'As guerrillas galegas ao descuberto'

Lupe Martínez, investigadora: “Nunca a guerrilla golpeou tanto como durante o liderado de Gayoso e Seoane”

Lupe Martínez (A Coruña,1979) e licencia de Socioloxía e funcionaria da administración xeral do Estado. Investigadora cunha abondoso bibliografía sobre a guerrilla e autora do volume Coa man armada, sobre a IV Agrupación do Exercito Guerrilleiro da Galiza. A cuarta feira escribe en Nós Diario sobre José Gayoso e Antonio Seoane.

Lupe Martínez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Lupe Martínez. (Foto: Nós Diario)

José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez son dúas referencias inescusábeis da loita guerrilleira na Galiza, antes do seu retorno a Galiza nos anos 40 para dirixir o PC cal foi a actividade política de Gayoso?

Gayoso, se temos en conta o seu currículo previo antes de retornar a Galiza, é unha aposta forte do PCE para robustecer a loita armada no país. En base a ese currículo, que comeza a escribirse en 1932 cando se afilia ao PCE e que engorda considerabelmente durante a Guerra Civil, acadou cargos no país como secretario de organización do comité rexional do PC desde 1935 e ata que se produciu o golpe e, tras este, actuou como miliciano, como encargado de propaganda do Comisariado Xeral de Guerra, como redactor de Nueva Galicia e de Mundo Obrero, como instrutor nas Milicias da Cultura, como responsábel de propaganda no exército do Ebro e, xa coa contenda perdida e antes de liscar cara o exilio, como un dos encargados de salvar os documentos máis importantes do arquivo de PCE e de destruír aqueles considerados incriminatorios.

Xa no exilio, e tras unha primeira parada en Francia, comezou o seu periplo americano, sempre en convivencia co PCE e traballando para el, con estadías na República Dominicana, Cuba -onde compartiu militancia e traballo con Julián Grimau-, Nova York, México.É dicir, era un home comprometido, involucrado, valorado e que, sen ser un activo de primeirísima fila, tampouco era un descoñecido ou un home sen experiencia político-militar cando recalou en Galiza.

"Gayoso é unha aposta forte do PCE para robustecer a loita armada no país"

Falounos da traxectoria militante de Gómez Gayoso nos anos republicanos, durante a guerra e no exilio, que nos pode dicir da labor política de Antonio Seoane Sánchez antes de ser nomeado xefe do Exercito Guerrilleiro da Galiza?

Seoane criouse na Arxentina e non viviu directamente a II República nin a Guerra Civil así que, aparentemente, a súa bagaxe é máis modesta. En todo caso, os máis de 10.000 quilómetros que separaban o Estado español de Arxentina, non foron un obstáculo para que se involucrase na defensa da legalidade republicana; deste xeito, foi un dos directores da  Central Galega de Axuda á Fronte Popular.

Ademais, coa chegada dos exiliados á Arxentina dou un paso á fronte e afiliouse ao Partido Comunista, e tamén apareceu vencellado aos xornais La Prensa e o elocuente Galicia. Enviado ao Estado Español e tras pasar, ao igual que Gayoso, pola delegación central do PCE en Madrid, onde se puxo ás ordes de Jesús Monzón Reparaz, recalou na Galiza. Os dous homes foron o complemento perfecto o un para o outro, o que se proxectou no incremento cualitativo e cuantitativo das accións da guerrilla.

Gayoso e Seoane botaron pouco máis de dous anos á fronte do PC e da guerrilla na Galiza, que destacaría do seu traballo e que valoración fai do mesmo?

Dous anos pode parecer, de entrada, pouco tempo, pero esa vivencia efémera non nos debe levar a engano. En realidade, e como a maioría de homes que volvían ao Estado procedentes de América Latina en vez de regresar desde Francia, é un período considerábel, e máis se temos en conta que a media de tempo que tardaban en ser detidos os homes enviados dende o país galo era de arredor de seis meses. Isto quere dicir que ambos os dous eran homes preparados.

Matizado isto, pois basta con ler os informes de Gayoso, as recensións doutros compañeiros ou as propias cartas que escribiron desde a cadea para decatarnos de que o que primaba no desempeño da súa labor era a concienciación política. Estaban verdadeiramente interesados en darlle contido político á loita armada. Non esquezamos que os homes do monte compartían o seu antifascismo á marxe da ideoloxía política que profesasen, pero tamén que moitas veces ese ideario podía verse desdebuxado pola ideoloxía da supervivencia. Gayoso e Seoane fixeron moito fincapé en manter e potenciar a concienciación política por riba das accións militares controvertidas.

A preparación política dos guerrilleiros, que non supón un abandono doutros quefaceres como por exemplo apuntalar a indispensábel rede de apoios da guerrilla, para min é o aspecto máis salientábel dos dous líderes. Non todos, porén, opinaban igual, e houbo quen incluso criticou a súa estratexia, nomeadamente Manuel Fernández Soto “Coronel Benito”, o sucesor de ambos, quen os tachou de brandos ou que reprendeu as súas supostas vacilacións. En todo caso, e cos datos na man, “Coronel Benito” non tiña razón. Ser selectivo non era ser pusilánime, e os números abalan a Gayoso e Seoane. Nunca a guerrilla golpeou tanto como durante o seu liderado.

"Gayoso e Seoane foron o complemento perfecto o un para o outro"

As razóns da caída de Gayoso e Seoane segue a ser unha cuestión que non está clara, na súa opinión cales foron as causas da súa detención?

Oxalá puidera dar unha resposta categórica, pero a estas alturas non podo. Hai dous candidatos a delator, se ben tampouco é inverosímil que puidesen selo ambos: un é Eugenio Rueda Perosanz, a man dereita de Seoane, e a quen o propio Gayoso ou Francisco Rey Balbís “Moncho” consideraron culpábel e o outro é Luis García Jiménez, o único home que tiña coñecemento da xuntanza que se ía celebrar o día 11 e que, segundo “Paco Balón”, ao saír do cárcere confesoullo Juan José Romero Ramos, outro dos condenados no consello de guerra que impuxo a pena máxima a Gayoso e Seoane. Desde logo, a condena de García Jiménez foi moi exigua, apenas seis meses e un día, pero o xeito no que morreu Rueda, silenciado a golpe de Lei de fugas, tamén se torna sospeitoso.

A condena a morte destes dous militantes comunistas motivou unha grande campaña de protesta e solidariedade a nivel internacional, que destacaría da mesma?

Salientaría precisamente iso, a grande campaña que tentou frear o irrefreable; as mostras son innumerables. Así, dende Cuba mobilizouse a executiva da Casa da Cultura que se dirixiu vía telegrama, xunto a outras personalidades, ao secretario xeral da ONU Trygve Halvdan Lie, que sería quen concentraría o groso das peticións. Tamén a el ou ao embaixador franquista na Habana se cursaron peticións dende o comité executivo da Confederación de Traballadores de Cuba. A Federación Estudantil Universitaria de Cuba, pola súa banda, chegou a apelar ao mesmo Franco. Así mesmo, neses termos, mobilizáronse un bo feixe de institucións.

Outro tanto, aconteceu desde Estados Unidos, o Comité Coordinador Pro-República Española puxo en circulación unha carta a remitir ao secretario xeral da ONU para que os cidadáns dese país manifestaran a súa decisión de que se garantise a vida dos encarcerados e que contou coa adhesión de múltiples organizacións coma o Club Obreiro Español dos Comités Femininos Unidos, da Casa da Galiza ou do Spanish American Center.

Na Francia, a Asociación de Deportados e Internados Españoles Antifascistas ou o Buró da Federación Nacional Francesa dos Antigos Prisioneiros Políticos tamén apelaron ao secretario xeral da ONU. O Comité de Deportados Españois, e numerosas cartas remitidas dende centros de traballo, como os obreiros da Renault, manifestaron a súa condena ao réxime franquista.

Arxentina, onde se criou Seoane, tamén se mobilizou en favor dos condenados: A Xunta de Axuda á Democracia Española, a Unión de Mulleres de Arxentina, o Centro Hispano-Arxentino da Vila Martelli ou a Liga Arxentina polos dereitos do Home da cidade de Rosario, entre outros, sen esquecer as iniciativas particulares de grupos de traballadores, obreiros nomeadamente, e de antifranquistas galegos residentes no país. Milleiros de cartas, telegramas, chegaban acotío ao Goberno arxentino, ao embaixador no Estado español ou á secretaría xeral da ONU. En todo caso, todas estas iniciativas de nada serviron.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios