O masón galego que estivo a piques de ser o primeiro lehendakari

O pontevedrés José Echeverria Novoa era gobernador de Bizkaia cando o golpe franquista. Rexeitou o cargo de lehendakari alegando que debía ser ocupado por un vasco. Foi, en 1930, un dos asinantes do Pacto de Lestrobe, polo que se creou a Federación Republicana Galega. Morreu en 1984 nos Estados Unidos, practicamente na indixencia.

aguirre novoa
photo_camera José Antonio Agirre xura como Lehendakari en Gernika (7 outubro de 1936). O primeiro pola dereita é Echeverria Novoa. Foto: Fundación Sabino Arana-Arquivo do Nacionalismo Vasco

O primeiro lehendakari estivo a piques de ser un galego. De Pontevedra, republicano, de esquerdas e masón para máis dados. O seu nome, José Echeverría Novoa, un pontevedrés de familia galega orixinaria de Iparralde que era gobernador civil de Bizkaia cando se produce o alzamento fascista. A historia contáballa o historiador Sergio Balchada á xornalista Rocío Castro na reportaxe Galegos anarquistas no Exército vasco, publicada no semanario en papel Sermos Galiza nº 203.

A actuación de José Echeverría Novoa foi determinante para evitar que Bilbo caese nos primeiros momentos en poder dos sublevados franquistas. Interceptou as comunicacións entre os militares, aos que puxo en vixilancia xa antes do golpe, e tomou a decisión de armar o pobo “para evitar que os militares tomasen o control”, segundo Balchada.

jose echeverria novoa“Era un home moi interesante, moi culto, xa tivo multas polo seu republicanismo en Pontevedra. Era masón, pertencía á loxia Helenes nº7 de los Valles de Pontevedra”, sinala Balchada. Militante de Izquierda Republicana, foi un dos asinantes do Pacto de Lestrobe en marzo de 1930 polo que se creou a Federación Republicana Galega.

 “Puido ser o primeiro lehendakari de Euskadi, pero el rexeitouno porque dicía que tiña que ser un vasco”, lembraba o historiador. Na Enciclopedia da emigración alega recóllese que o propio Echeverría contaría anos despois que fora o propio José Antonio Agirre quen o visitara para lle propor a presidencia do goberno autónomo vasco.

Balcheda lamenta os derroteiros finais da súa vida. Exiliouse en Panamá, Cuba e Estados Unidos, onde morreu en 1984 en Miami “practicamente na indixencia”. Nunca voltou a Galiza nin ao Estado español.

Novoa non foi o único galego que combateu o fascismo en Euskadi. Na reportaxe de Rocío Castro afóndase na ampla participación galega no Exército Vasco durante a Guerra Civil, sobre todo a través organizacións anarquistas.

 Sergio Bachada ten contabilizados máis dun milleiro de galegos coa procedencia comprobada, aínda que “había moitos máis” e outros autores falan duns 5.000. “A maioría estaba na mariña auxiliar de Euskadi e en dous batallóns de corte anarquista, o Batallón nº1 Bakunin e o nº6 do Batallón Celta, aínda que tamén os había noutros de corte socialista ou comunista”, afirmaba nesa peza do semanario. “Tamén había unha compañía de galegos no Batallón Disciplinario, ao mando de Pancorbo”. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios