Negar o galeguismo

emilia
photo_camera Emilia Docet

Emilia Docet Ríos, militante e activista do Partido Galeguista, conta nunha entrevista que levaba ao peito unha insignia de ouro regalo do Partido “porque son afiliada. Eu vería con inmensa satisfacción que todas as mulleres de Galicia a levasen, coma min, no seu peito”. De seguido, o xornalista recolle como remata Emilia esta conversa: “A maior alegría da miña vida será o día no que á nosa terra se lle conceda o seu Estatuto”

Fervente defensora do Estatuto intervén de xeito activo na actividade política. Vilar Ponte, en maio de 1933, fai unha afervoada loubanza dela e do exemplo que supón estar inscrita no partido galeguista. Deportista, Miss Galicia e Miss España aproveita calquera entrevista ou acto público para a defensa de Galiza. O 25 de xullo de 1934 participa no famoso Mitin das Arengas celebrado na Praza da Quintana, con Castelao, Vilar Ponte, Lugrís Freire, Bóveda e Paz Andrade, entre outros.

En 2013, dezaoito anos após a súa morte, Faro de Vigo recolle unhas declaracións do seu fillo que enmendarían parte da información vertida na prensa desde 1933, e que, ao que se ve, ela propia nunca desmentira: "Que mi madre simpatizó con algunos galleguistas es cierto, pero nunca militó en ese partido”

Pois ela declarou que si.

Este texto viu a luz no Sermos257, publicado a 3 de agosto de 2017

Comentarios