A Galiza ignorada

Milia de Wessex: a princesa británica que deu raíñas a Galiza

Era filla do rei británico Edgberto de Wessex e casou co neto do rei galego Froila I. A súa relación enténdese no contexto da intensa axenda internacional despregada polas nosas clases dirixentes e a súa xinea explica a historia do espazo cristián peninsular na alta Idade Media e o papel reitor da oligarquía galega. Ao fin, unha princesa británica que vén botar luz sobre o Reino de Galiza. Eis un extracto da peza, publicada no número 330 de Sermos Galiza.

b) Edgberto de Wessex, pai de Milia, nunha miniatura do século XII
photo_camera Edgberto de Wessex, pai de Milia, nunha miniatura do século XII

7Milia de Wessex facía parte dunha das dinastías reais máis poderosas da Europa do século VIII e IX. O Reino de Wessex, tamén coñecido como reino dos saxóns do oeste, fundouse no século VI nos actuais condados de Berkshire, Witshire e Hampshire, situando a súa capital en Winchester, ocupando ao tempo toda a área sur de Inglaterra até poñer fin a heptarquía anglosaxona, convención utilizada para referirse á división da illa após a invasión dos anglos, dos xutos e dos saxóns. O pai de Milia, Edgberto de Wessex, popularizado nos últimos anos pola representación que fan da súa figura na serie Vikings, naceu arredor de 771, exiliándose durante máis dunha década na corte de Carlomagno, polo que algunha documentación emparenta a nai de Milia, Redburga, co propio emperador dos francos. O reinado de Edgberto significará a consolidación do dominio de Wessex no espazo británico, derrotando os mercios primeiramente na batalla de Ellendum de 825 e posteriormente invadindo Mercia en 829, até o punto de que a actual casa real inglesa o sitúa como orixe da súa dinastía.

Rodrigo Romaes estaba emparentado coa casa real galega. Fillo de Ramón Romaes, conde Monterroso e señor de Santa Marta de Ortigueira, e de Teresa Arias, da estirpe dos Nuñez e dos Osorio, era neto por vía paterna do rei Froila I e sobriño de Afonso II. Malia ser designados pola historiografía españolista como monarcas asturianos, un e outro actuaron como galegos e así eran coñecidos polos seus homólogos europeos, até o punto de que as crónicas francas refírense a el como “o moi grande rei dos galegos Afonso”. O propio Froila, que tería a Ramón da nobre galega Hermesenda Romaes, residirá boa parte da súa vida na vila de Santa Marta de Ortigueira, acontecendo outro tanto con Afonso II, educado no país pola familia dos Osorio e resultando o primeiro impulsor do mito xacobeo, correspondéndose co seu reinado as primeiras novas do achádeo do sepulcro do apóstolo.

O matrimonio de Milia de Wessex e Rodrigo Romaes explícase no marco das tradicionais relacións de Galiza no espazo atlántico e os intensos contactos diplomáticos desenvoltos polos reis galegos diante doutras monarquías europeas. Precisamente, Emilio González López, un dos historiadores que se ten ocupado deste casoiro, pono como exemplo das relacións de Galiza coa illas Británicas ao longo do século VIII ou IX, significando a permanencia das mesmas ao longo do período antigo e medieval. A comunicación marítima entre o noso país e os reinos europeos da fachada atlántica é unha constante histórica perfectamente documentada ao longo de toda a Idade Media, da que son exemplos recorrentes para a etapa sueva a viaxe de Idacio da Limia ás Galias no 431, a instalación dos bretóns no norte galego a comezos do século V ou a partir da construción do mito xacobeo o camiño marítimo inglés a Compostela, seguindo as rotas xa usadas con anterioridade.

[Podes ler a peza íntegra no número 330 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Máis en Información do Reino
Comentarios