Memoria de Mercedes Núñez ao se faceren 50 anos da Amical de Mauthausen

Hai 50 anos da foi creada en Barcelona a Amical de Mauthausen, a primeira asociación de recuperación da memoria histórica en todo o Estado español, que tiña como obxectivo botar luz e reivindicar os dereitos das persoas deportadas nos campos de concentración nazis. Cunha dura experiencia no campo de mulleres de Ravensbruck, Mercedes Núñez foi a primeira delegada na Galiza da Amical e dedicou os últimos anos da súa vida a defender a memoria dos deportados galegos desde a súa residencia de Vigo.
Mercedes Núñez
photo_camera Mercedes Núñez

Até a súa morte o 4 de agosto de 1986 en Vigo, Mercedes Núñez unha ampla actividade, singularmente en Vigo onde residía, para completar a listaxe dos deportados galegos nos campos de concentración e difundir a verdade do que acontecera. Nese tempo, percorre centros de ensino, reclama ás institucións o recoñecemento de quen padeceu os campos e constrúe a listaxe dos galegos que viviron nos lugares de exterminio nazis co fin de reclamar os seus dereitos. No seu corpo leva marcada para sempre a destrución de ter pasado polo campo de concentración de Ravensbruck, perto de Berlín, coñecido como “Inferno das Mulleres”. Con anterioridade, Mercedes vivira pola súa militancia comunista o terror da cadea franquista no cárcere de Ventas.

Filla do xoieiro de Bergondo afincado en Barcelona Xosé Núñez Otero e a catalá Ángela Guitart, Mercedes naceu en Barcelona en 1911, cidade na que pasaría a infancia propia dunha nena da burguesía catalá. A súa actividade política comeza ao se afiliar ás Xuventudes Socialistas e, no 1936, ao PSUC partido para o que traballaría na sede da Pedrera. Cado a cidade sofre o asedio dos golpistas, Mercedes foxe a Galiza, destino familiar que entón lle parece máis acaído para fuxir da persecución. Mália iso, en 1939 detéñena na rúa Real da Coruña e pasa polas cadeas de Betanzos e A Coruña antes de ingresar no madrileño penal de Ventas o 7 de marzo de 1940. A “axuda a rebelión” é unha das acusacións que aparece na súa condena. De maneira inesperada e no que explicaba como un erro de procedemento, Mercedes sae en liberdade o 19 de xaneiro de 1942 e diríxese á fronteira cos Pirineos co fin de esquecer para sempre os cárceres franquistas. A experiencia é de tal dureza que marcaría toda a súa vida . No Cárcere de Ventas, Mercedes Núñez, asiste á dor e sofremento das penadas mais tamén á solidariedade inmensa que medra entre as mulleres sometidas á máis dura das represións. Desa experiencia deixa escrito o libro memorialístico Cárcere de Ventas, publicado no seu exilio en París e logo traducido ao galego na colección Mulleres de Edicións A Nosa Terra. A indicación dunha presa de que deixe constancia do que se viviu naquel sinistro edificio é o que conduce a Mercedes Núñez á escrita dun extraordinario libro no que, malia o paso do tempo, as mulleres aparecen con nome propio, con historias dramáticas que só traspasaron as paredes de Ventas polo seu empeño de gardar a súa memoria.

Atravesados os Pirineos, Mercedes Núñez convértese en enlace da resistencia até que de novo é detida para comezar unha dura peregrinaxe que remataría no campo de concentración de Ravensbruck, onde máis de cen mil mulleres sofrerían os peores días das súas vidas das que máis de noventa mil atoparían alí o fin das súas biografías.

Fame, tortura e morte eran a paisaxe de Ravensbruck da que Mercedes daría tamén conta no seu segundo libro memorialístico, publicado desta volta en catalán co título Els carretó dels gossos (O carreto dos cans), un singular texto de literatura memorialistíca concentracionaria. , con xa poucas esperanzas de saír viva, a liberación do campo colle a Mercedes Núñez na enfermería,cando o exterminio era o único destino agardado dado a gravidade do seu estado. Sobrevive ao horror nazi e , despois de pasar por varios sanatorios e centros de saude, continúa o seu exilio en París,xunto co tamén exiliado republicano Medardo Iglesias e o seu fillo Pablo, nacido cando ningún médico aconsellaba a maternidade dado o seu lamentábel estado de saúde.

Só coa morte de Franco Mercedes Núñez remata o seu exilio, vivindo no inicio entre Barcelona e Vigo para logo se instalar definitivamente na cidade galega onde pasaría os últimos anos da súa vida como representante na Galiza da Amical de Mauthausen. Como moitas persoas deportadas, dedicaría os seus últimos folgos a descubrir a verdade, visitando centros de ensino coa pelicula Noite e Néboa de Renais ou entrando nos despachos para reclamar xustiza para a memoria dos que padeceron os campos nazis.

Despois da súa morte, a historia de Mercedes Núñez quedou durante anos no silencio. Só o tempo abriría os caixóns da súa memoria para descobrir tanto a súa biografía de resistencia e o seu compromiso coa descuberta da verdade da historia e a reclamación da xustiza. A imaxe de Mercedes Núñez declarando no xuizo contra os nazis converteuse en emblema da recuperación da memoria histórica e foi escollido como cartaz anunciador da primeira homenaxe institucional que en marzo de 2007 a Xunta a través da Consellaría de Cultura e Deporte lle tributa en Compostela ás mulleres que sofreron a represión franquista.

Quen reclamaba un recoñecemento público para as víctimas dos campos de concentración pon nome a unha rúa de Vigo, inaugurada nun acto no que estivo presente o seu fillo Pablo Iglesias Nüñez que visitou Ravensbruck no sesenta aniversario da liberación do campo e se converteu no actual delegado da Amical de Mauthausen na Galiza. A foto de Mercedes Núñez asinando un exemplar de Els carretó dels gossos ilustra o número conmemorativo do cincuenta aniversario da revista da entidade catalana nunha homenaxe ás persoas que botaron a andar a Amical.

Comentarios