A música acentúa o silencio da memoria na preestrea de 'Acorda'

A deputada nacionalista María Ortega insta ás institucións públicas a "camiñar do lado das vítimas".
Un momento na preestrea do documental. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Un momento na preestrea do documental. (Foto: Deputación de Pontevedra)

O documental Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra tivo a súa posta de longo e a saída á luz das experiencias na preestrea que decorreu no Teatro Principal da cidade, onde o público convidado puido vivir “un percorrido polos lugares onde habitou o silencio, o medio e a perda, poboándoos de música, cancións e palabras”. 

Esas notas acentuaron o silencio de homenaxe, de honra, de moitos episodios de represión neste filme que, segundo o poeta Lois Pérez -que dirixiu o acto-, se teceu “buscando a poesía da verdade” pero tamén coa responsabilidade de contar a historia real e de “honrar xustamente esa verdade dos feitos e a memoria das vítimas”. 

O creador recoñeceu que Acorda é un proxecto “que é só un grao de area máis nunha inxente causa colectiva” que lideran moitas persoas e asociacións e colectivos “que levan moito tempo, nalgúns casos toda a súa vida, loitando para que se faga xustiza e se honre a memoria das vítimas e a súa dignidade”. 

Precisamente por eses tropezos que teñen xurdido, a deputada de Memoria Histórica, María Ortega, apostou en que as institucións camiñen “do lado das vítimas”. Igualmente, invitou a “pór o foco na aposta pola liberdade”.

Un "arma moi potente" para reivindicar

“Imos facer memoria cunha arma moi potente para a reivindicación: a arte, a música. A reivindicación da verdade, da xustiza e da reparación, da loita pola impunidade”, destacou Ortega antes da proxección, resaltando “a reivindicación da resistencia, a reivindicación das ideas, a reivindicación da liberdade”. 

A deputada nacionalista remarcou tamén que a mensaxe, a lembranza, debe chegar á mocidade porque “contrariamente ao que se pensa, quere coñecer o pasado para reivindicarse no futuro”.

Saber e loitar mais tamén celebrar

“Teñen dereito a saber o que pasou durante unha escura época da que non se fala nas escolas, cuxo recordo aínda xera conflito e incomodidade entre unha parte da sociedade, unha parte da nosa clase política”, advertiu a representante da Deputación. Mais o acto desta sexta feira, que estivo presidido polo amarelo que identifica o programa de Memoria Histórica O pasado por vir da administración pública, non só foi unha mirada atrás para o recordo senón unha celebración de que as historias vexan a luz. 

Tanto é así que mesmo houbo posado das e dos invitados, entre os que estaba parte do elenco de actrices e actores (Tero Rodríguez, Ana Facchini, Clara Iglesias, Andrés Giráldez, Gonzalo Valcárcel...); intérpretes como Tanxugueiras, Uxía, Sheila Patricia, Eladio Santos ou testemuñas como Queta Molas, Blanca Francés e ‘Tatán’, así como representantes das agrupacións da memoria. 

Algúns dos momentos máis emotivos estiveron protagonizados, precisamente, por aquelas persoas que puideron contar a historia. Molas fixo un percorrido polo seu compromiso coa memoria, lembrando a súa infancia e ao seu pai falando do lazareto e a caixa feita a man con madeira de buxo do paseo de San Simón que aínda conserva con fotos e cartas da época.

Francés afondou na historia da súa familia que non puido contar no documental: fusilaron a un tío en xullo, ao avó en agosto e a dous tíos-avós en setembro.

Comentarios