Un bosque contra o esquecemento

Máis dun centenar de persoas asistiu na mediodía do pasado sábado ao acto inaugural do Bosque da Memoria, sementado polo colectivo “A Regaduxa, memoria histórica de Vilaboa” ás portas do cuartel de Figueirido en memoria de todos os presos alí retidos tras a súa conversión en cárcere franquista en 1938, así como das súas familias e da xente da contorna de Pontevedra que lles prestou apoio.

IMG-20180421-WA0013
photo_camera Un momento do acto [Foto: M.F.]

Fixérono fundamentalmente mulleres, e na súa lembranza a filla dunha delas plantou unha das árbores que agromaran memoria no bosque da Regaduxa. Mercedes Farto lembraba no acto, conducido polo poeta Xosé Álvarez Cáccamo, como a súa nai, Carmen Acuña Razo, se ocupaba de levar comida e lavar a roupa a varios presos asturianos, entre eles o máis novo do cuartel. por iso alcumado O Bebé.

Tamén participaron na xornada Benigno Rey, sobriño de tres presos de Figueirido ou Enriqueta Otero, presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín e filla dun dos detidos. Enrique Otero, que tamén estivo preso en San Simón, formou parte dunha rondalla durante o tempo de encarceramento e aínda a súa filla lembra “cando a miña nai me dicia: ‘Tráelle a papá o laúde do Lazareto’, e eu pensaba que Lazareto era a marca do instrumento”.

O acto tamén contou coa música de Marcelo Dobode e a intervención do historiador Xosé Álvarez Castro que fixo lectura de parágrafos de dúas cartas: A que un dos presos lle mandou a unha das súas madriñas e a que Jacobo Zbarsky, o primeiro dos pontevedreses fusilados, lle escribiu á súa nai, Sofía Kuper, antes de ser executado precisamente no Campo de Tiro de Figueirido o 10 de agosto do 1936.

IMG-20180421-WA0009

A xornada rematou coa plantación de novas árbores, que se suman ás sementadas por alumnado do colexio do Toural hai algúns días, e o descubrimento da placa por parte de Carmen Sobral, orfa de Abelardo Sobral, canteiro de Salcedo casado en Postemirón que foi asasinado polos fascistas pouco despois do golpe de Estado. Carmen tiña tres anos e a súa nai, Hermosinda Lamoso, estaba embarazada dunha nena, Luísa, que naceu cando o seu pai xa fora paseado. Os seus restos nunca apareceron. Segundo a memoria oral, foi fondeado na ría de Vigo.

A súa historia é unha das recollidas no libro Non des a esquecemento de Luís Bará, cuxos beneficios foron destinados integramente á facer realidade o Bosque da Memoria.

Todas as fotografías son da autoría de M.F.

 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios