na historia de Galiza ao que é historia política, é dicir, os fenómenos sociais entendidos desde a súa dimensión ideolóxica e contestataria; interesa dar a imaxe de Galiza como país  resignado. Nese esquema xeral para a historia de Galiza de ocultación, de agochamento, hai tres cuestións específicas neste caso particular.

Primeiro: todo o que acontece nesta comarca dentro da historia xeral de Galiza é moi pouco considerado, pártese do prexuízo de que isto é menos Galiza ou, se queres, que é unha finca do Estado español.

En segundo lugar, e derivado disto, Ferrol non pode relocer na historia de Galiza nin de España nada máis que naquilo que o coloque como apéndice de España.

E en terceiro lugar, a represión brutal que se deu e que acaba converténdose en autocensura social. Hai que ter en conta que houbo un golpe militar que afondou máis no esquecemento. Na II República ergueuse en Sedes un monumento aos mártires da Revolta de Trasancos e cando chegou o franquismo iso destrúese, o que acrecentou o temor que xa había.

Pero tamén teño que dicir que queda xente, pouca, que por tradición ou memoria familiar quedoulle a idea de que algo grave pasara, de que houbera mortos.

-Cales son os motivos estruturais e coxunturais  da protesta e as razóns dunha resposta tan desmedida no uso da forza contra a poboación?

-Había un malestar xeral nas clases populares galegas, obreiros e labregos. Non se podía facer unha distinción moi grande entre eles, sobre todo nos núcleos máis industrializados, os obreiros eran tamén labregos, porque o eran eles propios ou a familia. Era , logo, unha clase obreira simbiótica.

Ao mesmo tempo, nesa comarca había un movemento agrario que viña do XIX, con capacidade reivindicativa e de loita.

Tamén está o factor dos impostos, que eran brutais e consideraban os labregos galegos como propietarios e tratábaos como tales; cando moitos non o eran. Tratábanos como un latifundista andaluz. En concreto, o imposto de consumos, que era unha especie de IVE pois iso era moi opresivo e había moitas protestas contra iso.

Despois estaban as protestas derivadas de que pervivía o foro, o que facía que a drenaxe sobre a terra que un labrego traballaba fose tremenda: había que pagar os impostos, había que subsistir e había que pagar a quen che tiña a terra aforada…

A pinga que veu provocar un estourido social cun protagonismo feminino como non houbo, en termos relativos, en ningunha outra parte do Estado español foi a carestía da vida que tivo lugar co estourido da Primeira Guerra Mundial. O goberno español dedicouse a protexer a especulación aínda que aparentase poñer prezos de taxados a produtos de primeira necesidade. Mais non se respectaban: o pan, o aceite custaban moitisimo, o carbón tamén… E os grandes almacenistas centrábanse en especular con todo iso.

Houbo un estoupido social espectacular ao berro de “Temos Fame!”, encabezado por mulleres e nenos. A protesta foi en toda a comarca. Comezou entre 5 e 6 de marzo e xa no 9 houbo disparos contra obreiras e labregas que se manifestaron en Xubia, e onde houbo feridas de moita gravidade. A partir de aí, xa foi como unha carreira de pólvora que se estendeu por toda a comarca, cunha importante autoorganizaión popular: corte de estradas de acceso, corte de liña do tren, asalto dos vagóns con alimentos… Após as mortes en Ferrol e en Narón, as autoridades establecesen o estado de sitio. O exército tomou a cidade e aínda así non puideron acabar coas manifestacións. Chegaron a colocar soldados e garda civís en todos os trens para que estes puideran circular. Aplicaron unha censura brutal para que no resto de Galiza non se soubese nada do que pasaba aquí.

-Como acabou toda esa revolta popular?

-Ao final as autoridades tiveron que baixar os prezos de primeira necesidade, se ben o fixeron de maneira simbólica. Quen tiña capacidade legal para facer iso efectivo era o goberno de España, as xuntas locais non podían. Os intermediarios que tiñan almacéns grandes facían o que lles petaba. A revolta acabou con mortes e cunha vitoria moral: tiveron que destituír o responsábel da policía municipal, o que non se fixo co da policía gubernativa, cando el foi quen disparou directamente á cabeza a un mozo de 16 anos, traballador da Constructora.

O día 16 de marzo hai crise de goberno, chega o que chaman un goberno de unidade nacional, do que fai parte Cambó, e ao mes decretan unha amnistía e soltaron a todas as mulleres presas. Mulleres foron as que asaltaron os vagóns, as que cortaban as estradas de acceso, as que se manifestaban á fronte…

-Destaca no traballo o protagonismo e importancia das mulleres naquela loita.

-É lamentábel que aquelas mulleres que loitaron por defender a dignidade e unha vida digna non teñan un recordatorio, mesmo polo movemento feminista.

-Que papel xogaron nese estourido outros sectores populares da comarca, como a clase operaria?

-Xa falei antes de que non se podía facer unha gran distinción entre labregos e obreiros. Mais a clase obreira, cando matan dous rapaces traballadores, fai unha folga que afecta todos os estaleiros, toda a industria, fechan os comercios…

No enterro das vítimas participaron entre 4.000 e 6.000 persoas, e iso coa cidade en estado de sitio!

A represión provocou unha reacción de solidariedade e denuncia por parte do nacionalismo, mostra do cal son por exemplo os deseños de Castelao…

O nacionalismo estaba máis introducido do que parecía, nas cidades non tanto mais si no campo. Por exemplo, unha das vítimas dos sucesos estaba vinculada ao movemento agrario e as Irmandades da Fala. De feito en A Nosa Terra cando morre colócanlle un cadro de honor resaltando os valores da muller traballadora galega, e denunciando as barbaridades feitas polo goberno español. E faise neses momentos en que a censura era tan grande que non se podía denunciar nada directamente. É entón cando Castelao fai esa imaxe, que para min continúa a ter actualidade: ‘patrioteiros’ que defenden España asasinando o seu pobo.

-Non é a primeira vez que escribe sobre este tema…

-Vivimos nun país que é unha anormalidade continua. Afortunadamente fíxose unha comisión popular e os obxectivos marcados estanse cumprindo. Na comarca os alcaldes tiveron que poñerse á fronte dos actos que se fixeron, en Valdoviño, en Fene, en Pontedeume, en Narón, en Ferrol…

-Cre que iniciativas e actos como publicacións como esta de Sermos Galiza ou as promovidos pola Comisión Revolta Popular, Marzo 1918 axudan a provocar un cambio de percepción sobre os feitos na zona?

-Creo que si, nos sitios máis pequenos e tamén entre a xente máis interesada. O que non podemos aceitar é a idea de que a desmemoria do pobo galego é cousa da chamada Guerra Civil, iso é falso. O que hai é desmemoria histórica e que lle afecta moito a moitas etapas deste país, como a Idade Media, por exemplo. E iso condiciona a vida do país.

Este traballo vai na recuperación da memoria histórica de Galiza, no seu sentido máis amplo. E que aínda que o franquismo sexa a manifestación máis aguda do crime e o asasinato; represión sobre Galiza houbo sempre… Na Restauración foi incalculábel, a que se viviu durante máis de século e medio na transición da Idade Media á Moderna, iso foi brutal.

Comentarios