Narón recupera a memoria da revolta popular de 1918

A Comisión Revolta Popular de Marzo de 1918 congrega numeroso público que se achegou a Sedes, Narón, para recuperar a memoria dos feitos que aconteceron hai agora cen anos. Lidia Romero, presidenta da comisión, destaca o carácter participativo dos actos que están a ter lugar.

photo_camera A palestra que tivo lugar na mañá do domingo

Sedes está a coller na xornada de hoxe, domingo, os actos que conmemoran a revolta popular de marzo de 1918, da que se fai o centenario e que deixou, cando menos, cinco mortes. Durante a mañá, o local social acolleu a palestra a cargo de Ana Pérez, Francisco Rodríguez, Joám Lopes e Lidia Romero. A propia Romero, afirma, en declaracións a Sermos Galiza, que a conferencia resultou participativa, “a xente do público interveu para contar algunha historia que tiña oído na casa e mesmo quen deu conta de familiares mortos na feira”. “Foron moitas as persoas que viñeron buscando información”, asegura.

A presidenta da Comisión Revolta Popular de Marzo de 1918 afirma que o obxectivo principal desta xornada pasa por “recuperar a memoria”, “aquí hai unha serie de feitos que, incribelmente, na comarca de Ferrol son totalmente descoñecidos”. “Dun tempo a esta parte comezamos a interesarnos polo que acontecera e a verdade é que o que queremos é difundilo, máis que nada porque é a historia desta comarca e de Galiza”, agrega.

b3d7a2b5-adc3-414a-82b1-5864374226a9Alén da palestra, antes do xantar tivo lugar un recital poético a cargo do Colectivo Poético Moraima e após a comida desenvolverase o obradoiro da memoria, unha actividade pensada para promover a participación daquelas persoas que contan con información sobre a revolta de 1918 a través do pouso que deixou tras de si a transmisión oral. “Hai xente que ten oído falar do que aconteceu na feira e mesmo do monumento que se ergueu en 1933 para honrar as vítimas do día 13 de marzo de hai cen anos”, afirma Lidia Romero, “con esta actividade queremos coñecer máis sobre o acontecido e mesmo poder contar con algunha imaxe gráfica en que se vexa aquel monumento”.

Tras a actuación musical de Xosé Luís Rivas “Mini”, terá lugar a ofrenda floral no monumento que veñen de inaugurar para conmemorar a revolta.

Monográfico De Nós

O primeiro número do monográfico De Nós, editado por Sermos Galiza S.A., realiza un percorrido polos masacres máis significativos que tiveron lugar o século pasado na Galiza. É o historiador e ensaísta Francisco Rodríguez Sánchez quen dá conta da revolta que tivo lugar en Narón no artigo “Transancos, marzo 1918: revolta popular coas mulleres na vangarda”.

Alén dos feitos acontecidos na terra de Trasancos, a publicación recolle as revoltas de Salcedo, Oseira, Nebra, Sofán e Sobredo, con textos da autoría de Xosé Álvarez Castro; Xosé Ramón Ermida Meilán; Eliseo Fernández; Xan Fraga; Xosé Manuel Suárez Estévez; Antón Capelán Rei e Lucía Veciño Souto.

Comentarios