Un monumento pola memoria fronte á illa de San Simón

Fronte á illa de San Simón, no peirao de Santa Cristina de Cobres, inaugurarase o vindeiro domingo 26 de abril un  monumento homenaxe ás vítimas do terror franquista en Vilaboa. A Asociación A Regaduxa é a promotora. 

Regaduxa

“Memoria das vítimas do terror franquista en Vilaboa”, é a lenda que se recolle no monumento que se inaugurará o vindeiro 26 de abril ás 19 horas no peirao de Santa Cristina, nunha iniciativa promovida pola asociación A Regaduxa. Memoria histórica de Vilaboa. 

Letras de ferro cortén incrustradas nas pedras do dique do peirao lembrarán, entre outras vítimas, aos presos da illa que fixeron traballos forzados para construír a estrada que vai cara o peirao de Santa Cristina. 

O acto será conducida por Tereixa Carro, directiva da Regaduxa e bisneta de Abelardo Sobral, canteiro de Postemirón asasinado en 1936, un dos nomes que ese sentirán na lectura por parte de 15 mozos e mozas do Instituto do Toural dos nomes das persoas represaliadas despois do golpe militar de 1936. 

En representación das familias represaliadas intervirá Carlos Casal que lerá uns treitos do Diario de Pepe Casal,  seu avó que estivo preso na Illa de San Simón ademais de na cadea de Pontevedra e no Forte de San Cristóbal. No acto de homenaxe participará tamén Luís Bará, directivo de A Regaduxa e autor do blog  www.nondesaesquecemento.blogspot.com no que recupera a historia das vítimas de Vilaboa e o escritor Pepe Cáccamo, presidente de A Regaduxa. O acto rematará cun lanzamento de flores ao mar en memoria das vítimas xunto coa actuación do dúo Dous na fronteira.

Comentarios