'Os nomes do Terror'

Antón Mascato: "400 persoas son vítimas directas da represión no Grove"

Antón Mascato García (O Grove,1957) atesoura unha abondosa bibliografía sobre a represión franquista no Grove. Autor en 2019 do volume Atila no Grove. Crónica política e memoria da masacre (1923-1948), achéganos agora nas páxinas de Nós Diario da man do coleccionábel Os Nomes do Terror unha investigación sobre os vitimarios nese concello.

Antón Mascato
photo_camera Antón Mascato

Está claro que o golpe de Estado de 1936 e a instauración do novo réxime abriu unha fenda nas nosas sociedades en relación co período anterior, como cualificaría O Grove republicano e que significaría del en termos políticos?

No período da II República, no pequeno territorio do Grove, que andaba arredor dos 5.000 habitantes daquela, prodúcese un trebón de actividade social e política. Todo o abano coñecido da época e outras forzas e organizacións de carácter singular e local emerxen con forza. Pero o significativo é que non se trataba de organizacións simplemente formais, ao contrario, todas e cada unha desenvolveron unha forte actividade, en boa parte debido á desmedida represión que se vive no período da ditadura de Primo de Rivera. Tanto ten se falamos de sindicatos, de organizacións culturais e recreativas, ou das diferentes forzas políticas con varias opcións de dereitas, de centristas e de varias de esquerdas. O Grove era un lugar, aínda é, altamente politizado. A CNT era hexemónica entre os traballadores do mar e as traballadoras da conserva ou o Partido Galeguista tiña uns 30 afiliados, e 12 afiliadas, sendo o alcalde Xacobe Barral, o derradeiro da etapa republicana, o seu presidente. 

O cóengo falanxista Silva Ferreiro chamoulle ao Grove "a meca do comunismo provincial de Pontevedra", e xustamente o comunismo, en 1936, tiña xa algunha célula organizada pero aínda moi pouca forza na localidade, si vai tela mais tarde. 150 mozos saíron, ben organizados, o vinte de xullo cara Pontevedra para defenderen a República, a maioría desarmados,  pero o salientábel é o feito de que até 1948 non arrían, os fascistas, o seu labor de exterminio, seguiron perseguindo até entón, precisamente por ese fervello social, tan vivo antes da sublevación, que non se deixou derrotar. Nese ano deteñen a trece militantes do PC, asasinan ao derradeiro guerrilleiro, Enrique Ferreirós, e a Francisco García Moldes, o dirixente galeguista. Foi demasiado nun só ano. Só a partir de aí podemos dicir que O Grove quedou sen referentes políticos activos. Daquela comezou a memoria herdada, a que se transmitía nas casas, pola noite, en voz baixa.

Joaquín Álvarez Lores non foi só franquista que o foi, e non foi só falanxista, que tamén o foi, foi o alcalde mais reaccionario que tivemos neste concello

Sinala no seu artigo que no Grove teñen “todas as tipoloxías do que aconteceu en  1936”, que destacaría da represión desta localidade e cal foi o seu alcance?

400 persoas, entre elas unhas 40 mulleres, son vítimas directas da represión, do rexistro ao que demos chegado documentalmente, falamos de persoas que o son en graos diferentes de sacrificio, non de familiares ou vítimas indirectas, iso é moita xente para tan pequeno lugar. Cando levantamos o rexistro desas vítimas, fixémolo quer fosen elas por feitos acontecidos na península, ou en calquera outro lugar, caso do militar da mariña Manuel Álvarez Porto, que foi fusilado nos primeiros días de agosto do 36, polos feitos acontecidos a bordo do barco no que "servía" á República, o Comandante Casado. Ou de Ángela Caneda Pérez, que aínda non fixera dezaseis anos cando a deteñen e a meten no depósito municipal, para que, a base de malos tratos, denuncie o paradoiro de dous dos seus irmáns, Carlos e José, anarquista e comunista respectivamente, que xa estaban fuxidos dende había meses, cando a poñen en liberdade está en tal estado físico que non dura mais dunhas semanas con vida. A maldade chegou até o punto de bater nunha muller embarazada para que denunciase o agocho do seu home fuxido, coñecéndoa eran sabedores de que só podía estalo del, as tundas provocáronlle un aborto e acusárona de anticristiá por abortar, o que lle custará un proceso e unha condena de cárcere.Nunca delatou ao seu compañeiro, que continuou catro anos metido nunha cova. Cousas destas foron frecuentes.

Un dos crimes que ficou máis presente na memoria das xentes do Grove foi o asasinato do dirixente nacionalista Francisco García Moldes, que pon en relevo da súa figura política e que sabe sobre os responsábeis da súa morte?

O dirixente local do Partido Galeguista, Francisco García Moldes, mestre de escola e activista cultural, colaborador directo de Bóveda en Pontevedra, onde estudaba maxisterio, foi asasinado nese ano de 1948, cando seguía organizado facendo política e moita actividade cultural con Manuel Lueiro, o escritor. Sabedor de que é un mais dos procurados, dos que están nas listas negras do Mussolini local, aproveita a súa condición de universitario alférez de milicias, para entrar no exército, xa que eran promovidos ao rango de tenentes automaticamente, e pedir praza no corpo xurídico co obxectivo de procurar defender a veciños, camaradas e amigos. Conségueo con varios para os que acada sentenzas absolutorias ou moi minorizadas; faino porque coñece ben aos protagonistas, vítimas e verdugos, implícase a fondo nos casos e ten toda a información para desmontar o embuste das acusacións e das escasas testemuñas de cargo, contrarias aos que eran xulgados. Faino, por exemplo, na causa do dirixente do sindicato de oficios varios "A Fraternidade" do Grove, Manuel Filgueira Filgueira, membro como el mesmo, do Comité Antifascista local, obrigando a desdicirse das acusacións a protagonistas da persecución como o ex alcalde Joaquín Álvarez Lores. En 1943, cando cre que xa nada hai que temer e o réxime da mostras de ter menos contas pendentes de executar, renuncia ao seu estado de militar "provisional" e volve ao ensino. 

O cura José Bretal Martínez converteu o confesionario nunha oficina de delacións e con quen non rezaba a obriga do silencio polo segredo de confesión

O seu asasinato prodúcese mentres le o xornal pola noite, nun café en maio de 1948; dous uniformados un de verde e outro de azul, achéganse á súa mesa e cando están detrás del, alguén -cómplice necesario- baixa o "machete" da luz. Nos vinte segundos do apagón, un tiro de pistola que lle atravesa a cabeza, remata coa súa vida. O falanxista é Jaime Soto Martínez, ourensán casado no Grove, traballador da Sociedade Anónima da Toxa, que fora en 1936 o máximo responsable do sindicato da Falanxe en Lavadores, Vigo. Tres semanas máis tarde, un irmán de García Moldes, Antonio, xuíz naquel momento, agárdao de noite na ponte da Toxa e pelexa con el, cando está a piques de chimpalo ao mar, sabedor de que non sabía nadar, aparecen traballadores da Illa de volta da súa quenda laboral que separan aos da disputa. Houbo un expediente de esclarecemento de responsabilidades pero quedou, como tantos outros, en nada; non houbo testemuñas en contra do xuíz. A única a favor do falanxista foi a do cabo Veneno, Blas Aranda, que non estaba alí, e si na noite do crime de Francisco García Moldes.    

A figura do alcalde franquista Joaquín Álvarez Lores segue a xerar polémica, mesmo con denuncias nos tribunais de xustiza, cal é a súa visión sobre o labor desenvolto por Álvarez Lores como máximo responsábel falanxista na localidade?

Joaquín Álvarez Lores non foi só franquista que o foi, e non foi só falanxista, que tamén o foi, foi o alcalde mais reaccionario que tivemos neste concello.E  non emito unha opinión, ofrezo datos: xa en 1923 era membro do Somatén, concretamente sub cabo do Corpo provincial de Somaténs de Pontevedra; e foi o alcalde durante toda a ditadura de Primo de Rivera, sinalado por moitas fontes como o responsábel do exercicio do poder municipal con violencia extrema. Foi logo o alcalde gobernativo nos dous anos do Bienio Negro e membro da Falanxe. Despois aínda será alcalde franquista, nos anos 1941 e 1942, e foi tamén cabo da Garda Cívica de Víctor Lis Quibén. Quer dicir isto que militou en tres organizacións paramilitares que se destacaron na aplicación do terror e a violencia contra os seus adversarios políticos; e alcalde nos tres períodos ditatoriais do seu tempo, sen se someter á elección popular, xa que cada vez que se presentou a un proceso electoral perdeu por "goleada". A xente chamáballe o "alcalde das ditaduras". O seu comportamento fascista está recollido en causas de procesos sumarísimos, nos que non tivo compaixón polos que ían ser fusilados. El e seu pai, Eloy Álvarez Benavides, son as principais testemuñas de cargo contra destacados dirixentes de Izquierda Republicana ou do Partido Galeguista como Jacobo Otero Goday, Ángel Cadavid Camaño, ou Xacobe Barral Otero. Non son os únicos, pero foron terribles, como o foron as acusacións do párroco José Bretal Martínez, militante falanxista, e responsábel de persecucións daqueles que se "descarriaron" afeito a portar o hisopo na man esquerda e unha pistola na dereita; o crego que convertera o confesionario nunha oficina de delacións e con quen non rezaba a obriga do silencio polo segredo de confesión.

As denuncias nos xulgados son dunha filla e un fillo do "alcalde das ditaduras"; ela foi a xefa da sección femenina da Falanxe case todo o franquismo, beneficiaria de privilexios desta negra época. Outro fillo do "alcalde das ditaduras" foi o primeiro alcalde, en 1979, do Grove, nas listas do PC, no período da reforma política, aquela que mantivo cargos e privilexios e que nada rachou co anterior, non sendo a airexa de frescura que vendían as proclamas tipo "libertá, libertá, guárdate tu miedo y tu ira...". Non aguantou no cargo mais de dous anos, enfrontado a vellos comunistas como Manuel Lueiro Rey, Antonio Garrido Vidal, ou Ramón Arce. Claro, nós tiñamos que gardar a ira acumulada de tantos asasinatos, de tanta tortura, das violencias reiteradas, de tanta falta de liberdade... tocaba seguir calados que os de sempre xa non vestían a camisa azul. En resumo, a política entendida como unha ferramenta de utilidade para manter os beneficios a perpetuidade, como dixo Juan Gelman "A nosa verdade é o sufrimento. A dos asasinos, a covardía do silenzo. Así prolongan a impunidade dos seus crimes e a civerten en impunidade dúas veces”.

Non só a Garda Civil, os cívicos, os falanxistas e os militares, todos cumpren coa súa parte no masacre das 400 vítimas

Que papel lle atribuiría ao estamento militar e moi concretamente a Guarda Civil no conglomerado represivo no Grove?

Pois que vou dicir que non saibamos xa pola sistemática seguida en case todos os lugares. Quizais dicir que entre o 18 e o 25 de xullo non había no Grove nin un só garda civil, carabineiro, militar de terra ou membro da mariña,foron todos concentrados en Vilagarcía. E que os cívicos e falanxistas, estiveron agochados nas súas casas, sen saíren en todo ese tempo, por certo acovardados. As armas que había no cuartel da Garda Civil e as que se atoparon en casas de significados dereitistas como a do cívico Ceferino Solá, ou os Álvarez, bombas incluídas, foron requisadas por delegados do gobernador e trasladadas a Pontevedra, a onde non puideron chegar con elas ao estar xa tomada polos militares sublevados. Cando, o 25 de xullo, entra un destacamento militar ao mando do comandante Revilla, o primeiro que fan é disparar e abater a unha das persoas que estaba na rúa vendo o pasar dos camións, dende onde lle disparan ao mariñeiro José González Prieto “O Gharaghea”. Ese foi o primeiro morto. Aquela xornada acumula unha ducia de feridos, e trece detidos. Dende esa data o sarxento González Leiro, da Garda Civil, comeza a instrución de expedientes de represión e varios dos número que ten ao mando participan en accións de sacas, nocturnas, sen calquera arroupe de legalidade. Non só a Garda Civil, os cívicos, os falanxistas e os militares, todos cumpren coa súa parte no masacre das 400 vítimas que demos documentado. E hoxe sabemos quen son os que estiveron detrás das armas asasinas, porque a diferenza doutros lugares, no Grove, quedaron paseados sen rematar, sobreviventes ao seu asasinato; listaxes de letra clara, ben recoñecible, cos nomes dos que había que matar; e mesmo asasinatos a plena luz do día, á vista da xente, que nunca esqueceu que eran os criminais. Nunca. Por iso a memoria herdada, a transmitida de pais e nais a fillas e fillos foi tan importante no Grove.

Comentarios