Análise

Materia da Bretaña: Galiza e a busca do Graal

O investigador Héitor Picallo descobre catro persoeiros vinculados ao ciclo artúrico: Broadas l’Espagnol; Armand le Pelerin; Malaquin le Gallois e Hermin le felon. Do primeiro cabaleiro dise que é de Londres, do segundo só sabemos polo seu apelativo que está vinculado con España, o terceiro é galo e o cuarto galego. Eis os aspectos que destacan nesta nova caracterización de personaxes artúricos. 
Na esquerda Hermin le Felon e no centro os escudos de Hermin le Felon e Malaquin le Gallois. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Na esquerda Hermin le Felon e no centro os escudos de Hermin le Felon e Malaquin le Gallois. (Foto: Nós Diario)

A Xosé Henrique Costas

Ben se podería comezar este capítulo da historia do símbolo galego cunha referencia a obras contemporáneas como Morgana de Esmelle (de Begoña Caamaño), Amor de Artur (de Xosé Luís Méndez Ferrín), Galván en Saor (de Darío Xohán Cabana) e A procura do falso Grial (de Manuel Forcadela); pero tamén cumpriría asexar nos universos literarios de Cunqueiro e Ramón Cabanillas, amais de revisarmos a obra plástica de Camilo Díaz Baliño. Porque se a conclusión é que desde o Rexurdimento galego, pasando polas Irmandades da Fala, até os nosos días agroman obras provistas dun halo artúrico; chegados a este final, habería pois que volver ás orixes para ascender por esa espiral cíclica que nos liga como un umbilical ao útero místico e mítico do lendario Graal.

A Historia dos reis da Bretaña, a Historia de Merlín, o Lancelot en prosa, coas súas tres seccións fundamentais..., son parte das fontes que trasfegan inspiración desde hai ben séculos. Nos ciclos da Vulgata e Post-Vulgata existe unha marea de personaxes, algúns dos cales han ser rescatados en textos posteriores para lles dar unha nova vida e, incluso, asignarlles unha caracterización máis precisa.

Os catro cabaleiros

Catro son os persoeiros desa órbita que queremos tratar nestas liñas, todos vinculados ao ciclo artúrico. O primeiro deles é Broadas l’Espagnol, do que só sabemos o seu nome e que a súa figura se confunde coa doutros personaxes. O segundo sería Armand le Pelerin, o seguinte Malaquin le Gallois, que aparece referido citado no Tristán en prosa, n’A Demanda, n’A Conquista do Santo Graal, n’O Lancelot do Lago e n’A morte de Artur. Este resulta ser un dos doce pares de cabaleiros que participan no Torneo da Marche, fazaña que lle asegura un posto entre os compoñentes da Táboa Redonda. O último protagonista, chamado Hermin le felon, ten por irmán o rei Armant da cidade Vermella e participa na busca do Graal. Cítase tanto no Tristán en prosa como n’A Demanda e n’A morte de Artur, obra elaborada por Thomas Malory (1416-1471).

No contexto do século XV grelea unha serie de manuscritos franceses vinculados coa celebración de torneos e que se nutre de textos ben diversos, como o Traité de la forme et devis comme on peut faire les tournois (1451-1452) do rei de Xerusalén René d’Anjou. Pero non nos desviemos dos manuscritos desa centuria, algúns datados nas últimas décadas, pois constitúen verdadeiras alfaias no que a contidos e a miniaturas se refiren, porén existen copias do século XVI de certo significativas. En todos eles cítanse os catro cabaleiros referidos: Armand, Broadas, Malaquin e Hermin. Do primeiro dise que é de Londres, do segundo só sabemos polo seu apelativo que está vinculado con España, o terceiro é galo e o cuarto galego. 

Nesa nova caracterización de personaxes artúricos saltan á vista varios aspectos. Por unha banda, o peregrino usa cunchas xacobeas no seu escudo, quizais sexa o resultado dunha súa viaxe a Compostela; o galo emprega por emblema un cáliz con tapa, de que aí que haxa autores que insinúen unhas “orixes” galegas para o mesmo. Sibileau Freddy déixao así reflectido: “Selon l'Armorial, ses armes indiquent que Malaquin vient du royaume de Galice”. Para maior detalle, o cáliz que emprega resulta case idéntico –nalgún manuscrito– ao asignado para Galiza no Bergshammarvapenboken (c. 1450).

‘Galice, Galice’

En segundo termo, eses textos cabaleirescos afirman que Hermin ou “Armin estois du royaume de Galice”. No fabuloso exemplar que fora de María Antonieta (raíña de Francia) tal Armorial de la Table Ronde certifica a caracterización galega do personaxe, pois era un gran cabaleiro, de cabelos negros, áxil e de grande audacia. Tamén gustamos de saber que o seu brasón trae por divisa o lema “Galice, Galice” e como animais totémicos tres galos (un deles na cimeira). O brasón porta un burelado amarelo e azul (ouro e azur) semellantes a aqueles paus coas mesmas cores (ou azuis e brancos) atribuídos a Galiza e que aparecen cabo da Crónica do Concilio de Constanza (1413), redacta Ulrich Richenthal (c. 1430).

Perante isto xorde agora unha pregunta ineludíbel: terá algo que ver o escudo de Hermin le Felon con estoutra fonte citada? Claro queda que Galiza é unha nación importante para a cultura europea, por que se non a distinción entre España e Galiza? Sen dúbida, a literatura cabaleiresca post-Vulgata contempla o noso país non só no horizonte das letras, senón incluso no emocional e identitario. Velaquí un feito que cumpriría ser investigado en Les noms, armes et blasons des chevaliers et compaignons de la Table Ronde, au temps que ils jurèment la Queste du Sainct Graal à Camaloth le jour de la 
Pentecouste.

Comentarios