Congreso no Consello da Cultura o 4 e o 5 de outubro

O nacionalismo na diáspora

As Irmandades da Fala agromaron case simultaneamente na Galiza e nas comunidades latinoamericanas de migrantes galegos. A partir desta tese reflexionará o congreso Nacionalismo galego e diáspora (1916-1936), organizado polo Consello da Cultura Galega o 4 e o 5 de outubro.

Imaxe da fundación das Irmandades da Fala
photo_camera Imaxe da fundación das Irmandades da Fala. Foto: cedida.

“Na Habana, Bos Aires e Montevideo, ou de xeito puntual en lugares como Antofagasta ou Chaco, grupos de emigrantes identificáronse con novos postulados políticos defendidos polas Irmandades da Fala”, expón a organización do encontro, “estaban vencellados aos grupos rexionalistas e de apoio á cultura galega que xurdiran con anterioridade, así como ás sociedades mutualistas ou de instrución”.

Pouco tempo despois -a fundación das Irmandades en Galiza data de 1916-, migrantes acabados de chegar ás Américas “serviron tamén de propagandistas e convertéronse en líderes do galeguismo”. Entre eles, o escritor Eduardo Blanco-Amor ou o comerciante Ramiro Illa Couto. Aquelas sociedades de alén mar, en que convivían agraristas, socialistas e republicanos, funcionaron como chan fértil para o galeguismo.

Nos 20 anos que van das primeiras Irmandades ao golpe fascista de Franco no Estado, o galeguismo adoptou, na outra beira do Atlántico, “unha dinámica autónoma”. “A un rápido crecemento e devalo en Cuba contrapúxose a progresiva influencia dos galegusitas de Bos Aires no tecido societario inmigrante”, explica o díptico do congreso. Ademais, continúa, foi un movemento político exposto a “estímulos ideolóxicos diferentes” da Galiza metropolitana e “interactuou cos imaxinarios nacionais das sociedades de recepción”.

Coordinadas polos catedráticos Xosé Manoel Núñez Seixas e Ramón Villares, que se refiren a este galeguismo da diáspora como “unha variante específica dos diversos casos de nacionalismos europeos”, nas xornadas achegarán conferencias e relatorios expertos como Sergio Miceli da Universidade São Paulo -Os intelectuais do Brasil no século XX: estrangeirados e nativistas-, Pilar Cagiao da Universidade de Santiago -O galeguismo no Uruguai-, Emilio Xosé Insua -A pegada cubana nas Irmandades da Fala- ou Matteo Sanfilippo, da Universidade da Tuscia, en Italia -Migrazioni e política.

Comentarios