Meirás, un espazo de memoria que a Xunta quere relegar

A Xunta queda soa na súa aposta por centrar na figura de Emilia Pardo Bazán o uso futuro do pazo de Meirás, ocupado até esta semana pola familia Franco e devolto a mans públicas pola Xustiza. No seu proxecto, a memoria do acontecido durante a ditadura e das súas vítimas queda ensombrecida en favor da escritora, dando as costas ao resto de administracións, institucións e colectivos que reclaman facer da antiga residencia do ditador un espazo de restauración da memoria democrática no que tamén haxa espazo para a autora que deu forma e sentido ás Torres sadenses
meiras
photo_camera Pazo de Meirás.

Un "xardín da liberdade", localizado nos exteriores do pazo de Meirás, concentra o peso que a Xunta quere outorgar á recuperación da memoria histórica nos futuros usos do conxunto patrimonial.

A proposta deuna a coñecer onte o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, un día despois da entrega da posesión, durante 82 anos en mans da familia Franco, ao Estado español. Nela defínese a futura zona verde como "espazo para a memoria e a reflexión sobre a ditadura, o papel das mulleres durante este período histórico e na democracia, que sirva como recordo e reparación das persoas represaliadas e perseguidas polo totalitarismo e a intolerancia".

Mais o espírito dese plan de usos xa o viña anticipando o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nos últimos días e semanas, na pretensión de facer do pazo "un faro de igualdade" centrado da figura de quen foi a súa impulsora, Emilia Pardo Bazán, para que volva ser "aquilo que nunca debeu deixar de ser", aínda que "sen esquecer en ningún momento a súa historia como residencia dun ditador".

Esa atención aos usos que durante case 40 anos deu o xeneral golpista ás Torres de Meirás, residencia de verán da súa familia que chegou acoller consellos ministeriais e recepcións oficiais, insírese, nas bases do plan de usos da Xunta, no plan museístico, dirixido a "valorizar o patrimonio" e dar a coñecer a historia do pazo. "O antes, o durante e o despois", explicitaba onte o conselleiro, quen centraba esta liña de acción na reivindicación da figura da autora, "muller adiantada ao seu tempo e pioneira do feminismo". 

"Non queremos que sexa o pazo de Franco, senón o pazo de Emilia Pardo Bazán, da concordia, da cultura e da democracia", reitera a Xunta, que sinala na súa web a intención de recuperar "o sentido orixinal do inmóbel deturpado polo franquismo" para facer do lugar "un espazo que resalte a importancia da muller na creación intelectual e nomeadamente o legado de Emilia Pardo Bazán, explicando ao mesmo tempo a historia completa do pazo, incluída toda a etapa e o proceso polo que se converteu en residencia estival do ditador".

Os usos proxectados pola Administración galega, como centro de creación artística e cultural, con residencias literarias para autoras, e como lugar de emprendemento e investigación centrado na igualdade, camiñan nese sentido. 

O enfoque do Goberno galego, que hoxe reclama a transmisión a Galiza da titularidade do pazo desde o Estado aínda cando o partido que o sustenta –o PP– postergou até 2018 o apoio a reclamar a súa titularidade pública, dista do que formulan o resto de administracións e organizacións sociais implicadas no proceso de recuperación do conxunto patrimonial de Meirás para o público. Todas elas concordan á hora de entender que a memoria democrática e a dignificación das vítimas da ditadura franquista deben ter un peso primordial no futuro das históricas edificacións.

Así o anticipaban en novembro –no aniversario da morte do "caudillo"– as entidades que conforman a Xunta Pro Devolución do Pazo, entre as que se atopa, xunto coa Deputación da Coruña, os concellos de Sada e A Coruña ou a Universidade e a Real Academia Galega, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, ao reivindicar a conversión do lugar nun centro para a recuperación da memoria histórica e de homenaxe ás vítimas do franquismo.

Este é un estrato do tema que publicamos hoxe. Se queres saber máis atoparás o contido completo no Nós Diario que agarda no quiosque ou na tenda online. Para futuros despistes, é mellor que te subscribas xa!

Comentarios