Montecubeiro será o escenario da homenaxe nacional ás vítimas do franquismo

A aldea de Montecubeiro -veciña de Baralla- converteuse nun inferno despois do golpe militar de 1936. A Iniciativa Galega pola Memoria escolleu esta parroquia de Castroverde para celebrar o Acto Nacional en Desagravio ás Vítimas do Franquismo que terá lugar o próximo día 13 de outubro ás 12.30. O ex-director da UNESCO Federico Mayor Zaragoza asistirá ao acto. 

Penedo de Montecubeiro
photo_camera Penedo de Montecubeiro

O golpe militar tornou Montecubeiro nun inferno e foi esta parroquia de Castroverde o escenario dun dos máis brutais crimes colectivos no que foron asasinadas tres mulleres e doce homes. A Iniciativa Galega pola Memoria celebrará o próximo 13 de Outubro ao pé do monolito que lembra os seus nomes o “Acto Nacional en Desagravio ás vítimas do franquismo”. 

As asociacións de recuperación da memoria histórica querían organizar un acto nacional para desagraviar ás vítimas do franquismo e Montecubeiro, no concello de Castroverde,  viciño ao de Baralla, é o escenario escollido para a conmemoración que terá lugar o próximo día 13 de outubro ás 12.30 da mañá coa presenza de Federico Mayor Zaragoza, Ex-director da Unesco. 

Ademais de Mayor Zaragoza, no acto intervirá o alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, o delegado provincial de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro e o poeta Claudio Rodríguez Fer en representación da Iniciativa Galega pola Memoria. A conmemoración contará coa actuación de Mercedes Peón -que xa homenaxeou ás mulleres vítimas da represión no acto nacional de  2007- e terá lugar ao pé do grande penedo que lembra os nomes das quince persoas asasinadas en Montecubeiro. 

As asociacións que traballan pola recuperación da memoria histórica agrupadas na coordenadora entenden a homenaxe como “unha resposta sensata e civilizada ás declaracións de certo alcalde dun concello limítrofe a Castroverde -Baralla-, que o único que conseguiron é retratar como un franquista "de-toda-a-vida" a ese persoeiro”. 

No remate da homenaxe haberá un xantar de confraternización para o que compre anotarse na seguinte ligazón. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios