mércores 14/04/21
Decorre hoxe, en Pontevedra, a xornada '1920 Nós-2020 Nó[email protected]'

A muller no centenario da revista 'Nós'

Na véspera de conmemorar os 100 anos da publicación do primeiro número da revista 'Nós', o Pazo Provincial de Pontevedra desenvolve a xornada '1920 Nós-2020 Nó[email protected]', na procura de homenaxear o Grupo Nós e de situar a muller de comezos do século XX no lugar que lle corresponde dentro dese contexto.
1933galeguismoourense2
Membros do grupo Nós no banquete a Emilia Docet e a Manuel Luís Acuña en 1933. / Fundación Otero Pedraio

En xuño de 1920 reuníanse no Café Méndez Vigo de Pontevedra, Vicente Risco, Losada Diéguez, Cabanillas e Castelao, integrantes do grupo Nós que nesa xuntanza idearon a publicación da Revista Nós, que vería a luz o 30 de outubro dese mesmo ano.

Agora, no centenario da saída do prelo deste boletín editado integramente en galego e co obxectivo primordial de pór en valor a nosa cultura, a Deputación de Pontevedra festexa estes cen anos a través da xornada titulada, "1920 Nós-2020 Nó[email protected]", ás 19.30 horas no Pazo Provincial. 

Baixo este epígrafe desenvolveranse unha recreación histórica, da compañía Os Quinquilláns, coloquios, mesas redondas e intervencións artísticas en vivo coa muller como elemento central.

"Hoxe as mulleres son protagonistas da revolución cultural da Galiza", comentou a deputada Carmela Silva, que engadiu, "é un deber e unha obriga darlles voz e facer visíbel o papel das que foron silenciadas nos comezos do século pasado".

Na peza teatral dos Quinquilláns recrearase unha conversa entre Castelao, Risco, Losada Diéguez e Margot Sponer, alemá estudosa da lingua galega e unha das tres mulleres que publicou os seus artigos na Revista Nós

De seguido, no mesmo Pazo e evocando o espírito dos faladoiros da Xeración Nós, desenvolverán un coloquio no que debaterán: María Reimóndez, poeta, tradutora e feminista; Kiko da Silva, ilustrador e director da primeira Escola de Banda Deseñada da Galiza; Afonso Vázquez Monxardín, catedrático da Lingua e membro do Museo Arqueolóxico de Ourense; Susana Pedreira, locutora de radio e cofundadora de "As mulleres que opinan son perigosas"; Chelo Loureiro, de Abano Producións, especializada no cinema animado; Miguel Fernández Cid, historiador e crítico de arte; e a deputada, Carmela Silva.

Os actos conmemorativos do centenario de Nós incluíron tamén a realización, na xornada de onte, da mesa redonda "A Revista Nós: a romaría das palabras".

Nesta actividade, que tivo lugar no Sexto Edifico do Museo de Pontevedra, participaron o deseñador Pepe Barro, o filólogo Emilio Ínsua, a profesora Patricia Arias e mais o escritor Miguel Anxo Seixas.  

Intervención artística  desde Belas Artes

A Universidade de Vigo tamén participa nesta xornada de homenaxe á revista Nós, e faino a través da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Na representación desta, as artistas Laura Cores e Nuria Ferreiro realizarán unha intervención artística contemporánea en vivo. Destácase así a importancia, plástica e gráfica, do boletín que dirixiu Castelao.

comentarios