O introdutor da vacina da varíola na Galiza e talvez no Estado

Un médico eminente á sombra da expedición Balmis

Vicente Antonio Posse Roybanes foi un eminente médico brigantino. Pioneiro na introdución da vacina da varíola na Galiza e razón, probabelmente, de a expedición Balmis ter partido da Coruña.

Fachada do Hospital de Caridad onde traballou Posse Roybanes
photo_camera Fachada do Hospital de Caridad onde traballou Posse Roybanes

Esta segunda feira 12 de decembro a TVE emitiu 22 Ángeles, un filme baseado en feitos reais mais cun guión que parte dunha obra de ficción, ou de máis de unha. No comezo da emisión televisiva as intrigas de palacio, os intereses persoais, a astucia, aparecen como un elemento importante na elección de Balmis, médico de indubidábel prestixio, como xefe da expedición que ha de levar a América a vacina da varíola.

Mais, até onde eu vin, non hai ningunha explicación ao público da razón de por que se parte do porto da Coruña nin mención ningunha á persoa que primeiro utilizou en Galiza a vacina da varíola, dispoñendo mesmo dunha sala no Hospital de Caridad, un edificio situado xusto onde hoxe se ubica o instituto Menéndez Pidal, máis coñecido como Zalaeta por se ubicar no polígono do mesmo nome. Falamos de Vicente Antonio Posse Roybanes. Sen o seu traballo e investigación a expedición Balmis non sería, ou sería outra cousa.

Un médico eminente

No Album da ciencia, do Consello da Cultura Galega, podemos ler: “A traxectoria profesional deste eminente médico, estivo marcada pola difusión da vacina da varíola. Segundo os datos dispoñibles, foi o primeiro en utilizar esta nova técnica en Galicia, á vez que a súa actividade profesional está marcada por actuacións que o fan merecedor de ser o seu primeiro difusor en Galicia. Coñecemos o seu labor profesional a través da documentación do Hospital da Caridade da Coruña, do que foi médico, e da correspondencia dirixida á Real Audiencia e conservada no Arquivo do Concello da Coruña.”

Pose naceu en Betanzos (1753) e morreu na Coruña (1809).

Non só sería o primeiro en introducir a vacina na Galiza senón que o faría ao mesmo tempo que en Cataluña o fai Piguillén, introdutor da vacina en España. Hai quen considera improbábel a hipótese de na altura de 1800 Galiza estar á vangarda da investigación na loita contra a varíola,  se ben Carlos M. Fernandez Fernández, a quen seguimos a partir de aquí, no seu estudo El médico Pose Roibanes: un brigantino en los inicios de la lucha contra la viruela, publicado no Anuario Brigantino nº 30, de 2007, non desbota esa posibilidade e pregúntase se o intenso contacto marítimo que A Coruña mantiña con Inglaterra podería ter xogado a favor de Pose se anticipar na difusión da vacina descuberta na Inglaterra.

A primeira vacina

Pose realiza a primeira vacina o 16 de agosto de 1801 “en la criatura que entonces mas amava y era el fruto de mi hija única, un niño hermoso que a la sazón era de cinco meses de edad”.

A chegada de Balmis á Coruña, de onde partiu o 19 de novembro de 1803, supuxo para Posse o contacto con quen na altura era considerado a máxima autoridade na materia, quedando encargado de manter o virus fresco por se a expedición tiña que regresar. Pouco despois tivo ocasión de dirixir as campañas de vacinación perante os andazos de Bergantiños, A Coruña e mesmo, en 1808, toda Galiza.

Hoxe a varíola está oficialmente erradicada. O derradeiro caso foi en Somalia en 1977. A última campaña masiva da OMS foi en 1967

Roybanes foi pioneiro na propagación da vacina para mitigar a varíola, contribuíndo á posta en marcha da sala de vacinación do Hospital da Caridade e obtendo o recoñecemento da propia Coroa. Do Hospital de Caridad non queda nada, só unha referencia no nome dunha rúa. Sobre o seu solar érguese un centro educativo. 

Nota de Sermos: por erro informamos na primeira versión desta noticia que o filme 22 Ángeles se emitira o 12 de novembro, cando en realidade foi onte 12 de decembro.

Comentarios