O martirio das corporacións locais republicanas

O proxecto impulsado pola Deputación da Coruña "Xeración perdida. Representatividade institucional republicana e represión na provincia da Coruña", dirixido polo profesor da USC Emilio Grandío, permitiu coñecer con precisión o alcance da represión franquista sobre as corporacións republicanas. Recupérase da súa man a memoria dos alcaldes e concelleiros vítimas da ditadura.
Alfredo Suárez Ferrín, Tomas López da Torre, Jesús Castaño Galdo e Ánxel Casal Gosengue.
photo_camera Alfredo Suárez Ferrín, Tomas López da Torre, Jesús Castaño Galdo e Ánxel Casal Gosengue.

Alfredo Suárez Ferrín acabou fusilado o 31 de agosto de 1936 no coruñés Campo da Rata após ser condenado a morte nun consello de guerra uns días antes. Segundo testemuñaron algúns compañeiros de presidio, pasou toda a noite anterior á súa morte escribindo cartas para os seus familiares e amigos, onde deixou testemuño do seu proceso e onde expresou o seu convencemento no trunfo das ideas democráticas. Os escritos apareceron rachados na porta da súa cela o día do seu asasinato e nunca chegaron ao círculo íntimo do rexedor coruñés. Especialmente querido polos seus veciños e veciñas, este profesor mercantil e comerciante aterrou na alcaldía da Coruña en 1934 e recuncou no cargo en febreiro de 1936, após o trunfo da Fronte Popular.

Ánxel Casal tiña presentada a súa dimisión como alcalde de Santiago de Compostela o 18 de xullo de 1936. Seguindo un acordo da dirección do Partido Galeguista para axilizar a con‑ vocatoria de eleccións municipais no Estado, os concelleiros nacionalistas na corporación da capital galega formalizaron a súa renuncia. Porén diante do golpe de Estado, Casal volveu á alcaldía para tentar endereitar a situación. Impresor e propietario da editorial Nós en Santiago, cuxo local rematou saqueado e parte do seu fondo de libros queimado polos franquistas, foi detido o 4 de agosto nunha aldea de Arzúa e confinado no cárcere de Santiago de Compostela. Sen mediar ningún procedemento de condena, abondou con que a noite do 18 de agosto un grupo de falanxistas o sacasen da cadea, atendendo ordes das autoridades, e que lle desen horas despois o paseo nas proximidades de Cacheiras, en Teo.

A aniquilación física de alcaldes e concelleiros non se limitou ás areas urbanas. Así, por exemplo, en Betanzos foron asasinados os seus alcaldes José Novo Rodríguez e Tomás López da Torre, após unha tentativa de fuxida conxunta e unha detención nas preto de Guitiriz. Novo Rodríguez, asociado politicamente a Casares Quiroga, adherente da Organización Republicana Galega (ORGA) e Izquierda Republicana levou o bastón de mando entre 1932 e 1933. Foi paseado o 29 de xullo, tras ser sacado do cárcere de Betanzos. López da Torre, iniciado politicamente nas filas  do nacionalismo das Irmandades da Fala, afiliouse ao PSOE na segunda metade dos anos 20, ocupou a Alcaldía entre febreiro e xullo de 1936 e rematou fusilado tras un proceso o 1 de outubro de 1936.

A historia repítese noutras comarcas coruñesas. O 24 de xullo de 1936 foi paseado en Ombre, no concello de Pontedeume, Juan Prieto Balsa, veterano loitador operario, militante do Partido Comunista de España e alcalde de Mugardos. Unhas semanas máis tarde, concretamente o 10 de agosto executaron o alcalde socialista de Ares, José López Lourido. Así as cousas, 6 dos 18 alcal‑ des desta comarca remataron asasinados polas autoridades franquistas, entre eles Alejandro Porto Leis. Porto Leis, primeiro alcalde republicano de Serantes, foi suspendido do cargo, procesado con motivo da revolución de 1934 e pase‑ ado o 5 de febreiro de 1938 na praia da Frouxeira, en Valdoviño, canda outros tres compañeiros de clandestinidade, tras ser de‑ latados por un médico ao que solicitaran axuda.

20,5% do total dos concelleiros, represaliados

A investigación desenvolta dentro do proxecto "Xeración perdida", impulsado pola Deputación da Coruña e dirixido polo profe‑ sor da Universidade de Santia‑ go de Compostela (USC), Emilio Grandío, dá conta dunha represión xeneralizada contra as cor‑poracións locais republicanas. Así, uns dos autores do mesmo, Alfonso Iglesias Amorín e Rosalía Regueiro Méndez, sinalaron que "cando menos 334 sufriron algún tipo de represión, é dicir, un 13,5% dos concelleiros padeceron penas de privación de liberdade, foron executados, exiliáronse, fuxiron ou foron procesados. Esta porcentaxe aumenta dunha maneira considerábel se temos en conta só os datos da Fronte Popular en 1936. Neste caso, de 1.294 alcaldes e concelleiros, 266 sufriron algún tipo de represión, é dicir, un 20,5%. De feito, dos 334 represaliados, só 48 non formaron parte das corporacións constituídas en 1936, namentres que o 85,6% si o fixeron".

Alfonso Iglesias Amorín e Rosalía Regueiro Méndez nun libro publicado pola Deputación da Coruña baixo o título Xeración perdida. Coruña'36 certifican 88 concelleiros mortos, 78 encarcerados, 34 exiliados, 12 fuxidos, 86 sancionados e 36 procesados. Neste sentido, destacan que "a maior parte dos 88 mortos contabilizados nas corporacións municipais coruñesas perderon a vida sen que mediase unha condena de morte. Un total de 67 concelleiros foron asasinados sen que nin tan sequera existise un esforzo por tratar de darlle unha aparencia legal ao asunto. O mecanismo máis empregado foi o do "paseo", un eufemismo para referirse a execucións sen sumario nas que os obxectivos eran sacados das súas casas ou do cárcere e levados a lugares apartados, como descampados, ou mesmo aos cemiterios, onde se remataba con eles".

"Outros morreron durante a súa reclusión, antes de que dese tempo a calquera tipo de xuízo. Varios deles recibiron un disparo, mostra inequívoca de que non se quixo agardar ao resultado do xuízo, namentres que outros pereceron froito de malleiras recibidas, que podían ter ou non o obxectivo de rematar coas súas vidas", conclúen Iglesias Amorín e Regueiro Méndez, quen na súa investigación estudaron a peri‑ pecia vital de 2.467 concelleiros para o conxunto dos concellos coruñeses durante todo o que durou a II República.

As múltiples tipoloxías represivas

O asasinato foi a forma máis decisiva da represión política practicada polas autoridades xurdidas do golpe de Estado de 18 de xullo de 1936. Porén, a carón da aniquilación física do adversario, o réxime franquista perseguiu de diversos xeitos, como o encarceramen‑ to, o exilio ou as sancións económicas ou administrat vas, centos de cargos electos das diversas corporacións das comarcas coruñesas. As cadeas dos partidos xudiciais coruñeses enchéronse de detidos políticos, así como centros de detención habilitados especialmente para aquela conxuntura, entre eles varios campos de concentración, como os operativos en Rianxo, Padrón, Cedeira, Muros, Santiago de Compostela ou Ferrol.

A investigación desenvolvida dentro do proxecto "Xeración perdida. Representatividade institucional republicana e represión na provincia da Coruña" confirmou que "pola cadea, con maior ou menor sorte, pasaron 83 concelleiros e alcaldes, se ben esta cifra ascende se temos en conta que, aínda que varias das sentenzas acabaron en sobresemento ou absolución, non quita que os procesados e inculpados de seguro terían pasado algún tempo detidos.

Así, a cifra dos que se viron retidos entre reixas, ascendería até 112". Alfonso Iglesias Amorín e Rosalía Regueiro Méndez nun artigo publicado no libro editado pola Deputación da Coruña baixo o título Xeración perdida. Coruña'36 afirman que "a duración das condenas variou entre a reclusión perpetua (30 presos) e os dous meses e un día (1 condenado). Entre unhas e outras, o abano é variábel: 20 anos ou 20 anos e un día, 15 anos, e 12 anos ou 12 anos e un día. Ademais, sabemos de algo menos dunha trintena de casos que sufriron algún tipo de prisión/ detención, mais as fontes non especifican tempo".

Comentarios