O nacionalismo galego fronte ao Tribunal de Orde Pública

A memoria do nacionalismo reorganizado após os anos sesenta corre serio risco de perderse. A dos procesos de nacionalistas galegos fronte ao Tribunal de Orde Pública é unha historia que necesariamente hai que contar.

Foto do TOP
photo_camera Maxistrados do Tribunal de Orde Pública

Adoitamos laiarnos de ter acometido tarde o estudo da primeira represión franquista, aquela que seguiu ao 18 de Xullo de 1936 e as súas décadas próximas, por realizar os traballos unha vez que boa parte dos seus protagonistas ou testemuñas directas xa  tiñan desaparecido. A clandestinidade nun movemento coma o soberanista galego, carente de apoios externos e cunha feble estrutura no exterior, non xera actas, nin informes internos exhaustivos senón citas de seguridade, nomes de guerra, ficando ás máis das veces como único notario do acontecido as lembranzas dos que formaron trepias ou fixeron células, isto é da militancia. Se non queremos que a nosa historia se escreba segundo as versións que outros deixaron de nós, sexan estas causas xudiciais ou as novas da prensa controlada polo réxime, urxe darlle voz aos que fixeron posíbel a loita, aos que ergueron organizacións a pulso e aos que sufriron a represión. Está en perigo, a historia contemporánea de Galiza, a memoria da loita por facer unha nación libre e xusta e tamén un capital político do que non podemos prescindir.

Unha investigación de Francisco Xavier Redondo Abal vén cubrir parte deste baleiro. O traballo editado por Edicións Laiovento baixo o titulo de Arelas de liberdade na Galiza achéganos unha cumprida relación dos antifranquistas galegos procesados polo Tribunal de Orde Público desde o momento da súa fundación en 1963, naquela altura as causas políticas seguían a ser obxecto da xurisdición militar, chegando a súa disolución en xaneiro de 1977, cando as súas competencias e persoal pasaron a ser asumidas pola Audiencia Nacional.

Ao tempo, o libro de Redondo Abal achega importantes chaves para interpretar o réxime institucionalizado pola Constitución de 1978 e a continuidade do aparello franquista nos postos claves da administración do estado. Situando o foco no poder xudicial, demostra como 10 dos 16 xuíces titulares do TOP rematarán ocupando cargos no Tribunal Supremo e na Audiencia Nacional, algúns de grande relevo como José de Hijas ou Enrique Amat e mesmo dando orixe a xineas xudiciais como os Mariscal de Gante ou os Torres-Dulce.

10 dos 16 xuíces titulares do TOP rematarán ocupando cargos no Tribunal Supremo e na Audiencia Nacional

A nómina dos nacionalistas que desfilaron polo edificio de Salesas, sede do TOP, é significativa no plano cualitativo e cuantitativo. Afiliados e simpatizantes da UPG, nun primeiro momento fundamentalmente organizados na sección madrileña deste partido, a comezar polo xornalista Alberte Míguez, condenado en 1966 por escribir un libro sobre o pensamento político de Castelao, e continuando, entre outros, por Antonio Bernardo Rubio, Xoán Soto Gutiérrez, Manuel Murado García, Xosé María Álvarez González, Esther Cancio Figueiras, Carme Graña Penedo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Pavón González, Xoán Manuel López Álvarez “Lito”, Xesús Aurelio Fernández Prieto, Xesús Sanxoas Formoso, Xosé Luis Quiñoá López. E tamén nacionalistas e galeguistas probados como Xosé Chao Rego, Anxo Ferreiro Currás, Xaime Illa Couto ou Antón Arias Curto e o dramaturgo Manuel Lourenzo, no momento da seu proceso militantes do PCE. 

A represión substantivada no Tribunal de Orde Público é só unha parte da que padeceu a militancia nacionalista no franquismo. Sen saír da década dos sesenta -a etapa inicial da restauración da práctica patriótica en Galiza e cun movemento social e político organizativamente aínda moi feble- atopamos unha numerosa relación de fitos represivos. Deixando á marxe as prohibicións ou sancións ás actividade de promoción da cultura galega que afectou o tecido asociativo pero tamén os criadores, de xeito moi particular a escritores e músicos, debemos comezar cos sucesos represivos de xullo de 1966, vinculados á loita de Castrelo de Miño e ao Día da Patria Galega, que rematarán co arresto de Natalia Escrig ReiCuqui”, Raimundo Patiño, Arturo Reguera, na altura organizado na UPG, e Luís González Blasco e a detención e expulsión do estado de Luís Soto. E a seguir coa caída de cadros derivada da campaña de axitación de Nadal de 1967, ou a represión que seguiu en Galiza e Madrid é revolta universitaria de 1968, e a rematar coas detencións levadas a cabo no marco do estado de excepción de 1969, que levaron á cadea, entre outros Bautista Álvarez, Xosé Torres, Xosé Soto ou Xosé Luís Méndez Ferrín e que terá consecuencias moi negativas na estrutura e funcionamento da UPG.

Comentarios