Unha protesta veciñal a comezos do século XX en Valdeorras que rematou con mortos

A memoria da revolta esquecida de Santigoso

É un exemplo destacado da conflitividade social que afectou as comarcas produtoras de viño na Galiza das décadas finais do século XIX. O 11 de novembro de 1902 os disparos dos efectivos da Garda Civil que acompañan un recadador de consumos en Santigoso, no Barco de Valdeorras, provocaron a morte dunha muller que participa nunha protesta. 
O Barco de Valdeorras, nas primeiras a comezos do século XX. Foto Vida Gallega
photo_camera O Barco de Valdeorras, nas primeiras a comezos do século XX. (Foto: Vida Gallega)

A filoxera agravou aínda máis a situación económica daquelas comarcas galegas que se dedicaban á actividade vitivinícola en réxime de monocultivo, provocando un importante aumento da conflitividade social. A filoxera foi un insecto de orixe estadounidense que provocou a morte da vide europea ao atacar as raíces, situándose a súa chegada á Galiza á volta de 1882, penetrando primeiramente pola área de Monterrei, seguindo a mediados da década á zona da Ribeira Sacra, O Ribeiro e Valdeorras e chegando máis tarde á comarca das Mariñas. 

As consecuencias da filoxera

As súas consecuencias foron dramáticas no deterioro das condicións materiais de existencia dos labregos e das labregas. De feito implicou o aumento da mortalidade por efectos da desnutrición nestas comarcas, privando os campesiños e campesiñas do seu único medio de ingresos, provocando a expulsión das terras que traballaban e favorecendo o despoboamento masivo destas zonas. Segundo sinalou o historiador José Antonio Durán en relación con este período, “afogada a súa economía, o labrego do país atopaba excesiva calquera carga -os impostos, os arbitrios, os consumos, os foros-, e estoupou con múltiples e variados conflitos”.

As lesivas políticas económicas do Estado nunha situación de miseria para a maioría da poboación de Valdeorras, unha comarca con gran tradición de loita e con certa introdución republicana federal e socialista, aboou o terreo para unha decidida resposta social que se alongou durante practicamente unha década. Os testemuños achegados por diversos medios de prensa de diferente obediencia política non dubidaban en caracterizar como “catastrófico” o panorama da zona.

Así, por exemplo, o 31 de xaneiro de 1902 o Heraldo de Madrid afirmaba, “é desoladora e aflitiva a situación da maioría daqueles labregos. A miseria e a pobreza mandan naqueles pobos de Valdeorras, onde hai oitos anos perdéronse os viñedos que producían máis de 200.000 cántaros de viño, até o extremo de transformar un gran número de contribuíntes útiles para a patria en mendigos que imploran caridade pública”. A protesta fiscal foi a forma que volveu adoptar o malestar social na comarca, repetíndose en boa parte das xeografías e repertorios de loita do sexenio, neste momento arredor doutras reivindicacións concretas.

A decisión do goberno de enviar o exército á comarca de Valdeorras en setembro de 1901, coa encomenda de colaborar coas autoridades para facer efectiva a recadación fiscal, situou o conflito social nunha nova fase. Unha compañía militar procedente de Lugo, de aproximadamente cincuenta soldados mandados por un tenente coronel, instalouse nas proximidades da casa do concello do Barco e non tardou en facerse presente a carón dos recadadores nas diversas localidades da zona. 

'O exército ao servizo dos caciques'

Os argumentos que empregou en marzo de 1902 no Congreso dos Deputados o ministro de Defensa, Valeriano Weyler, para defender a presenza militar nestas funcións en Valdeorras, unha vez que o número de persoas asasinadas e a dureza dos métodos empregados provocou as protestas dalgúns deputados, referíronse á negativa dos veciños da zona a pagar os seus impostos, afirmando que “na maioría dos concellos levaban máis de sete anos sen facelo efectivo”. Os datos ofrecidos por Weyler, sendo certos no referido á perseveranza na loita das xentes de Valdeorras, mereceron a condena de boa parte da opinión publica, sinalándose nesta campaña El Liberal, que chegou a dedicar á cuestión varios editoriais, algúns con títulos tan expresivos como Recadación a tiros ou O exército ao servizo dos caciques.

O 11 de novembro de 1902 desprazáronse ao lugar de Santigoso acompañando o recadador de consumos dúas parellas da Garda Civil do posto do Barco co obxectivo de que os veciños “lle ensinasen as casas dos debedores, e como non se prestaban a iso, sen dúbida por consideralo indigno, eran detidos e fortemente esposados”. A crónica do día 13 de La Idea Moderna continúa sinalando que “os labradores non tiñan un arma nin un pau. Só unha muller levaba unha fouce, e por se ameazaba ou non con ela, disparáronlle un tiro e deixárona morta. A nova vítima estaba embarazada e deixa cinco fillos”. 

O falecemento da muller foi seguido pola detención de doce veciños de Santigoso, afirmando outra vez La Idea Moderna que “por este procedemento puideron prender todo o pobo. Os que así son tratados porque non pagan o imposto de consumos non teñen máis que o casucho onde viven, un pote no fogar, case sempre apagado e un montón de palla onde malamente descansan”.

Comentarios