A memoria como arma da dignidade

O Parlamento Europeo acolleu un debate sobre como o franquismo aínda pervive nos nosos días e toma corpo no pazo de Meirás, nos límites á liberdade de expresión ou nas foxas comúns sen desenterrar.

memoria franquismo bruxelas

Non podemos dialogar coa dor. Por moito que falemos dela, a dor –física e emocional– é difícil de lembrar obxectivamente. É só algo que podes ler, despois, na cicatriz que esta deixa. E máis de oitenta anos despois do inicio da Guerra Civil, a ferida segue sen poder pechar ben.

“A Unión Europea non quere darse de conta da anomalía da continuidade do franquismo”, acusou Jordi Sebastià, voceiro de Compromis Europa. As palabras son ditas nunha sala de conferencias en pleno Parlamento Europeo, esta segunda-feira 20 de novembro, o mesmo día en que se celebra o 41º aniversario da morte do ditador e centos de persoas desfilan para depositar flores ante a súa tumba, no Valle de los Caídos. Unha dor pantasma que aínda pode ser sentida?

“O Valhalla de Franco”, así define Ramón Cotarelo o mausoleo do ditador. O catedrático de Ciencias Políticas acode á xornada “Franquismo despois de Franco” –iniciativa de BNG, ERC, Bildu e Compromis– para reflexionar sobre a cadea lesional do franquismo que hoxe pervive na sociedade.

A Fundación Franco, o Arco de la Victoria, o epitafio en honor aos aviadores nazis… “España está chea destas cousas”, clama Cotarelo, nunha profunda crítica a esta Administración “neofranquista”. Así, o presidente de Euskal Memoria Fundazioa, Iñaki Egaña, apunta a como este pos-franquismo aínda colle forma en outros casos como o dos mozos de Altsasu, que veñen de cumprir un ano en prisión.

Chama a atención como de contrario foi o devir do Estado español contra exemplos como Italia ou Alemaña, sinalados por Jordi Sebastià como lugares onde se realizou “un exercicio de limpeza democrática que fixo imposible que ninguén reivindicase etapas sinistras como as do fascismo”.

Bárbara Spinelli, eurodeputada italiana de GUE-NGL, fala sobre o caso do seu país. Exemplifica o xenocida Rodolfo Graziani como paradigma desta “perda selectiva de memoria” que acostuma ter lugar. “Debemos ter boa memoria e non esquecer os bandos”, advirte. Hai unha necesidade, entón, de redebuxar a ferida tal e como nos foi amosada?

Resignificar a historia para loitar contra o esquecemento

“Non se trata de non esquecer, senón de reescribir a memoria”, afirma Antonio Míguez Macho, profesor de Historia da USC e un dos fundadores do proxecto nomesevoces.net. “Os datos que recollemos falan sós, o Upside Down da memoria europea sempre estivo aí e contan un relato sobre a reorganización dun país a través da eliminación física”, precisa. Concorda con el Lourenzo Fernández-Prieto, profesor na mesma universidade. “Hai que entender e resignificar. O día que vexamos isto, teremos gañado unha batalla á memoria e ao esquecemento, que tamén é cousa nosa”, recalca.

“Os datos falan sós, o ‘Upside Down’ da memoria europea sempre estivo aí”, Antonio Míguez Macho

O relato. Todos eles teñen a súa forma de facer o seu sitio na realidade. Isto pode mesmo chegar á xudicialización do humor. Segundo Guillermo Martínez-Vela, director de El Jueves, é un sinal de alerta democrática. “A sátira cumpre a mesma función dun canario nunha mina de carbón”, advirte o debuxante, que recentemente tivo que pasar polos tribunais a causa dunha querella da Policía Nacional. Podemos dicir, entón, que o paxaro da liberdade de expresión comeza a amosar síntomas de enfermidade?

A sociedade civil e a educación, ferramentas chave

Porén, como facer isto? Como revertir o post-franquismo e recuperar a memoria? Josep Huguet, presidente da Fundació Josep Irla, fala sobre a necesidade de focalizar o proxecto na ruptura coa memoria histórica e coa memoria territorial. “Por isto mesmo son tan importantes as iniciativas civís”, as que permiten que, tras 25 anos de democracia vixiada, “os barrios populares poidan recuperar o fío vermello da súa historia”, explica. A súa entidade traballa arredor destes dous focos: a resignificación das memorias locais e máis o rescate da hemeroteca republicana. Son estes os puntos de sutura da ferida?

“O paradigma do esquecemento español son as miles de tumbas ilegais onde xacen, mínimo, 114.200 persoas executadas”, declara pola súa parte Marco Antonio González Carrera, quen lembra que España é un dos países con máis desaparicións forzosas, polo que se ten constancia. “O silencio é a ferramenta máis útil para o fascismos”, conclúe. E é que para “xerar un tsunami contra a impunidade”, como apuntaba Josu Ibargutzi, membro da Plataforma Goldatu, fai falla amosar “a magnitude do xenocidio”.

Xenocidio dunha ditadura cuxo programa amosa a efectividade oitenta anos despois. Vincent Flor, profesor da Universitat de Valencia, apunta unha destas estratexias maestras: “O franquismo apresentouse como ‘defensora da valencianía’ e conseguiu apropiarse así da nosa identidade rexional histórica para dotarse de lexitimidade”.

Un franquismo "que seguíu a proxectarse no tempo, após a morte -sen xuízo- do ditador Francisco Franco, mesmo até os nosos días", segundo afirmou o profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez, a partir de múltiples cumplicidades e un adoutrinamento de millóns de nenas e nenos durante décadas (lémbrese, por exemplo, como a Enciclopedia Álvarez vería editar 8 millóns de exemplares entre 1954 e 1966...), sen o que non se podería entender esta realidade -e a política actual- a día de hoxe".

Cómpre pois crear memoria. Abrir portas e xanelas para poder pechar feridas, que é “o único que queren as vítimas do franquismo: xustiza”, apunta González Carrera. “O alumnado de hoxe en día non coñece a verdade, os libros de texto e os medios de comunicación só contan a verdade a medias”, critica.

“O esquecido non se pode odiar, non pode crear un clima de conflito. A sociedade española mercou ese intento de esquecemento programado no que se implicou ela propia”, resume Sara Carou

Sobre o negacionismo imperante tamén falou Sara Carou, profesora de Dereito da UDC, quen sintetiza brillantemente o estado da cicatriz histórica no Estado español. “O esquecido non se pode odiar, non pode crear un clima de conflito. A sociedade española mercou ese intento de esquecemento programado no que se implicou ela propia”, resume.

A letra grande e pequena da historia

Os cinco paneis da xornada, que contan con máis dunha vintena de conferenciantes, non chegan a rematar. O último deles, moderado polo xornalista Alexandre Mato -quen tamén é neto dunha das 13 rosas- é finalizada con pouco tempo para a exposición e o debate. A sala debe ser usada para un trílogo -unha reunión entre os tres poderes fácticos da Unión Europea- e os presentes deben desaloxala.

É mesmo simbólico como os alí presentes rasguñan ata o último minuto da palestra pública europea. As súas feridas están, merecen ser vistas, expostas e discutidas. O debate, non obstante, continúa no convivio posterior, nun ambiente máis relaxado. A memoria tamén se escribe con letra pequena, fóra das salas de reunión das grandes institucións.

Fálase da Querela Arxentina, de Carlos Sploy, de pequenas e grandes singladuras na loita pola memoria histórica. Os nomes de Oriol Junqueras e Raül Romeva, membros da Generalitat e ex eurodeputados que están agora presos, soan con forza na boca de varios dos ali presentes. O Parlamento Europeo non adicou ningún xesto público aos antigos compoñentes da súa casa. Non cabe depositar esperanza, acaso, nas institucións europeas?

A denuncia polo pazo de Meirás, próxima a entrar en trámite

Semella que non todo está perdido, xa que a denuncia polo pazo de Meirás foi recollida -da man dunha comitiva do BNG- pola eurodeputada Tatjana Znadoka nesta terza-feira 21 de novembro. A política letona, célebre por apresentar ao hemiciclo demandas sociais como a dos bebés roubados ou a das rías galegas, tramitará a reclamación que deberá obter unha resposta do Parlamento Europeo.

A actual situación pazo de Meirás, outra expresión real desta pervivencia institucional do franquismo, foi tamén mencionada durante a xornada por Goretti Sanmartín, quen a tildou de “macro espolio á poboación”. A vicepresidenta da Deputación da Coruña denunciou tamén a apropiación por parte da familia Franco doutros bens patrimoniais do pobo galego, como a Casa Cornide ou dúas figuras do século XII do Mestre Mateo.

‘A minoría da minoría’

“O caso do pazo de Meirás pode considerarse o buraco negro da democracia en Europa”, afirma rotunda Ana Miranda, voceira do BNG Internacional e unha das principais organizadoras do debate. Atópase na praza de Luxemburgo, fronte á entrada principal da grande mole que constitúe a sede do Parlamento Europeo en Bruxelas. É a mesma praza na que, hai dous anos, os mariñeiros do xeito estenderan canda ela unha grande rede como acto de protesta. “Aquí semella que somos a minoría da minoría, mais facémonos oír”, di ela, que acumulou máis de 900 intervencións no hemiciclo europeo no anterior mandato.

É certo que non podemos dialogar cunha dor que remonta xa a hai décadas, mais é tamén innegable que a ferida nunca poderá pechar ben sen lembrar. Cabe, pois, unha pequena nota de esperanza en figuras como as citadas. Ler en público e con forza a cicatriz, só así pode sandar ben.

Comentarios