A memoria abrolla arredor do Día da Galiza Mártir

En Pontevedra conmemorouse por primeira vez o Día da Galiza Mártir en territorio galego en 1977. Actos en Pontevedra, Poio, Lugo, Lourenzá ou A Coruña lembran nesta fin de semana ás vítimas da represión fascista que se iniciou en 1936. 

Acto da memoria en Montecubeiro
photo_camera Acto da memoria en Montecubeiro

Foi no exilio, na cidade de Bos Aires, onde a Irmandade Galega institúe o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir. Sería só no 2006 cando o Parlamento, recén derrotado o goberno do PP, aprobe unha iniciativa que lle daría carta institucional á conmemoración. Daquela xa concellos como os de Pontevedra e Poio e, en especial, asociacións e entidades de recuperación da memoria histórica levaban anos espallando a herdanza das vítimas da represión en actos e conmemoracións que se celebran arredor da data. Recollemos varias das homenaxes que se celebrarán ao longo desta fin de semana. 

Pontevedra, a cidade de Bóveda

Foi en Pontevedra, no cemiterio de San Amaro no que foi enterrado Alexandre Bóveda onde se realizou o primeiro acto público na terra do día da Galiza Mártir, xa no 1977. En Pontevedra viviu Alexandre Bóveda até os derradeiros días da súa vida e nesta cidade desenvolveu boa parte da súa vida política, organizativa, laboral e persoal. No monte da Caeira, no concello veciño de Poio, foi asasinado aquel 17 de agosto de 1936 que pasaría a ser Día da Galiza Mártir. En Pontevedra e Poio desenvólvense actos en homenaxe a Bóveda e, canda el, a todos e todas as represaliadas despois do golpe militar. Será a xornada na que se lle entregue tamén a Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer o premio á Recuperación da Memoria Histórica promovido pola Fundación Alexandre Bóveda no marco dun xantar colectivo que, como cada ano, terá lugar despois do acto institucional na Caeira que comezará ás 12 da mañá e contará coa intervención do Presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, a Presidenta da AMHM ( Asociación Memoria Histórica Marín ) e membro da Iniciativa Galega pola Memoria, Enriqueta Otero, a filla de Bóveda e Vicepresidenta da FAB, Amalia Bóveda e o alcalde de Poio, Luciano Sobral. 

Despois da misa e o acto no cemiterio de San Amaro, a xornada rematará coa acto político na Praza de Curros Enríquez no que intervirán Eva Villaverde e Luís Bará, concelleiro de Pontevedra e promotor da recuperación da memoria desde a Xunta no seu tempo de Director Xeral de Cultura. 

Homenaxe ás vítimas en Lourenzá

En Lourenzá, descubrirase unha placa de homenaxe ás persoas represaliadas, despois da celebración dun acto de lembranza que terá lugar na Praza do Conde Santo, ás 13 horas o propio día 17 de agosto. Os actos están organizados polo BNG e a súa responsábel local, Ana Ermida defendeu a herdanza de “todas as persoas que deron o mellor das súas vidas, que foron perseguidas, sinaladas, estigmatizadas e, nalgún caso, asasinadas na defensa dos ideais antifascistas, que loitaron pola liberdade e pola xustiza”. Fan pública a listaxe dos nomes das persoas que padeceron a represión fascista entre as que se atopan o guerrilleiro antifranquista Luís Trigo Chao, o Gardarríos, e a súa compañeira Antonia Díaz, abatidos o 24 de xullo de 1948, a corporación municipal destituída ou o propio Fernández del Riego, detido sen proceso xudicial e apartado do seu traballo como profesor universitario. 

Lembranza dos Mártires de San Pedro de Nós en Oleiros

Desde hai 18 anos, a parroquia de Nós, Oleiros, acolle o acto organizado pola Asemblea Local do BNG xunto coa a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Asociación Sociocultural Vieiros, Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica ou Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo  de Sada. O acto terá lugar na Praza da Liberdade, na casa do Pobo de Nós, unha edificación construída pola Asociación Veciñal “Os Rueiros” despois da ditadura, seguindo o legado de persoas como Xaquín Taboada, fusilado en 1937, quecomezara a erguer no 1932 unha casa que sería incautada no 1936. Isabel Risco, Mini e Mero,  Bieito Lobeira, Valentín García Bóveda e máis descendentes de persoas que padeceron a represión participarán no acto que terá lugar a segunda feira 18 de agosto ás 20.30 do serán.

A Represión de 5.000 persoas de Lugo 

Familiares de represaliados están convidados a participar no acto que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo desenvolve a segunda feira e no que homenaxeará aos preto de e 5.000 lucenses represaliados polo franquismo na provincia. O acto terá lugar diante do Museo Provincial de Lugo e nel está prevista a intervención do escritor Xosé Miranda, o responsábel da área de Cultura da Deputación Mario Outeiro e Ernesto Vázquez-Rey, da Fundación Alexandre Bóveda.   A Deputación de Lugo institucionalizou o pasado ano o Día da Galiza Mártir cun acto de recoñecemento ás vítimas. O obxectivo é “consolidar unha iniciativa que pretende honrar a todos os homes e mulleres que deron a súa vida ou padeceron o exilio por defenderen a liberdade, os valores democráticos e os dereitos nacionais de Galiza”, sinalou Mario Outeiro. 

Ofrenda floral na Coruña 

O movemento asociativo continúa a ser fundamental na recuperación da memoria histórica galega e, neste sentido, tamén nos arredores deste 17 de agosto son varios os actos que conmemoran ás vítimas da represión por parte de asociacións e entidades cívicas. Entre elas, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda organiza o sábado 16 de agosto un acto central de homenaxe a Alexandre Bóveda no paseo que leva o seu nome na zona de Catro Camiños e que terá lugar ás 12:horas. Haberá intervención institucional e ofrenda floral ao pé do monumento a Bóveda a cargo de Xosé M. Sánchez Rei, presidente da asociación. 

Comentarios