Acto de devolución do pazo ao Estado español

Meirás fecha hoxe 82 anos de espolio franquista

O pazo de Meirás acolle esta mañá o acto de entrega da propiedade ao Estado por parte da familia Franco, dona do inmóbel mediante unha fraude e desposuída deste conxunto patrimonial, o pasado mes de setembro, en virtude dunha sentenza. Con ela féchanse oito décadas de impunidade para o ditador e a súa descendencia, que malia acceder á devolución provisional do pazo ten recorrida esa resolución xudicial no derradeiro intento de manter uns bens que foron espoliados ao pobo de Sada coa chegada da Ditadura e cuxa devolución ao público nunca deixou de ser unha reivindicación social.  
Meirás
photo_camera Concentración esta quinta feira ás portas do Pazo de Meirás

Hoxe cúmprense 82 anos e cinco días desde que a denominada Xunta Pro Pazo do Caudillo facía entrega formal ao ditador Francisco Franco do pazo de Meirás como doazón "ao Xeneralísimo dos Exércitos e Xefe do Estado Nacional". Hoxe, 82 anos e cinco días despois, cúmprese tamén a data fixada pola Xustiza para devolver este conxunto histórico, proxectado case cinco décadas antes do "agasallo" pola escritora Emilia Pardo Bazán para facer del a súa residencia, como patrimonio público. 

Ás 11 horas está fixado o acto de entrega voluntaria –ou, no seu caso, forzosa, mediante desaloxo– do inmóbel por parte dos descendentes do xeneral golpista ao Estado español, en execución provisional da sentenza que o pasado mes de setembro anulaba aquela doazón, así como o contrato de compravenda da finca na que se asenta o pazo, subscrito en maio de 1941, e condenaba os Franco a devolver o terreo e as edificacións a mans públicas.

Será, sen dúbida, unha imaxe simbólica dun momento histórico, que acaba con oito décadas de impunidade do ditador e mais a súa descendencia, herdeira duns bens que, segundo a maxistrada Marta Canales, asinante da resolución xudicial, foron espoliados mediante unha "ficción" de compravenda.  

Execución provisional

Simbólica, mais non irreversíbel, posto que a sentenza sobre a propiedade do pazo non é firme e a familia Franco ten presentado xa un recurso para tratar de revertela, decisión que recaerá na Audiencia da Coruña.

A execución prevista para hoxe é, pois, provisional, acordada polo xulgado coruñés a instancias da Avogacía do Estado, co apoio da Xunta e dos Concellos de Sada e da Coruña, así como da Deputación coruñesa. 

Con todo, o proceso xudicial ten suposto xa varios reveses para a comunidade herdeira de Franco, que desde setembro tivo que asumir, ademais do xuízo, a prohibición de retirada dos elementos que se achan no interior do pazo e a catalogación dos mesmos, ao terse designado ao Estado depositario de todos estes efectos, "para preservar a integridade do ben, asegurar que non se vulneren as medidas e o nivel de protección do inmóbel", declarado en 2008 como Ben de Interese Cultural (BIC), e ante os indicios de que a familia pretendía trasladar estas pertenzas en camións, xa contratados, antes da entrega do edificio.

Esta mesma semana coñecíase o contido do inventario efectuado a petición da Administración estatal, que inclúe perto de 700 pezas – 81 no exterior e 616 no interior–, nas que se contan as estatuas de Isaac e Abraham do Mestre Mateo, mais tamén cadros, efectos e móbeis de carácter histórico de Patrimonio do Estado cuxa orixe vincúlase, nalgún caso, ás Coleccións Reais Españolas, e tamén a petición dos Franco de poder retirar a totalidade ou parte deles, baixo o argumento de que os bens "non engaden significación do inmóbel". O inventario inclúe tamén a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, sobre a que a Xunta acaba de iniciar o expediente para a declaración como BIC.

Este é un estrato do tema que publicamos hoxe, día en que se producirá a entrega deste inmoble ao Estado. Se queres saber máis atoparás o contido completo no Nós Diario que agarda no quiosque ou na tenda online. Para futuros despistes, é mellor que te subscribas xa!

Comentarios