Os negreiros continúan presentes nas rúas galegas

Galiza ante o espello do seu pasado incómodo.
eusebio da guarda
photo_camera Estatua de Eusebio da Guarda na Coruña

As dificultades para achegarse ao estudo da trata de escravos na Galiza son moi importantes. Segundo ten escrito o catedrático de Historia Económica das Institucións da Universidade da Coruña e autor das máis importantes monografías sobre o tema, Luís Alonso Álvarez, "na Galiza foron destruídas practicamente todas as fontes públicas que podían ter achegado información directa sobre a trata: o encubrimento social dos descendentes dos negreiros obrigaríaos, con toda probabilidade, a agochar a orixe das súas fortunas". Aínda así, contamos con datos fragmentarios que nos permiten fixar os trazos do negocio e dalgúns dos seus protagonistas na Galiza.

Os anos dourados da actividade negreira na Galiza situáronse entre 1816 e 1820. Malia que o negocio xa gozou dun importante desenvolvemento nas décadas finais do século XVIII e tivo continuidade durante toda a primeira metade do século XIX, a prohibición da escravitude polo Reino Unido en 1807 abriu novas perspectivas para actividade neses cinco anos. Alonso Álvarez certificou 77 expedicións desde o porto da Coruña a mercar negros, cifrando en 6.854 o número de escravos transportados desde os portos galegos cara a Cuba. Asemade documentou que 32 comerciantes da cidade declararon tratar con "madeira de ébano africano", atopándose entre eles coñecidos nomes da burguesía local.

Os negocios dos Barrié

O tráfico de escravos foi a base de importantes sagas empresariais da Galiza. Asociada a esta actividade atopáronse persoas de relevo como Bartolomé de las Casas, José Blanco, Marcial Francisco del Adalid, José Arias, Francisco Romeu, José Mens, Manuel Sierra, José Fullós, Jaime Dalmau, Juan Bautista Larragoiti, Selisis, González del Valle, González Pola, Bartolí, Gurrea, Donato, Salvador Rivera Pecarrere, Antonio Santiago de Llano, Martín de Torres Moreno ou Juan Francisco Barrié, iniciador dunha actividade empresarial que chegou practicamente aos nosos días a través do Banco Pastor e da empresa eléctrica Fenosa.

Juan Francisco Barrié D'Abadie chegou á Coruña procedente da súa Gascuña natal e non tardou en convertese nun importante comerciante de escravos xa na década final do século XVIII. Malia que na súa biografía oficial ligaron a súa fortuna a unha fábrica de sombreiros aberta na rúa de Santo André e presentárono como un significado liberal, Alonso Álvarez demostrou que entre 1816 e 1820 mandou 13 expedicións a África para enviar escravos a Cuba e que formou nas filas do absolutismo, facendo parte entre 1825 e 1829 da xunta de fiscalización de condutas durante o Trienio.

Eusebio da Guarda González foi un filántropo coruñés cuxa riqueza está ligada ao tráfico de escravos. Se ben destinou unha parte da súa fortuna a promover importantes obras públicas na súa cidade, entre elas o centro de ensinanza que leva o seu nome, a súa participación no negocio negreiro semella fóra de toda dúbida. Empregado de Juan Menéndez Fuertes, o máis rico comerciante da Coruña, propietario dunha flota de máis de 20 navíos cuxo capital adquiriu mediante o tráfico de escravos africanos e tamén galegos, á morte deste en 1852 casou coa súa viúva, púxose á fronte dos negocios e deulles continuidade.

A familia Plá Monge

A actividade negreira non estivo circunscrita á cidade da Coruña. Outro exemplo de relevo atopámolo cos fillos dunha familia de orixe catalá instalada en Ferrol, os Plá Monge, con negocios na illa de Cuba. Un deles, Xosé, rexentou unha facenda e unha plantación de café, como a maioría deles, traballada por man de obra escrava. O outro, Ramón, impulsou diferentes actividades mercantís e, ao igual que seu irmán, segundo sinala unha parte da bibliografía, tamén tomou parte do comercio negreiro. Este último dá nome a unha das prazas máis coñecidas da cidade, Marqués de Amboage, título concedido a Ramón Plá após o seu retorno de Cuba á volta de 1884. A fortuna da familia García Barbón tamén tivo a súa orixe na trata.

Segundo a profesora da Universidade de Cádiz María José Portela Miguélez, o patriarca da mesma, un asturiano de Candás chamado Luciano "comezou en Cuba a realizar negocios de comercio, vinculados á trata negreira". Casado, pero sen fillos, reclamou para a illa o seu afillado e herdeiro José que traballou nos negocios do tío até rematar situándose á fronte dos mesmos até a súa volta á Galiza en 1884. Membros significados do coñecido "partido negreiro" pola súa oposición á abolición da escravitude, só na súa finca San Luciano de Matanzas dispuxeron de 217 escravos negros.

A memoria dos negreiros mantense aínda moi viva en diversas comarcas galegas. Así, para o caso da Costa da Morte, Rafael Lema documentou diversos exemplos como o de Basilio Suárez de Lema ou de Domingo Antonio Rodríguez Canosa. O primeiro, natural de Vimianzo, propietario de importantes plantacións azucreiras e bispo de Haití legou unha importante fortuna á súa familia galega. O segundo, significado negreiro no Brasil, onde fundou varias poboacións, legou á súa morte en 1793 unha cantidade para construír a igrexa de San Xurxo en Buría, levantando o Concello de Camariñas en 2004 un monumento na súa memoria. Un e outro foron os casos máis coñecidos, porén non foron únicos.

Dos negros aos galegos

A medida que transcorreron as décadas do século XIX os escravos de procedencia africana foron substituídos por outros de orixe europea. A progresiva chegada de emigrantes galegos á illa de Cuba para ocupar os traballos realizados até entón polos negros respondeu á necesidade de aumentar os beneficios da burguesía española en Cuba e da propia Coroa.

A configuración da illa como un dos primeiros centros mundiais de produción azucreira e cafeteira a comezos do século XIX só foi posíbel polo emprego masivo de escravos negros que empeoraron as súas condicións de vida a medida que se avanzou na súa integración no mercado mundial capitalista. A importancia desta institución na economía española non escapou aos propios constituíntes de Cádiz, até o punto de que o representante cubano nas Cortes chegou a afirmar que "tanto para España como para Cuba a súa riqueza depende do sistema escravista". Porén a supresión da trata imposta en 1817 por Inglaterra ao Reino de España abriu un novo escenario. Malia que a decisión non significou a desaparición da escravitude, nin o remate do comercio con carne humana, que nese momento pasou a ser encabezado por negreiros españois, as novas circunstancias fixeron máis rendíbel empregar man de obra asalariada que escrava.

As mesmas compañías que lideraron a trata de negros pasaron a comerciar con emigrantes galegos. Un caso moi coñecido, pero non o máis importante, foi o de Urbano Feixoo, que promoveu diversas expedicións por volta de 1854, fixando unhas condicións laborais para os galegos que non asumiron os africanos. Porén, o tráfico de carne humana da Galiza continuou en mans de navieiros con experiencia no negocio, como o coruñés Eusebio da Guarda. 

Comentarios