Memoria da Mariña homenaxea esta sábado en Mondoñedo ás vítimas do franquismo

O acto desenvolverase a carón do cemiterio vello mindoniense.
Acto de inauguración dun monólito en homenaxe a Siervo González, Graciano Paz e Manuel Rodríguez en Mondoñedo en 2019 (Foto: Memoria da Mariña).
photo_camera Acto de inauguración dun monólito en homenaxe a Siervo González, Graciano Paz e Manuel Rodríguez en Mondoñedo en 2019 (Foto: Memoria da Mariña).

11 de xaneiro de 1938, un grupo de gardas civís e falanxistas executaron no lugar da Rocha, en Mondoñedo, Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez. Esta sábado, serán homenaxeados na súa localidade nun acto organizado polo colectivo Memoria da Mariña.

O parque contiguo ao cemiterio vello de Mondoñedo acolle a partir das 12 horas deste sábado a unha nova homenaxe tanto estes tres executados polos franquistas como aos outros veciños da comarca da Mariña asasinados polo franquismo na vella capital episcopal do norte da Galiza. 

Precisamente, o acto de lembranza desenvólvese a escasos metros de onde apareceron os corpos sen vida destes tres mindonienses en xaneiro de 1938 e onde se alza desde 2019 un monólito na súa memoria. 

O voceiro de Memoria da Mariña, Xosé Luís Fernández Rivera, sinala a Nós Diario que “o asasinato de Siervo, Graciano e Manuel continúa gravado a lume na memoria da veciñanza de Mondoñedo”. Neste sentido, significa que “a isto teñen contribuído as particulares circunstancias do crime, a  traxectoria política e a súa calidade humana”. A este respecto, destaca que “por riba de todo foron tres homes bos aos que non lles perdoaron o seu compromiso coa xustiza”.

A Unión Socialista Galega

Siervo González (Mondoñedo, 1886-1938), recadador de consumos do Concello mindoniense, deixaba no momento da súa morte muller e cinco fillos. Formado no activismo social nas filas da Sociedade de Obreiros Católicos, entidade fundada en 1881 baixo o impulso da igrexa, presidiu a Confederación Nacional do Traballo (CNT) na súa localidade, foi cabeza visíbel do Partido Sindicalista de Angel Pestaña e militou na Unión Socialista Galega, sendo o seu candidato ao Congreso dos Deputados pola circunscrición de Lugo en 1933.

Graciano Paz Amieiro (Mondoñedo, 1893-1938) desenvolvíase como artesán latoeiro, deixando tras o seu asasinato muller e unha filla. Directivo da Sociedade de Obreiros Católicos, afiliado á Unión Socialista Galega, aquel partido marxista e nacionalista de efémera vida fundado por Xoán Xesús González, e cadro da CNT, destacou polo seu sentido ético, denunciando os manexos e as corruptelas amparadas polo bispado no interior da Sociedade de Obreiros Católicos. 

Manuel Rodríguez Núñez (Mondoñedo, 1893-1938), 'Manuel de Feliciano' para todos os mindonienses de ben, xestionaba un comercio na rúa Febreiro. Compañeiro de martirio de Siervo e de Graciano, expulsado canda eles da Sociedade de Obreiros Católicos, partillou compromiso social e político no Mondoñedo libertario, marxista e nacionalista que agromou nos anos previos ao golpe de Estado de 1936.

Siervo, Graciano e Manuel non foron os únicos veciños de Mondoñedo asasinados polo franquismo. Segundo Xosé Luís Fernández, “Jesús Verdeal Maseda foi fusilado en Ferrol en 1937, Pedro Marful e José Otero morreron nos campos de concentración franquista e os guerrilleiros Luís Trigo, 'O Gardarríos', e José Porto, 'O Herbellás', morreron en enfrontamentos armados coa Garda Civil". 

Os outros mariñáns asasinados en Mondoñedo

As curvas de Prado Mondoñedo son un dos lugares da memoria da Mariña. Espazo moi próximo ao lugar da Rocha, alí remataron asasinados varios veciños de Ribado e o presidente da CNT de Viveiro, Andrés Vale, 'O Moreno de Cobas'. Precisamente, a 12 de setembro de 1936 aparecían asasinados canda os ribadenses Bruno Martínez, Antonio María Martínez López e Enrique Navarret, destacado dirixente socialista.

Tres días máis tarde apareceu no mesmo lugar o cadáver do mariñeiro socialista Florencio Carballo Novigil e o día 20 o corpo de José Antonio Díaz, rematado en Argomoso por un policía local coñecido como 'O Lobo'. Finalmente, a 7 de outubro resulta executado o tamén o ribadense Jesús Longarela, vítima dunha saca no cárcere de Ribadeo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios