En memoria de Díaz Pardo

O primeiro aniversario da súa morte, o galeguista foi homenaxeado no cemiterio de Boisaca.

Vai un ano do falecemento de Isaac Díaz Pardo e o cemiterio de Boisaca encheuse de música e poemas para lembrar a memoria do galeguista. Figuras do mundo da cultura, como Mini e Mero, mais tamén autoridades nacionais e locais como o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o alcalde de Teo, Martiño Noriega tomaron parte dunha emotiva homenaxe en que salientou a lembranza ao baleiro deixado, mais tamén ao patrimonio que compón o seu pensamento e obra.

Leituras, recitais e cancións encheron o campo santo de Boisaca do recordo ao finado a quen chegaron a definir como "o motor das grandes causas" tanto na Galiza coma no exilio.

Porén, após un ano da súa morte, a "luminosa mirada dos ollos de Isaac" aínda non se apagou e parte dela será recuperada coa publicación dunha obra editada por Xosé Ramón Fandiño intitulada "Isaac Díaz Pardo. Obra dispersa" (Cadernos Ramón Piñeiro). A súa presentación terá lugar a vindeira cuarta feira no Museo do Pobo Galego.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios