Nace o Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo”

O Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo” vén de botar a andar co obxectivo fundamental de manter vivo o significado do carácter social e reivindicativo dos sucesos ocorridos en Sobredo, lugar da parroquia de Guillarei (Tui) o 28 de novembro de 1922, no marco das mobilizacións sociais agrarias para a eliminación dos Foros.

 O Instituto de Estudos Agrarios "Mártires de Sobredo" (IEMSO) conta con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar e rexerase polos Estatutos aprobados na asemblea fundacional e o disposto pola lexislación vixente, reguladora do dereito de asociación. O IEAMSO non só se responsabilizará da organización anual do acto, que se celebra desde 1987, en memoria dos Mártires ao redor do 28 de novembro e de velar pola conservación do monumento, tamén se compromete: a compilar, organizar, conservar todo o material referente á obra, pensamento, e acción sobre os Mártires de Sobredo e sobre as entidades agrarias, a súa actividade social e política; a espallar o significado dos sucesos de Sobredo como fito histórico no mundo rural e agrario galego.

Potenciar a figura social, humana e solidaria dos Mártires de Sobredo para que se teñan en conta no ensino e nos estudos da historia agraria Galiza, sexan incluídos os seus nomes nas entradas das enciclopedias e nos dicionarios de personaxes galegos e en todas aquelas actuacións destinadas a promover o coñecemento de figuras relevantes da historia de Galiza, para que se transmita este coñecemento ás xeracións presentes e futuras e permaneza na memoria.

Serán labores deste instituto crear un centro de documentación de temas relacionados co agro, co monte veciñal e co medio rural, con todo o material impreso ou gráfico, e ofrecer este material para a consulta e a investigación, encamiñadas á públicación da historia do noso pais. Producir e editar, ben sexa por medios impresos ou dixitais, unha publicación propia en formato revista e/ou páxina web, en que se dean a coñecer as actividades do Instituto de Estudios Agrarios “Mártires de Sobredo”, así como participar noutras publicacións periódicas e/ou monográficas.

Forman parte da 1ª Xunta de Goberno do (IEAMSO): José Paramos Andrés Director/Presidente, Raúl Lago Carvalho - Secretario, Darío Vila Costas - Tesoureiro, Xosé Manuel Suárez Estévez - Vogal de Medio (Agro e Territorio), Xosé Alfredo Pereira Martínez - Vogal de Montes Veciñais, Francisco Xabier González Martínez - Vogal de Educación e Cultura, Fiz Manuel Axeitos Hernández - Vogal de Veciñanza. O Consello Fiscal está formado por: Xosé Antón Bastos Rodríguez, Ángel López Méndez, Francisco Xabier Martínez Rodríguez.

 O seu enderezo electrónico é: [email protected] e a ligazón en facebook: institutodeestudosagrarios.martiresdesobredo

Comentarios