Museos galegos gardan pezas de arte incautadas pola ditadura franquista

O Ministerio de Cultura publicou esta cuarta feira un inventario de pezas arte incautadas polos franquistas durante os primeiros anos da ditadura e actualmente depositadas en diversas dependencias estatais. Algún deste material resultado do espolio a demócratas atópase actualmente en varios museos galegos.

mp01
photo_camera Instalacións do Museo de Pontevedra, que custodia pezas incautadas polo franquismo. (Foto: Xunta da Galiza).

O ministro español de Cultura, Ernest Urtasun, explicou que esta primeira achega recolle un total de 5.126 pezas custodiadas na rede estatal de museos. Neste sentido, indicou que se trata “dun primeiro paso para estudar caso por caso" a orixe de determinadas pezas, co obxectivo de que os lexítimos herdeiros poidan reclamar a súa propiedade. A este respecto, asegurou que “o paso importante era identificalos e, pasado o tempo, estudarase que se fai con ese ben”.

A listaxe divulgada esta cuarta feira polo Goberno do Estado é só unha pequena parte do patrimonio espoliado pola ditadura no marco da represión exercida contra as e os demócratas. A este respecto, un estudo realizado polo catedrático Arturo Colorado, en  colaboración con diversos organismos, avala que foron incautadas máis de 16.500 pezas, unha parte importante das cales nunca chegaron a ser devoltas e depositáronse en diversas institucións.

Os museos galegos custodian fondos procedentes deste espolio. A xornalista e investigadora Montse Fajardo, colaboradora en Nós Diario, ten documentado que o Museo de Pontevedra e o Museo de Belas Artes da Coruña son dúas institucións galegas que recibiron pezas desta orixe. Sen ir máis lonxe, ao primeiro dos centros, cuxa titularidade e xestión corresponde á Deputación de Pontevedra, chegaron por esta vía 177 pezas nos primeiros tempos da ditadura.

A primeira remesa de pezas desta orixe acabou no Museo de Pontevedra en 1941. A este respecto, Fajardo explica a Nós Diario que “ese primeiro envío ao museo pontevedrés constaba, seguindo o estudo realizado por Colorado con abanicos, ourivaría, porcelana, cerámica, móbeis ou pinturas. Entre estas últimas, obras como Cogida de un vaquero, de Eugenio Lucas Velázquez, ou Paisaje con río, castillo y escena de pescadores, de Jenaro Pérez Villaamil”.

Fajardo lembra que “en maio de 1941 tamén foi enviado Pontevedra un cadro do século XVII, Santa Teresa de Jesús coronada por Jesucristo, para decorar a Escola Normal. Así o solicitara a súa directora un ano despois de que o Museo de Pontevedra recibira a primeira das remesas daquelas obras”.

“Os envíos non cesaron aí e en 1946 o Museo de Pontevedra recibe cinco cadros até ese momento depositados na Comisaría de Compostela”, continúa Fajardo quen apunta que “había obra de Santiago Rusiñol, de novo de Pérez Villaamil e un debuxo de Benito Pérez Galdós titulado Visión portuaria, que pertencera a Gregorio Marañón e que permanece, como o resto da colección, nos fondos da entidade pontevedresa logo de que o dono llo cedera definitivamente en 1951”.

O caso do Museo de Pontevedra non foi unha excepción na Galiza. Neste sentido, Fajardo desvela quen “en 1941 chega ao Museo Belas Artes da Coruña, daquela tamén denominado Museo Provincial, unha remesa de obras. Aínda que de moito menor volume, apenas 15 pezas, tiña algunhas da importancia como Sagrada Familia, de Juan de Juanes; Florero, de Juan de Arellano, ou Niños músicos, de Pietro Francesco Cittadini.

O espolio do Seminario

Unha parte significativa do patrimonio espoliado pola ditadura rematou en mans particulares e moita dela non foi documentada a facer parte da represión paralegal. Así, por exemplo, a maior parte da colección de arte depositada na sede do Seminario de Estudos Galegos (SEG), conformada polas doazóns de todos os artistas que facían parte da entidade, rematou en mans particulares e só unha pequena parte pasou a mans do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

O fondo artístico do Seminario de Estudos Galegos (SEG) estaba composto por pezas dos mais importantes artistas galegos das tres primeiras décadas do século XX como Daniel Castelao, Francisco Asorei, Camilo Díaz Baliño, Carlos Maside ou Francisco Vázquez, 'Compostela'.

Comentarios