Nas terras do Umia decembro é Memoria

Varios colectivos da comarca impulsan diferentes actividades durante este mes coa finalidade de ''restablecer a dignidade dos homes e mulleres dunha nación asoballada polo levantamento militar de 1936 e a súa posterior Longa Noite de pedra''.

'Como nos libros, para pasar páxina, primeiro hai que lela'. Con esta frase, desde o colectivo O Fervedoiro resumen o seu empeño e teima en recuperar a memoria histórica na comarca do Umia e, tamén, no país. E mesmo unha vez lida esa páxina pode que non queiramos pasala, senón aprender para reescribila con outro final. Quen sabe?

O Fervedoiro é unha das entidades e asociacións responsábeis de que nas terras do Umia decembro sexa sinónimo de memoria. Unha tarefa na que tamén se mergullan a Agrupación Cantigas e Agarimos, a Asociación O Meigallo, o CPI don Aurelio, Fílmika Galaica e o Quinteiro do Umia.

Roteiros, mostras, proxeccións, xantar de convivio, historia... varias actividades permitirán, de diferentes xeitos, achegarse á memoria histórica da contorna e de Galiza

III Roteiro da Memoria

Unha das actividades que se desenvolve comezou esta segunda feira, no colexio don Aurelio de Cuntis e consiste na mostra, realizada pola Agrupación Cantigas e Agarimos, que conmemora o 51 aniversario da estrea en Galiza da obra 'Os vellos non deben namorarse'de Castelao. Hai reproducións orixinais de manuscritos para a posta en escena da devandita obra teatral, pódese ver un exemplar de peza dramática publicada -na súa primeira edición- por Galaxia en 1953.

O 14 de decembro, sábado, hai unha xornada completa de actos. Encetarase ás 11:00 horas, coa terceira edición do Roteiro da Memoria. Nesta ocasión, a camiñata discorrerá pola freguesía de San Breixo de Arcos de Furcos (Cuntis). “Recordaremos a historia do alcalde cuntiense Manuel Rodríguez (fusilado), do concelleiro Serxio González (fusilado), dos irmáns Lister (oriundos de Arcos de Furcos) e doutras persoas que sentiron, polos arredores, o bafo da morte ou do terror…”

Xantar de confaternidade

Por volta das 14.30 horas terá lugar o xantar de confraternidade (@s interesada@s poden contactar a través do correo [email protected]). E xa ás 19 horas, na biblioteca municipal Roberto Blanco Torres da vila do Baño, terá lugar a proxección do documental 'A Fazaña da Liberdade', dirixida por Seném Outeiro.

Pasear polas rúas para aprender a nosa historia

O 17 de decembro (terza feira) alumnado do colexio cuntiense participará nun particular roteiro da Memoria polas rúas da vila do Baño a partir das 11.45 horas. Estudantes de 4º da ESO do CPI don Aurelio Marcelino Rey ''paseará por estas rúas ateigadas de historia, recordaremos os nomes d@s fusilad@s, d@s fuxid@s,.. dos lugares de presidio, dos fogares d@s represaliado@s… e buscaremos recunchos para falar de Roberto Blanco Torres, Xohán Xesús González, Uxio Souto e doutras persoas que sufriron nas súas carnes os horrores da guerra e o loito da ditadura”. 

Comentarios