Monobiquini, o escándalo

MONOBIQUINI
photo_camera Toni Lee Shelley é arrestada na praia de Chicago.

Rudi Genreich foi un deseñador austríaco que pasa por ser o criador do monoquini, o primeiro fato de baño que deixaba o peito feminino a descuberto. A peza por el deseñada era unha braga negra que cubría até o embigo, con dous tirantes que pasaban por encima dos ombreiros e descendían por detrás, deixando os peitos ao descuberto. Foi a primeira versión do topless, usado pola súa modelo favorita, Peggy Moffitt, en desfile de pasarela o 4 de xuño de 1964.

Pouco tardou en pasar da pasarela á praia tal peza as autoridades europeas e americanas reaccionaron rapidamente e apresuráronse a multar ou enviar ao cárcere toda muller que ousase levar tal prenda. Como lle aconteceu a Toni Lee Shelley, a primeira muller en practicar tal forma de baño nunha praia de Chicago o 20 de xuño de 1964.

Tamén como provocación foi entendida a prenda en Rusia, chegando a ser argumento utilizado nas frías relacións ruso americanas. En México a multa para quen vestise tal prenda era de 500 pesos e catro meses de cárcere, en virtude do artigo 200 do código penal referente a “ofensas morais”. En Franza foi oficialmente prohibido en xullo de 1964 e o alcalde de Saint-Tropez declarou que recorrería a helicópteros para patrullar as praias.

Até o Papa terzou no asunto e prohibiu o uso.

Na Coruña, na xornada electoral de 15 de xuño de 1977, as primeiras celebradas após a morte de Franco, sobre as catro da tarde “tres mulleres foron sorprendidas pola policía cando se bañaban en monobiquini” Os nomes e os domicilios das tres foron publicados na prensa. Aínda peor que as multas, que as houbo, escarnio público.

Genreich dixo idear a prenda con clara intención provocadora.

E conseguiuno.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios