A memoria histórica e a súa importancia para unha sociedade democrática, a análise na Coruña

É o eixo do III Curso de Verán Ciencias Sociais, Educación e Sociedade, organizado pola Universidade da Coruña e que reunirá relatores de universidades e institucións adicadas á recuperación da memoria histórica.

Uxio Breogán Diéguez
photo_camera Uxio Breogán Diéguez, director do Curso

A importancia da memoria histórica á hora de construír unha sociedade democrática ou cal é o estado de saúde do movemento memorialístico na Galiza actual, analizándoo desde o ámbito educativo, legal, patrimonial e cívico; son algúns dos temos a debullar estes días na Coruña. O 28 e 29, cuarta e quinta feira, a Universidade da Coruña acolle o III Curso de Verán Ciencias Sociais, Educación e Sociedade. Un evento que se fai baixo a dirección do profesor Uxío-Breogán Diéguez e coordenado polos tamén docentes da UDC Sara Carou García e Roberto García Morís.

Dez ponentes, de diversas universidades, así como de institucións adicadas á recuperación da memoria histórica, tomarán parte neste congreso. A conferencia inaugural do curso correrá a cargo de Joan Pagès Blanch, catedrático de Didáctica das Ciencias Sociais da Universitat Autònoma de Barcelona e decorrerá sobre ‘O ensino das Ciencias Sociais e a educación para a cidadanía democrática’.

O III Curso de Verán Ciencias Sociais, Educación e Sociedade conta coa colaboración, do Instituto Galego de Historia e de Murguía, Revista Galega de Historia,  así como da Iniciativa Galega pola Memoria, da Fundación Alexandre Bóveda, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e a Fundación Moncho Reboiras.

Ao final da primeira xornada, realizarase un roteiro pola cidade da Coruña, reparando na (des)memoria de lugares, feitos e figuras que serán postas e postos en valor por Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, celebrándose ao final do roteiro unha homenaxe aos represalidos polo fascismo. 

Comentarios