O martirio esquecido de María Gómez

María Gómez de Soutomaior foi outra mártir da rebelión galega contra Castela do século XV. Irmá de Sueiro Gómez de Soutomaior e curmá de Pedro Madruga, exemplifica aquela nobreza que apostou por unha Galiza de seu, arredada de Castela, unida a Portugal e virada cara aos pobos do Atlántico.

Sepulcro_de_Sueiro_Gomes_de_Soutomaior
photo_camera Sartego do mariscal de Sueiro Gómez de Soutomaior, irmán de María Gómez, no Museo de Pontevedra. (Foto:Nós Diario)

Soubemos do martirio de María Gómez de Soutomaior por Francisco Rodríguez. O historiador galego dá conta no seu último libro, Unha etapa estelar e conflitiva do reino de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo I A relevancia do reino medieval galego, editado pola AS-PG; do seu asasinato polas forzas do arcebispo compostelá, Alonso de Fonseca, naquela altura ao servizo dos Reis Católicos, por considerala sospeitosa de apoiar a causa da raíña Xoana, dada a súa relación familiar con Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido popularmente como Pedro Madruga.

Rodríguez, na súa decisiva investigación para coñecer a historia do Reino da Galiza, explica as causas da dependencia do país e entender o problema nacional galego, sinala, seguindo a Benito Vicetto, en relación con María Gómez de Soutomaior, que “foi feita prisioneira e encarcerada en Santiago, morrendo aos tres días na prisión de pena”. Na mesma liña, indica que “foi enterrada no convento de San Domingos cunha lápida en galego. “Aquí iaze a nobre señora dona María Gómez de Soutomaior, irmá de Sueiro Gómez de Soutomaior, Mariscal. E muller de Sueiro de Oca. Deus perdoe a súa ialma”.

O asasinato de María Gómez de Soutomaior explícase no contexto da revolución galega contra Castela do século XV e no marco da loita das forzas castelás contra o sector da nobreza do país que defendía a causa da raíña Xoana.

A este respecto, Rodríguez explica como Fonseca, “sospeitando da relación política, de opinión de Sueiro de Oca, señor das terras do mesmo nome, próximas a Santiago, con Sueiro Gómez, por estar casado coa súa irmá, e ser curmán do Conde Caminha, asaltou as súas terras en dirección á súa casa forte, para collelo sen capacidade de reacción. Sueiro de Oca logrou fuxir a Ourense”.

O partido xoanista

Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga ou Conde Caminha, foi o máis significando representante do partido xoanista ou portugués na Galiza. Contou co apoio dalgúns dos máis caracterizados nobres galegos de momento, entre eles con case total seguridade con Pardo de Cela, mantendo apoios, aínda a comezos do século XVI. Porén, a adhesión á causa de dona Xoana na Galiza non respondía a razóns de lexitimidade dinástica, senón á consideración de que representaba a causa dunha Galiza de seu, arredada de Castela e ligada a Portugal.

Galiza con Portugal

A revolta estivo perto de acadar o éxito. No marco das diversas conversas estabelecidas entre Afonso V e os Reis Católicos para pór fin ao conflito, o rei portugués solicitou a separación da Galiza de Castela e a súa incorporación a Portugal. Segundo recolle a Crónica de Afonso V, nas negociacións abertas tras a batalla de Toro, nas que participou Pedro Madruga, o monarca luso solicitou polos dereitos que tiña como esposo de Xoana: “tinha nos Regnos de Castella, lhe soltssen liuremente algua parte do senhorio della, e que esta seria bo regno de Galiza como todos os seus termos”. Á volta de xuño de 1476,  momento no que o monarca portugués achega a súa oferta a Isabel e Fernando, a Galiza é o único territorio peninsular onde a súa causa conta con base territorial.

A revolución galega contra Castela nas décadas finais do século XV só puido ser derrotada  após dunha gran campaña militar dos exércitos dos Reis Católicos coa colaboración de forzas mercenarias francesas e unha dura represión sobre a poboación galega. A mesma, deixou mártires mitificados polo pobo e expulsados da historia oficial como Pardo de Cela, executado en Mondoñedo en 1483, ou a súa filla Constanza, morta en combate no castelo de Caldaloba, en Cospeito, a mediados de 1844. Ao seu carón é onde cobran sentido figuras como  María Gómez de Soutomaior, unha mártir da mesma causa esquecida por un relato dirixido a agochar a rebeldía galega e o proceso político de incorporación subordinado a Castela.

Unha mostra do alcance da represión castelá na Galiza contra esta revolución galega concrétase no exilio portugués e bretón de arredor de 1.500 galegos que participaron na revolta. Hernando del Pulgar, secretario de Estado e cronista oficial dos Reis Católicos, na súa Crónica de los Señores Reyes Católicos Don Fernando y Doña Isabel de Castilla y de Aragón, dá información da represión contra os galegos e do seu exilio. Así, escribe en 1487, que “no Reino de Galiza había moitos homes que por mortes e delitos estaban condenados a penas de morte e desterro, e outras penas corporais, e estes eran en grande número, os cales por medo ás penas, fuxiran ao Reino de Portugal, Ducado de Bretaña e á Francia”.

Dona Xoana, unha raíña de nós

Dona Xoana pasou á historia como A Beltranexa, a raíña que a Galiza puido ter pero que "o malfado" da historia impediu. A "excelente señora para os galegos e portugueses", a "monxa tola para os casteláns", exemplifica nun tempo histórico a vontade  de conformar unha Galiza de seu.

Comentarios