venres 24/09/21

O nacionalismo homenaxeará Moncho Reboiras no 46 aniversario do seu asasinato

Entre os días 12 e 14 de agosto sucederanse os múltiples actos de tributo a Moncho Reboiras que renden organizacións sociais, políticas e sindicais soberanistas.

Fotografía de Reboirassobre a que se construíuo cartel do filme. (Foto: Nós Diario).
Moncho Reboiras, fotografado polo seu irmán (Fotograma do documental 'Reboiras. Acción e corazón').

A 12 de agosto de 1975 a policía da ditadura franquista asasinou o militante nacionalista e dirixente da Unión do Povo Galego (UPG) Xosé Ramón Reboiras Noia, 'Moncho Reboiras'.

Na súa memoria, distintas entidades do campo do soberanismo galego preparan actos de tributo para esta semana. Polo de agora non hai comunicado ningún acto a nivel institucional.

En Ferrol, a UPG realizará este 12 de agosto o seu acto de tributo (lévano convocando cada 12 de agosto desde o ano 1976). Nesta ocasión será na Praza de Armas, ás 19.30 horas, e nel intervirán o secretario xeral da UPG e deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego; así como a deputada no Parlamento galego e secretaria xeral da Unión da Mocidade Galega (UMG), Iria Carreira; e mais o parlamentario Ramón Fernández. O acto contará coas actuacións musicais de Lucía César e Manolo Dopico.

Ese mesmo día, en Imo (Dodro), lugar natal de Moncho Reboiras, decorrerá ás 13 horas o acto de homenaxe convocado polo Movemento Arredista. Será no cemiterio de San Xoán de Laíño, en Imo, e contará coas intervencións do tenente de alcalde de Dodro, Xoán Bautista (BNG), de Raúl Sandomigo (membro da organización xuvenil Isca!), da activista feminista Ximena González e da concelleira do BNG das Pontes Silvia Pardo.

Tamén o cemiterio de Imo acollerá a tradicional ofrenda floral da Fundación Moncho Reboiras, que promove a central sindical nacionalista CIG.

Ademais, no cemiterio, ás 19 horas da tarde, decorrerá o acto que convoca Agora Galiza-Unidade Popular baixo o lema “A nossa contribuiçom nacional à insurgência global!”.

Finalmente, o próximo sábado 14 de agosto, a asemblea local do BNG de Dodro renderá tamén homenaxe pública a Moncho Reboiras ao redor do hórreos da Lavandeira, en Imo, ás 21 horas. Contarán coa participación do tenente de alcalde Xoán Bautista, do deputado Néstor Rego e da deputada Iria Carreira.

Pola súa banda, a Frente Popular Galega (FPG) sinalou a Nós Diario que este ano non levarán a cabo o acto que desde mediados da década dos 2000 facían anualmente no barrio de Teis, en Vigo, onde a familia Reboiras se trasladou a vivir e traballar polas penurias da Galiza rural naquela altura. Si expresaron desde a FPG a este xornal o seu desexo de volver facer o tributo o ano que vén e de que todas as homenaxes que se lle fagan neste ano “sexan vizosas”.

Asasinato en Ferrol

Foi na madrugada de 12 de agosto de 1975 cando a policía franquista asasinou disparándoo polas costas, a Moncho Reboiras en Ferrol, cando tan só tiña 25 anos de idade.

Este mozo de conviccións nacionalistas sufriu múltiples disparos da policía á altura da actual rúa Terra. Reboiras convertérase moi cedo en destacado membro da clandestina Unión do Povo Galego, a través da cal foi alicerce fundamental na organización de amplos sectores da sociedade galega en frontes de actuación como a sindical, a cultural ou a política.

Xosé Ramón Reboiras Noia tería hoxe 71 anos.

O nacionalismo homenaxeará Moncho Reboiras no 46 aniversario do seu asasinato
comentarios