Memoria Histórica da Coruña pide a ilegalización da Fundación Francisco Franco

Pide ao goberno español que interveña para frear “a continua e impune apoloxía do franquismo” da entidade. Afirma que hai leis que permiten dar este paso. Ana Miranda (BNG) pide a intervención da Comisión Europea contra a Fundación Franco por “apoloxía da ditadura".

franquismo franco bandeira val dos caidos

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) pide que a Fundación Francisco Franco sexa ilegalizada. Este colectivo solicita ao gobernoe spañol que interveña para frear “a continua e impune apoloxía do franquismo” desta entidade. A CRMH sinala que a súa solicitude enmárcase na “normalidade democrática” fronte a unha Fundación que realiza constantes manifestacións “que nos parecen moi próximas ao tipificado como delito de odio”, dixo Fernando Souto na Radio Galega.

A Comisión indica que o paso de ilegalizar a Fundación Francisco Francio pode darse  “amparándose nas leis democráticas (...)  como a lei de fundacións ou do tipificado no Código Penal en canto a delitos de odio”.

CRMH indica tamén que se a lei actual non permite actuar  contra aqueles que  “fan apoloxía do terror, despreza a memoria das vítimas do franquismo”, os lexisladores deberían “asumir como urxente esta tarefa”.

BNG pide a intervención da Comisión Europea

A Portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda solicita a intervención da Comisión europea contra a Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF) por “apoloxía da ditadura e da figura do ditador”, nas visitas que xestiona no Pazo de Meirás. Miranda salienta que esta fundación , "recoñecida conforme ao amparo do Dereito español", acaba de anunciar publicamente que como xestora das visitas ao Pazo , "promoverá a figura do xeneral Franco e defenderá os  seus valores". Para Miranda, a  defensa e promoción do franquismo constitúe “apoloxía do fascismo” e contravén os valores democráticos europeos que inspiran os tratados e a Carta dos Dereitos Fundamentais.

Comentarios