Mondoñedo homenaxea tres veciños asasinados en 1937 polo fascismo

Unha iniciativa veciñal, apoiada pola totalidade dos grupos que forman parte da corporación municipal, homenaxearán o 13 de xaneiro a Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez, militantes da CNT e a Unión Socialista Galega asasinados hai oitenta anos

 milicianos fascistas desfilando por Mondoñedo. Foto de Nomes e Voces
photo_camera milicianos fascistas desfilando por Mondoñedo. Foto de Nomes e Voces

Unha iniciativa veciñal, apoiada pola totalidade dos grupos que forman parte da corporación municipal, homenaxearán o 13 de xaneiro a Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez asasinados hai oitenta anos

Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez eran tres mindonienses “bos”, cun  “compromiso social” e “ entrega a un Mondoñedo mellor, socialmente máis xusto, desenvolto culturalmente e democraticamente avanzado”, segundo a iniciativa veciñal que promove a homenaxe a estas persoas. As tres foron asasinadas en 1937 polos franquistas, nun episodio sanguento máis da represión fascista nesa comarca.

O colectivo promotor considera que “hai razóns dabondo para homenaxear a estes tres veciños de Mondoñedo e na súa persoa a todos aqueles que na cidade foron vítimas da represión franquista, atendendo ao noso firme convencemento de que a democracia ten unha débeda impagábel con estas persoas”.

A homenaxe será o vindeiro 13 de xaneiro. Empezará ás 12:00 no parque da Travesía, detrás do cemiterio vello, a carón do lugar onde foron asasinados, onde tomaran a palabra, entre outros, familiares de Siervo González e Graciano Paz, representantes dos grupos que fan parte da corporación municipal, o cronista oficial de Mondoñedo e  rematando cunha actuación musical. Ás 13:00 h, realizarase unha mesa redonda coa participación de persoas que coñecen e teñen estudado a figura dos homenaxeados e o contexto social, cultura e político de Mondoñedo nese momento histórico. A xornada rematará cun xantar de confraternidade.

Quen eran?

Siervo González Rivas (Mondoñedo 1886-Mondoñedo 1938), funcionario municipal, directivo da Sociedade de obreiros católicos, presidente da sección local da Confederación Nacional do Traballo (CNT, militante do Partido Sindicalista e da Unión Socialista Galega, sendo cabeza de lista desta forza política nas eleccións ao congreso de 1933.

Graciano Paz Amieiro “O Latoeiro” (Mondoñedo 1893-Mondoñedo 1938), tesoureiro da Sociedade de obreiros católicos desde 1926 até 1932, directivo do Sindicato de oficios varios da CNT e militante da Unión Socialista Galega.

Manuel Rodríguez Núñez(Mondoñedo 1893-Mondoñedo 1938), comerciante residente na rúa Febreiro, ocupou responsabilidades directivas na Sociedade de obreiros católicos, de cuxo orfeón fixo parte, militou ao tempo na CNT, no Partido Sindicalista e na Unión Socialista Galega.

Comentarios